HOXE CATALUÑA, MAÑÁ.....

HOXE CATALUÑA, MAÑÁ.....

Houbo un tempo no que os defensores do sistema político saído da transición dicían que todo se podía defender sempre e cando se fixera sen violencia, non hai tantos anos diso e semella que pasaron séculos.

Pero resultou ser unha simple escusa, coa que ocultar a realidade dun sistema político que “en ausencia de violencia”, como gustaban dicir daquela, segue atacando e perseguindo ao discrepante.

Hoxe en Cataluña hai máis de 3000 persoas con causas abertas por supostos delitos relacionados co procés, causas que penden como espadas de Damocles e poden estar anos inactivas até que alguén decide activalas; non en función dos tempos propios do poder xudicial, senón en función dos intereses políticos do réxime. Son máis de 3000 persoas que non saben cal é o seu futuro xudicial, se os casos van ser arquivados definitivamente ou se van ser xulgadas.

Dísenos que grazas ao 155 en Cataluña hai xa unha situación como a anterior ao procés, situación na que o único problema está nos nacionalistas e independentistas, que utilizan todas as argucias ao seu alcance para seguir poñendo a bota do fanatismo identitario sobre o pescozo de quen queren vivir en harmonía, desfrutando desta España que se nos vendeu como o estado máis descentralizado de Europa.

Só precisamos escarvar un pouco para comprobar que a realidade é a contraria; escarvando descubrimos que en Cataluña hai un Parlament que está amordazado, o poder xudicial impídelle cumprir coa función para que foron creados os parlamentos, función que se desprende da súa propia denominación. No Parlament catalán non é posíbel parlar de todo aquelo que consideren convinte quen o compoñen e foron elixidos e elixidas pola cidadanía. No Parlament catalán, por exemplo, pode debaterse sen perigo sobre a eliminación da autonomía ou sobre que todo o ensino sexa en español, e non tes perigo de que que che abran proceso xudicial; pero caso de presentarse unha iniciativa para debater sobre o dereito de autodeterminación, o poder xudicial actuará de inmediato contra os integrantes do órgano parlamentar que se atreva a admitir a trámite esa iniciativa.

En Cataluña, unha entidade bancaria ou un particular poden esixir o desafiuzamento da súa vivenda de unha familia imposibilitada de cumprir cos seus compromisos de pago do aluguer ou dos prazos da hipoteca, e ese desafiuzamento pode executarse caso de que un xuíz así o decida. Pero en Cataluña o goberno da Generalitat non pode aplicar unha lei tan pouco identitaria e tan pouco anti-española como a lei de alugueres, lei que entre outras medidas establece a obriga de conxelar ou baixar os prezos do aluguer en determinadas circunstancias de vulnerabilidade. O goberno catalán non pode aplicala, pese a ter sido aprobada polo Parlament, porque foi recorrida diante do Tribunal Constitucional polo goberno español de PSOE e Unidas Podemos.

En Cataluña, poden celebrarse manifestacións nas que ondeen bandeiras fascistas e non hai encausamento dos organizadores ou responsábeis; pero nesa mesma Cataluña hai unha semana foi xulgado o compañeiro Pau Juvillá, por non retirar un lazo amarelo en do local da CUP na Casa Consistorial do concello de Lleida. En 2019 Pau Juvillá era concelleiro en Lleida e non obedeceu unha orde da Xunta Electoral, porque o lazo estaba en dependencias asignadas ao seu grupo político en base á súa representatividade no concello, e non no salón de plenos ou noutro espazo de uso común ou referencial do concello como podían ser a porta ou a varanda principal.

A Xunta electoral argumentaba que aquel lazo podía influír no proceso electoral das eleccións estatais, un lazo amarelo que non é símbolo nin distintivo de ningunha organización ou ideoloxía política, igual que non o son o lazo azul, o lazo rosa ou o lazo negro; ademais a CUP non se presentaba a aquela convocatoria electoral, e por tanto non se podía ver “favorecida” pola exhibición do lazo.

Nun documental producido por unha televisión francesa, no seu momento polémico pola negativa da televisión pública española a emitilo, Juan Carlos de Borbón dicía “días antes de morrer, Franco colleume a man e díxome: Alteza, a única cousa que vos pido é que preservedes a unidade de España”. Franco morreu hai xa 46 anos e Juan Carlos fugouse hai máis de 15 meses, pero o réxime herdado do franquismo mantén o mesmo obxectivo. Porán todas as capas de maquillaxe que consideren, pero á hora da verdade teñen claro que a única garantía de que se perpetúe o réxime está en manter a unidade de España custe o que custe.

Non é preciso ser independentista para decatarse de que coa escusa de perseguir ao independentismo estanse reducindo dereitos e liberdades básicas, e asentando na sociedade a idea de que quen discrepa é un criminal, e quen é perseguido, mallado a paus, xulgado ou encarcerado “algo faría”.