Igrexa católica: o paroxismo da irracionalidade?
A Igrexa católica parece disposta a seguir vivindo nun mar de contradicións, algunhas delas, pola teimosía da súa manifestación, non sei se insuperábeis, por máis que a súa superación non significaría atentado contra a súa unidade, cohesión e fortaleza. Nembargantes prefiren enlordarse no paroxismo da irracionalidade e do ridículo sen remedio. Hai dúas das súas moitas contradicións que están intimamente ligadas. Unha é a negativa a permitir o acceso das mulleres ao sacerdocio, cando representan máis da metade do seu rabaño e son as homólogas e continuadoras do papel de María, como esposa e nai. A outra é a imposición do celibato aos seus ministros, clero ordinario e regular, coa conseguinte prohibición do matrimonio, o único sacramento que administran, mais non lles é de aplicación. Seguindo esta lóxica discriminatoria e absurda, chegamos á prohibición de manteren relacións heterosexuais e, non digamos, homosexuais. Non rechama esta concepción discriminatoria e prohibitiva pola súa aberrante oposición á consideración da persoa humana como ser único, inseparábel o seu corpo da súa psique, a súa materia e o seu espírito, así como pola cegueira perante problemas e necesidades humanas que, loxicamente, se manifestan tamén no seu seo?
De forma moi hiperbólica a xerarquía eclesiástica, en especial, ten unha propensión desmedida e obscena a incidir na condena da homosexualidade, alporizándose perante o progreso da lexislación que abre o matrimonio civil tamén ás persoas do mesmo sexo, en sociedades de tradición católica maioritaria: Estado español, Portugal, Franza, Brasil… Non deixa de ser elocuente esta descarada inxerencia nos asuntos que non son da súa incumbencia, pois a lexislación civil non impón a obrigatoriedade do sacramento matrimonial se abrir tamén na mesma dirección, xa que é terreo reservado á autoridade da Igrexa católica, como confesión relixiosa. O dogma católico di execrar toda relación sexual que non se guíe por unha orde natural, que eles vinculan ao obxectivo da procreación -velaí a súa condena irascíbel do aborto-, constituíndo por iso a relación home/muller, como parella, a única aceptábel. Mesmo desde a perspectiva reprodutora, a da complementariedade home/muller, á que hai que cubrir de afectividade espiritualista, non se pode acreditar en que o matrimonio, civil ou relixioso, conduza inevitabelmente á procreación. Ás veces por imposibilidade material, ás veces por ser evitada, a través de distintos métodos, alén de que o desexo máis frecuente sexa o de unir sexualidade e pracer, malia as crenzas relixiosas, a procreación non se produce. En todo caso, o afán por ter descendencia seguramente ten tanto de psicolóxico e social como de instinto de conservación da especie. Por certo, como xa razoaba Richard Wagner, se a renuncia ao amor sexual se defendese como virtude suprema, os seres humanos desaparecerían da face da terra: isto é, se a procreación dependese do ideal dos ministros da Igrexa Católica non se produciría. Nin o máis relixioso dos matrimonios, ancorado na confesionalidade católica máis estrita, vivirá á marxe da súa condición humana. E de querer facelo, serán aínda maiores e máis aberrantes os desacordos, conflitos, frustracións ou mentiras que se vivan.
,Así pois, coa súa forma de proceder nesta cuestión, a xerarquía da Igrexa católica, moitos dos seus ministros, carecen de sentido da realidade, a que eles mesmos están a vivir. O seu empeño prohibitivo e condenador resulta tanto máis rechamante canto eles mesmos fican á intemperie, con frecuencia, exhibindo condutas sexuais que desbaratan a súa dogmática posición, incorrendo mesmo en deformacións aberrantes por negar a súa condición humana. Sempre foi así, desde que a sexualidade foi hipocritamente desterrada da Igrexa de Pedro. Nestes tempos de espectáculos mediáticos, de chantaxes e corrupción económica desatada, de exhibicionismo individualista sen apego nin garantía da mínima privacidade, a sexualidade, a conduta sexual dos ministros da Igrexa católica, aparece descarnadamente no escenario público. Desta forma, insistir na condena dogmática, na prohibición ou combate contra as condutas sexuais tan naturais como propias da condición humana, non é só a manifestación dunha mentalidade inhumana, inquisitiva e falta de comprensión da realidade. Resulta moito máis grave: aparece como un exercicio de hipocrisía e cinismo que nos deixa atónitos. A carencia absoluta de sentido autocrítico, que os distancia, a cada paso máis, de moitos dos seus reais e potenciais seguidores, desbórdase nunha crúa brutalidade que os converte en ridículos ou abominábeis. Seguen actuando como se non fose con eles, asumindo, de forma impía, a dualidade entre o aparente e o real, entre a verdade e a mentira, como norma das súas vidas, pretendendo que os demais sigamos a súa doutrina e o seu exemplo. A pretendida aspiración catequética a unha moral congruente, malia for equivocada, acaba nun ridículo delirio, nunha desautorización irónica, nunha cruel farsa. Non hai nada que obxectar á evidencia pública de o Bieito XVI procurar a compañía dun espectacular e atractivo secretario, Georg Gänswein, moito máis novo, foren cais foren, o tipo de relacións que manteñen. Tampouco, malia o seu olor a novela rosa heterosexista, ás disputas polos favores sexuais e os amores dun atractivo seminarista entre dous coengos da Santa Igrexa Compostelá, saídas á luz por mor do affaire do Códice Calixtino. Moito menos, polas relacións sexuais de calquera tipo, queridas e consentidas, entre membros da estrutura eclesiástica e destes co seu rabaño, que se producen todos os días. Porén, si hai moito que obxectar ás súas monstruosas, por impías, hipócritas e cínicas, homilías que condenan a homosexualidade ou pretenden cerrar o acceso a unha institución social civil, a do matrimonio, ás persoas do mesmo sexo, como impiden as mulleres accederen ao goberno da Igrexa –por certo, acceso que xa reclamaba Concepción Arenal- ou as condenan, sen paliativos, por abortaren, alén de avogar pola instauración oficial de todo tipo de dificultades para non o poderen facer. Espantan, neste aspecto, as verborreas morbosas do Bispo de Alcalá de Henares, Juan Antonio Reig Plá, ou as intimidatorias e represivas exhortacións de Rouco Varela. Eles que padecen todos os pecados da carne, en versión deforme, e moitos do espírito, realmente condenábeis, a avaricia, en primeiro lugar, parecen empeñados en negar a evidencia de que os e as, para eles, fillos e fillas de Deus, somos feitos de carne, nela o espírito inherente, que necesitan, para a súa saúde, unha comuñón afectiva e sexual con outros, foren ou non do mesmo sexo. Agora que non poden controlar, como quixeren, a carne nin o seu espírito, prefiren seguir predicando no mesmo sentido, correndo o perigo de afogárense no propio lixo que orixinan.
Tanto ten que caian no abuso pederasta, por falta de vida sexual orientada cara aos adultos, entre xente madura. Dá igual que non podan fuxir da homosexualidade, inevitábel, como fenómeno humano natural, e non digamos cando a atmosfera masculina ou feminina cerrada a favorece, vivida como clandestinidade, un refuxio ideal, na tradición católica, perante as dificultades e os perigos do encontro íntimo entre iguais no mundo exterior. Para que inmutarse cos moitos casos de abandono, de desercións nas propias filas, por desexaren vivir á luz do día a sexualidade, en forma de matrimonio ou de parella, ou simplemente negárense a seguir representando un papel social que non se corresponde coa práctica, as necesidades e os desexos íntimos. E, por se fose pouco, que pachorrenta e inmutábel reacción cando todo isto se converte en espectáculo mediático, para seguir erre que erre enunciando o mesmo discurso como se nada estivese a pasar, xustamente cando o control e a censura sobre o seu propio mundo están desbordados, precisamente polo barullo dos seus pecados, e non os da carne, sempre máis entendíbeis, senón os relacionados co exercicio e a conivencia co poder, o diñeiro, a avaricia, que perderon o pudor de preservar a súa intimidade, tamén ela pasto da chantaxe. Sempre foi imperdoábel a súa dupla vara de medir en cuestións de sexo e moralidade. Agora resulta insoportábel, desde calquera punto de vista. É a manifestación da irracionalidade en estado de exasperación, sen posibilidade dunha credibilidade fundamentada. É algo máis que ridículo o que fan no seu papel de inquisidores e perseguidores dos dereitos que toda persoa humana ten en materia de realización afectiva e sexual, for da orientación sexual que for. Ver milleiros de persoas, de moi diversa condición embarradas no seu lodo, seguramente moitas con prácticas e condutas pola Igrexa católica desautorizadas e perseguidas, instadas a corear o seu prohibicionismo antihumano, indícanos que cumpren unha función social que ten como obxectivo manter unha orde social tan sinistra como irracional.