Hai mártires e mártires

Acaban a maioría das festas de verán. Multitude de patroas e patróns serven de pretexto para reunir cuñadas, achegados...familia. Antes dos pantagruélicos xantares pagouse unha cota por casa, camisetas, rifas...da para moito ese imposto revolucionario que di un colega. Da para engalanar, alumear, bombas de palenque, pasa corredoiras, sesións vermús, misas solemnes nas que procesiona...de todo! E remata o día santo ás tantas da madrugada, normalmente con quen non pagou, nunha non barata explosión de sons modernos baixo millóns de leds, selfies incluídos. Rituais semellantes en toda a nosa xeografía dignos dunha reflexión. Cuestión de fe.

Reparei máis dunha vez -como se fora un estranxeiro- na honrosa imaxinería católica galega. Xa desde o mesmo símbolo da cruz cristiá ás máis modernas e impresionantes polifonías do santoral, posterior á Contrarreforma maioritariamente, un pasma ante duras escenas do martiroloxio canónico ofrecido a modo de invenio apostolorum. Que docente instruiría ao alumando só con copias de cadros ou composicións de caza con sangue, vísceras nas mans, ollos ou peitos en bandexas, rostros desencaixados de dor. Coincidiredes comigo en que chegarían as queixas á mesma consellería por fomentar actos macabros, polo menos. Cuestión de sensibilidades.

Sen embargo cando se trata de relatar, pintar ou esculpir a haxiografía, a venia aparece instalada de serie e vemos con absoluta normalidade bicar o pano da man que lle pasamos polas tripas de san Mamede. Quen pensa no sa-cri-fi-cio da misa no que se celebra o suplicio e morte do Enviado bebendo o seu sangue e comendo o seu corpo, di o presbítero. Non nos escandalizamos, por suposto, defendemos as nosas liturxias e rituais como parte xa da nosa rica e adaptada civilización que algunhas non saben comparar ou entender noutras culturas de afastadas terras. Cuestión cultural.

Pero temos tamén outra Galiza mártir. Feitos históricos, contrastados, documentados con menos dun século pasan case desapercibidos, ás agochadas e mesmo nin se quere ouvir un chío. Refírome á xente asasinada por pensaren, seren distintas. Como un país ignora aínda hoxe a ignominia dos seus? Como non hai verdadeiras romaxes polas persoas que o deron todo para que Galiza progresara e non desaparecera? Que pensarían quen silenciou, silencia ou mancha figuras como As Marías, mudas unha vez máis pola Alameda, se foran as súas fillas, netas; ou se foran da parentela os escravizados, violados, asasinados? Miña nai ensinoume As Dúas en Punto como se doutro monumento de Santiago se tratara, ah! pero cando lle contei o seu pasado, miña nai chorou.

Agosto mártir só cun par de persoas. Agosto intenso polas familias -tamén políticas- agradecidas polo inmenso traballo pola difusión de crimes de lesa humanidade. Desde o golpe de estado do ditador ata a súa herdeira monarquía parlamentaria foron miles as perseguidas, paseadas, torturadas, enterradas en fosas comúns. Raro será a familia sen o seu propio mártir por loitar por un futuro mellor, por querer un traballo digno, por reclamar dereito a asociacionismo ou sindical, por ensinar en galego,...caramba, que coincidencia! se me apuran, mesmo hoxe reclamamos as mesmas cousas baixo a pátina dunha constitución de pais franquistas cunha tímida Lei 52/2007 da Memoria Histórica poñendo luz á longa noite de pedra que xa chega tarde para algunhas casas. Cuestión de prioridades.

Ouvín falar outro verán máis de onde sería enterrado o morto de noite en Viznar cando aquí tamén cos mártires Anxel Casal e Alexandre Bóveda se pretende contar a verdadeira historia da terra que pisamos. Cantos preguntan ao pasar pola Caeira a quen vai dirixido ese monumento? Párate agora a pensar un pouco no feito de que maten polas súas ideas, relixión, condición sexual ao símbolo do teu goberno máis próximo: a cobizosa alcaldía. Pois o alcalde de Compostela, Anxel Casal, foi asasinado nunha cuneta de Cacheiras; o descoñecemento explica en parte, a pouca xente en actos de reconciliación, encontro e homenaxe. E así, nomes e voces esparexidas que trazan unha xeografía de concellos salpicados con alomenos cinco mil mártires nesta especie de circo romano galaico do que moitos non queren deixar o asento vip de espectador sepulcral para seguiren mantendo o seu status. Velaí o verdadeiro traballo de marmóreos dirixentes dos que nunca esperemos beatificacións ou santificacións. Moncho Reboiras, recoñecida vítima -desde 2009- do franquismo, mozo estudado e preparado para o noso futuro, para desenvolver as riquezas e regalías galegas matárono no Ferrol non hai nin 50 anos. Que estudante chega a coñecer esta traxedia coetánea aos seus pais ou avós cando menos. Que tan malo é o nacionalismo galego que pregoaba Moncho dos Noia de Imo ou dos Loureiro, por tratar de vivir por e para a terra dos seus antepasados. De sacar de nós o bo e que non nolo arrinque ninguén. De falar o noso idioma nun territorio -debe ser único sitio no mundo!- que nos queren facer crer que o bilingüismo é de pobres fronte a imbéciles e escuros ignorantes coa imposición dunha única quimérica lingua.

Non creo que necesitemos aras pois tampouco quererían, nin espectáculo, nin propaganda gore. Pero se trala palma do martirio non facemos máis que comungar e irmos en recollida procesión festeira deambularemos desnortados e non saberemos contestarlle. Quo vadis Gallaecia, esa é a cuestión.