Hábitos culturais dos mozos en Galiza
"A meirande parte da mocidade galega está permanentemente conectada a través das TIC e dispoñible en liña unha parte importante do seu tempo de ocio"
"Outro aspecto que cómpre salientar é a lectura. Aínda que poida parecer que a mocidade le menos, pódese dicir que isto non é certo, xa que aínda que len menos no formato tradicional de libros, agás en idade escolar, len moito máis en formato dixital, en internet"..."Débese analizar o baixo interese pola lectura "tradicional" nun contexto máis amplo desenvolto polos usuarios de novas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que podemos afirmar que len máis os que utilizan máis internet, cun nivel educativo máis alto. Das posibilidades que presentan as novas tecnoloxías e o uso que fai destas a mocidade, atopámonos ante unha gran transformación, ampliación e diversificación da súa oferta cultural, no que se valora máis a imaxe, a interacción e a creatividade".
Sen ánimo de resumir nen valorar o estudo feito, eis algunha das conclusións do informe sobre "Hábitos culturais dos mozos en Galicia" entregado neste mes de setembro polo Observatorio da Cultura Galega e no que se observa a forte introducción das TIC entre a mocidade galega.
Nestes días de inicio das actividades lectivas para a maioría dos estudantes hai un sector no que gostaría determe un pouco, o da mocidade que se atopa na transición do estudantado á vida laboral. Nos últimos tempos vimos escoitando moitas voces sobre o fracaso escolar e a incapacidade so sistema educativo en España para lograr enganchar mais xente; no curso 2009-2010 o 26% dos mozos/as de 18 a 24 anos en Galiza non tiña completado o nivel de Secundaria e non seguiu ningún tipo de educación. Tanto os dados coma moi diversos estudos dan conta da necesidade de axustar o sistema educativo para lograr unha maior produción de titulacións de tipo medio, e cando escoitamos que hai moitos licenciados non é tanto así como que hai poucos titulados en Secundaria e en Formación Profesional debido precisamente, entre outras causas ao número de persoas que non rematan os estudos obrigatorios.
Entre a xente nova de 20 a 24 anos de idade hai mais de 10 puntos de diferencia no desemprego entre os que teñen rematados os estudos secundarios e os que non, o que pon de manifesto a grande importancia dos estudos secundarios para atopar emprego. As empresas prefiren contratar persoas con titulacións moi por riba dos requirimentos do posto ofertado antes que traballadores sen estudos e así en España, e tamén en outros países europeos coma Irlanda, podemos atopar que máis do 40 % dos mozos atopan traballos cun nivel profesional moi por baixo do correspondente ao seu nivel educativo.
Deste xeito vemos mozos e mozas con conexión permanente a internet, con información actualizada a golpe de clic e perfectamente adaptados ás novidades tecnolóxicas que, por outra banda ou ben non son quen de continuar seus estudos regrados ou ben pásanse de freada e adquiren unha educación moi por riba dos requirimentos laborais nos que se insiren.
No grupo etario dos 16 aos 24 e cos estudos da ESO sen rematar se atopan os potenciais alumnos-traballadores das Escolas-Obradoiro. Nelas adoitase oferecer formación profesional ocupacional en alternancia coa práctica profesional (traballo en obra real), co fin de que ó seu termo estean capacitados para o desempeño axeitado do oficio aprendido e sexa máis fácil o seu acceso ó mundo do traballo.
A medida do éxito destes programas non é exclusivamente a inserción laboral do alumnado, senón tamén a posibilidade de conseguir a volta aos estudos regrados, facilitándoselle a participación nas probas de acceso aos ciclos e módulos formativos. Despois dun ano de aulas compensatorias, de pasar horas e horas loitando para que volten á disciplina do estudo logo de telos deixado e considerárense fracasados, o profesorado das Escolas Obradoiro consegue reenganchar a estes rapaces e matricúlanse, ilusionados, nun ciclo formativo. E despois do primeiro día de aulas van visitar aos seus "profes" da Escola Obradoiro totalmente desencantados porque todo o que lles van ensinar eles xa o viron e cren que non van aprender nada.
E outra vez a empezar.