Historia do monte veciñal: A veciñanza comuneira foi a protagonista

Historia do monte veciñal: A veciñanza comuneira foi a protagonista

O día 22 de xaneiro do ano que entra, cúmprense 40 anos do asasinato pola acción da Garda Civil do veciño da parroquia de Eirón, no concello de Mazaricos, Ché de Pedro. Asasinado cando, xunto con outros homes e mulleres, estaba a impedir que as máquinas do Patrimonio Forestal Español (A Forestal), entraran no seu monte veciñal para forestar con especies de crecemento rápido nas súas terras veciñais.

Con esta firme acción, estaban a impedir que lles usurparan as súas terras comunitarias. Nesta loita polo seu (que é o de todos e todas), non só houbo o asasinato de esta persoa. Moitos veciños e veciñas da parroquia de Eirón sufriron represións, detencións e até prisións de 6 meses.

A historia do monte veciñal (defensa, recuperación e posta en valor) è a historia da loita e da resistencia da veciñanza comuneira. A historia de homes e mulleres que aínda permanecen no anonimato, teñen nomes e apelidos que se debe coñecer. Na veciñanza comuneira estamos fartos (se cadra esta non é a palabra máis adecuada), mais estamos cansos de que cando se fala da historia do monte veciñal, fálese de lexislacións, da xudicatura, de enxeñeiros forestais, de proxectos…,). Mais non se fala dos verdadeiros protagonistas, da veciñanza comuneira . Porque foi a acción, a loita e a resistencia dos titulares dos montes veciñais (onte a sociedade rural labrega, hoxe a veciñanza comuneira), os que conseguiron que os montes veciñais en man común chegaran ao dia de hoxe como o que sempre foron: titularidades comunitarias. De non ser por esa acción, por, esa loita e por esa resistencia, hoxe os montes veciñais en man común, serian titularidades privadas.
Sálvanse de esta historia do monte veciñal, digamos parcial (onde a loita e a resistencia da veciñanza comuneira non existe) o libro "O monte é noso",varias publicacións relacionadas coa repoboación franquista e a resistencia á mesma da veciñanza comuneira do historiador Rico Boquete e o libro "En defensa de lo suyo" (o título está en castelán) da autora Araceli Freire. Libro no que narra a loita da veciñanza comuneira (neste caso protagonizada polas mulleres), pola defensa do monte veciñal "Dos Quintos" no concello de Cerdeda .
A veciñanza comuneira humildemente (só somos veciños e veciñas comuneiros e comuneiras), mais con firmeza (temos orgullo de ter a condición de veciño/a comuneiro/a), quixeramos facer un chamamento aos/ás historiadores/as para que na historia do monte veciñal, que aínda está por escribir en moitos aspectos, consideren tamén a veciñanza comuneira como protagonisma da mesma. Poñamos dous exemplos desta historia aínda non escrita. Un exemplo de loita e outro de organización.

,Na década dos 80 do século pasado, o daquela Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo (MOPU)), pretendeu expropiar un monte veciñal da parroquia de Goián (Concello de Tomiño), para a extracción de áridos para empregalos como drenaxe nas obras da autovía Vigo-Porriño. Este monte veciñal chamábase "As Trincadeiras" e a extracción de áridos significaba a destrución do mesmo. A veciñanza comuneira da parroquia de Goián púxose en pé é impediu o pase das máquinas e dos camións para a extracción e retirada dos áridos. Loita que non parou até que o MOPU renunciou á expropiación do monte veciñal. Nacía no que naquela zona se denomina "o espíritu das Trincadeiras", e que ven sendo o sentimento comunalista que existe na poboación rural galega. A loita da veciñanza comuneira da parroquia de Goán logrou que o monte veciñal "As Trincadeiras" seguise sendo unha titularidade comunitaria e xa que logo con características de ben común, de ben social.

A veciñanza comuneira deu mostras da súa capacidade de autoorganizarse,cando menos nos últimos tempos. Por pór unha data esta organización da veciñanza comuneira podería arrancar na editorial do Fouce de febreiro de 1974 (voceiro das Comisións Labregas); editorial na que se lanzaba a consigna "Organicémonos nas parroquias e lugares. Esixamos os nosos montes ", até a Asemblea Constituinte da ORGACCMM (Vigo, 1999). E no medio destas dúas datas podemos situar: a Coordinadora de Montes de Pontevedra (anos 70 do século pasado), a Coordinadora de Montes de Galicia (1989), a creación das Mancomunidades de montes (a partir do ano 1994),o Iº Congreso Galego de comunidades de montes (Poio-1997)… A organización da veciñanza comuneira, coas súas xestións, reivindicacións e mobilizacións, impediu, a dia de hoxe, que os montes veciñais en man común fosen privatizados.

Mais para facer a verdadeira historia do monte veciñal, as comunidades de montes tamén temos que aportar o noso gran de millo. E este gran podería ser, comezar a traballar para que todos os 22 do mes de xaneiro sexan declarados como " Dia da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal ".