Hai eleccións en Galicia


Augusto, segundo nos deixou dito Suetonio, dicía que só se deben emprender guerras e batallas, se a esperanza de gañar é maior que o medo de perder. E engadía o emperador: “O que acepta pequenas vantaxes polo perigo dunha grande perda aseméllase á xente que vai pescar con anzois de ouro”. Non estou en condicións de afirmar se a Feijóo lle deu por botarse a pescar con anzois de ouro ou se a convocatoria de eleccións é unha boa manobra táctica, acorde coa estratexia que para a súa persoa ten definido desde hai moi ben anos. Agás algún inxenuo dos moitos que, sen saír de Galicia, aínda quedan, ninguén dubida de que a Feijóo lle interesa tanto esta nosa terra como ao seu xefe Mariano: nada. Está ben, recoñezamos que estou esaxerando un pouco; algo si lles interesa, o mesmiño que aos barcos galegos as augas das Malvinas: un caladoiro de onde sacar canto máis peixe mellor e liscar, antes de que nos amolen os arxentinos. Galicia segue a ser unha boa fanequeira, onde o PP cala as nasas cada certo tempo e levántaas seladas de votos.

Isto serviulle a Rajoy para triunfar en Madrid, despois de marchar desta terra, onde a xente fala unha lingua tan cacofónica que, curiosamente, anoxa a tódolos monolingües en español. E por iso non podo asegurar que Feijóo aceptase pequenas vantaxes, convocando eleccións. Non, hai que servir ao partido e, se volvemos gañar, espléndido, e, no caso de perder, como teño que remodelar o goberno, porque o formei só con amigos e xa se nota demasiado que son unha panda de inútiles, ti, que tamén es amigo e que non vas desentoar entre os que queden, terás un ministerio. Isto non é pescar con brinca de ouro, senón dar unha boa alferrada e atrochar sen medo, que o peixe, dun xeito ou doutro, vai pasar pola regala.

Como Feijóo, por máis que o intenta, non atopa nada entre as mans para presumir da súa presidencia de tres anos e pico, sae gabándose de que, mentres outras comunidades piden rescates, el fai hospitais. É esta unha mentira nin máis nin menos gorda que as que leva dito desde que comezou a anterior campaña que o empoleirou a presidir o máis nefasto goberno que Galicia tivo. Ninguén ignora que, neste caso por fortuna, xa que a privatización da sanidade fica en suspenso, esta Xunta non está a construír nada. Ben o saben en Vigo, e Monte Carrasco en Pontevedra segue a ser un espazo natural, como o seu nome indica; pero xa que el presume de facer hospitais, lembrareille e aplicareille o que Juan de Iriarte escribiu dun individuo de ideoloxía semellante: “El señor don Juan de Robles / con caridad sin igual / hizo este santo hospital / y también hizo los pobres”. O partido popular é o grandísimo facedor de pobres e isto non admite discusión, porque onde hai números non hai nada que discutir: miles de millóns para bancos e banqueiros, e queima de impostos para as clases medias e as máis desfavorecidas.
Xa están convocadas as eleccións e Pachi Vázquez acepta un cara a cara con Feijóo. Cando aprenderán a xogar os aprendices de bruxo do PSOE? Non se decatan de que o presidente sabe que non ten nada que facer nun debate a tres bandas, mentres que fronte a Vázquez, aínda que só sexa pola experiencia dialéctica de tertuliano madrileño, leva todas as de gañar? Cousa distinta é cando sente, se o fai, fronte a Jorquera, pois a oposición de ideas BNG-PP e nidia en tódolos campos.

E, cando teñan que debater Jorquera e Vázquez, quen sairá gañando? Sen dúbida ningunha o PP. Se pactan non tocar certos temas, o PP insistirá nos seus mitins que o lóxico é que se unan, fagan un programa conxunto e o presenten ao pobo galego. Se deciden debater a cara de can, o PSOE presenta moi mal candidato, porque non é preciso estar formado en Historia, caso de Jorquera, para lembrar feitos tan recentes como o negativo papel xogado por Vázquez, cando, no goberno bipartito, unha consellería do BNG presentou o plan eólico, ese plan que, segundo os tribunais de xustiza, non debería de estar tan fóra de dereito como pretendeu o PP na súa fantástica actuación de derrubamento de todo o que atopou. E por que temos que esquecer a nefasta actuación de Vázquez con respecto á ubicación da noxenta fábrica de celulosa en Pontevedra? Sigo pensando que o candidato é moi malo, mesmo para un posible pacto postelectoral, no que o BNG terá que fiar moi fino e, se me escoitase a min, cousa que, obviamente, non fará, caso de ter o PSOE máis escanos, permitir que goberne, pero os nacionalistas quedármonos fóra. Demostrouse que o quintanismo, que algúns rexeitamos desde o primeiro día, foi un verdadeiro fracaso e unha das causas do que, nestes tres últimos anos, levou ás escisións no BNG, escisións no fondo estupendas, por aquilo de xente con xente.

,Dicía Renan que, se se pretendía gañar, había que “excluír toda exclusión”. No caso actual, non concordo co sabio político e escritor bretón. Non, porque os que se foron eran grandiños e deberían coñecer as consecuencias da súa acción e das moitas manifestacións previas e posteriores que só serviron para prexudicar ao nacionalismo. O día da Patria comprobaron que o que fixeron, fose arroutada ou meditadísima decisión de dinamitar o barco, saíulles, como diría miña nai, furada e, como diría aquela nena de quince anos que daba de mamar a un cativiño: “a lo hecho, pecho”. Se algúns querían estar unidos, como agora din, que non se tivesen ido.

Deséxolle ao BNG boa vista na confección das listas, que presten atención ao que din os afiliados das distintas zonas, por exemplo sobre a presentación de cuneros, e que non esquezan que só cos votos dos afiliados non sacan nin para pipas, polo que as opinións dos militantes nacionalistas non afiliados convén non deixalas caer en saco roto. En ocasións unha cara coñecida é un elemento positivo de atracción do sufraxio, pero noutros casos, con independencia de que o adanismo non pode ser máis ca unha utopía, a frescura dos candidatos pode dar máis resultado cando se abran as urnas.

Xa que este artigo me saíu con moito de mar, remato cun parágrafo de El-Rei don João I, fundador da dinastía de Avís, alá polas fins do S. XIV. Dixo este “que se quería servir máis de cabaleiros novos que de fidalgos nobres, ricos e antigos, porque os cabaleiros tiñan o ben das sardiñas, que eran moitas e custaban pouco e eran bo peixe”. Intelligentibus pauca”.