Historia do tío Pepe
Sempre simpaticei con el, des que o coñecín polo relato de miña nai. Durante moito tempo pensei que o tal tío Pepe o era dela, mais non: era tío do meu avó materno (que nacera en 1870), así que o protagonista desta historia debeu de nacer pola década dos trinta do século XIX e morrer nos primeiros anos do XX, pois miña nai xa non o coñeceu. O tío Pepe dedicábase, por exemplo, a, no momento máis solemne da misa dominical, tocar o seu tambor -tambor feito por el- desde o coro da igrexa parroquial. Era extremamente pulcro e cursidoso coas súas cousas: gardaba nun oco da cociña os seus cubertos, ben envolvidos, o mesmo que o seu peite. Non admitía nas súas prendas os botóns comprados na feira e facíaos ou quería que llos fixesen, pola vella, de liño. Levaba o cabelo longo, tamén ao xeito antigo, e o seu boicote eclesiástico derivaba do seguinte feito: un día o crego, na unión de dous afoutos mozos da aldea, igual de brutos que o primeiro, acurrárono e violentaron a súa vontade de levar o cabelo longo, cortándollo á forza. “¡Á rente, porretero, á rente!” berraba o cura. Desde esta escena, rompeu relacións coa igrexa e armou o seu boicote particular, co toque de tambor xa mencionado. Igualmente, non volveu confesarse co crego e practicaba a autoconfisión deste xeito: “Coñedurías, ningunha; carajadurías, ningunha; ver con mulleres, non teño…” e así seguido. Por certo, miña tía Encarnación, a irmá máis vella da miña nai e a que máis tempo viveu na casa natal, tiña gardado o tambor do tío Pepe con todo o celo de o estimar un tesouro. Un meu curmán de Pamplona, atolado el, non se soubo como, forzou a ucha en que o instrumento estaba gardado, colleuno, abriu –sen permiso, claro- a porta da corte da besta da casa de García, familia da casa de Pulido (a da miña nai), montou nela póndose de pé a tocar o tambor, imitando o circo e… non preciso aclarar ás leitoras e leitores o final de semellante aventura: a besta a escapar, o cabalista tolo polo chan e o tambor totalmente rachado. Nunha outra casa da aldea, abraiados polo visto e apenados polo pesar que á dona e depositaria do tambor lle causaría velo esnaquizado, tentaron remendalo, corcoselo como fose, mais o destrozo era moito…
Andando os anos, téñome perguntado onde iría parar o tal tambor: ¡quen nos dera poder conservar un instrumento musical con tantos anos de feitura! Tiña auténtica obsesión afectiva polo meu avó Francisco (o seu Farruquiño) a quen lle quería deixar toda a súa herdanza, apartando os demais, encerrándoos no faiado e manténdoos a base de leite e papas de millo. En fin, o convivio con el era doado, a pesar das súas rarezas e manías e nunca lle fixo mal a ninguén.
Mais… andando o tempo, miña nai aclarou: “non, o tío Pepe non era tolo; estaba asombrado”. ¿Que acontecera? Cando tiña dezaseis anos, voltando a pé da feira de Lalín, agarrárarono tres arrieiros maragatos, prendérono e xogaron a botalo ao río desde a Ponte dos Cabalos, cabeza abaixo. Hai algúns anos, fun coñecer esta pequena ponte cunha miña curmá. O río levaba pouca auga, mais revolta, así que, se o chegasen a botar desde a ponte, morrería por bater contra as pedras, xa non por afogamento. Escena tremenda, nonsí?: ¡que valentes!, tres homes adultos e forzudos contra un rapaz, tres castellanos contra un galego!
Pois ben, esta foi a orixe do seu asombramento. Desde aquela, ficou parado no tempo e inhabilitado socialmente, mais non aparvado como para non se decatar de quen lle facía ben e de quen lle facía mal. Tiña patrimonio de seu e puido, logo, viver das súas propriedades e cuidado polos seus descendentes, mais o impacto do padecido foi tan forte que durou até o fin dos seus días.
O tío Pepe estaba asombrado. Rosalía de Castro poetizou sobre a sombra insuperabelmente e coido que o sentido xenuíno da semántica deste substantivo está intimamente vinculado ao descrito arriba. Noutros lugares, téñome referido a como a semántica da sombra rosaliana é moito máis forte, moito máis intensa do que se ten interpretado conforme a significación do español. Esa “negra sombra que me asombras” do poema “Cando penso que te fuches” é arrasadora: absorbe a personalidade toda, deixa o suxeito desposuído de si, aniquila as súas potencias. Esta mención é a máis coñecida da poesía rosaliana, mais hai outras moitas altamente significativas, entre elas, a destes dous versos da segunda parte do poema “¡Nin ás escuras!”:
A luz do día asómbrame, pásmame a das estrelas,
i as olladas dos homes na ialma me penetran.
Subliñamos esa incríbel expresión, aparente oxímoro e achado poético iniguálabel: é a visibilidade social, a sanción pública, a que provoca o asombramento, a anulación-parálise do individuo, a súa prostración, o seu, mesmo, autocastigo.
A esta altura, xa as leitoras e leitores deste artigo terán adiviñado a desembocadura deste relato, que semella literario, mais que foi verídico en todos os seus termos. A moralexa está á vista. Nós, galegas e galegos, fomos asombrados por España, hoxe tamén pola Unión Europea, servas e cúmplices da globalización que quer reducirnos a elementos clónicos de criados do imperio, pobres fotocopias dun standard fabricado nas factorías dos poderes mundiais.
O tío Pepe ficou paralisado, encerrado, após o trauma, na súa exclusiva subxectividade, aínda que non anulado na súa intelixencia e sensibilidade (endexamais o seu trastorno foi agresivo). Rosalía de Castro combateu a sombra política galega cunha obra de altísima potencia patriótica. Nós, seus descendentes, as e os nacionalistas galegos, tamén esconxuramos o asombramento político, proclamando a nosa independencia de criterio e axíndomos como tal, sen tutelas, sen tutorías, sabéndomos con dereito de rexer os nosos recursos e os nosos destinos e asumíndomos a responsabilidade de o facer. A deixación deste principio non é nova na historia contemporánea da Galiza. Xa o dispuxo e consumou no seu día Ramón Piñeiro. Neopiñeirismo haino hoxe tamén cando se contribúe a “galeguizar” (¿?) unha esquerda española que, en nome do Estado e ao servizo do Estado, tamén coloniza politicamente a Galiza. Alá coa súa responsabilidade as que e os que entregaron con armas e bagaxes o seu pasado ad maiorem gloriam Hispaniae, versión esquerda, aquela para quen a Galiza é un locativo, un –g adxectivo engadido á esencia irrenunciábel. Outras e outros moitos sabemos que non debe haber pasos atrás na declaración e exercicio do dereito de autodeterminación, de que a auto-organización e liberdade de decisión autónoma son pezas inseparábeis. No domingo pasado, n´As Neves, utilicei unha analoxía que me semella expresiva. ¿Que diríamos as galegas de hoxe se aceitásemos cuestionar, retallar ou condicionar o noso dereito de sufraxio ou tantos outros dereitos, como mulleres, custosamente conseguidos? ¿Volveríamos aceitar o permiso marital? ¿Encontraríamos lóxico que as casadas non pudesen abrir unha conta bancaria sen o permiso do seu home?. O etcétera é moi longo… En poucas datas celebraranse as eleicións europeas. Desde 1999, grazas á representación do BNG, a que ostentou Camilo Nogueira e despois e até hoxe Ana Miranda, a Galiza existiu. Que os problemas, intereses e aspiracións galegos se verbalicen é o primeiro paso para poder mudar a situación subordinada. Non é indiferente esta cita eleitoral e por ela seremos examinados. Mais saibamos que un exame é unha proba dunha carreira moito máis longa. Nela teremos de seguir persistindo para podermos ser galegos a tempo total e gobernarnos por nós proprios. As consecuencias de que outros o fagan por nós, os efeitos do asombramento, á vista están. A ver se reaximos para o combater.