Haberá tapóns para tod@s?

Haberá tapóns para tod@s?

Aitana
, de 11 anos, está afectada por unha grave cardiopatía conxénita, unha rara afección, cuxo tratamento posíbel está a miles de quilómetros do Estado Español nun hospital privado dos Estados Unidos. O tratamento é moi caro para unha familia de clase traballadora, pero tampouco é costeado polo servizo público de saúde. A familia de Aitana petou en todas as portas, desde a Casa Real até a do Presidente do Goberno, coa intención de que o sistema público se fixera cargo dos custes do tratamento. Nunha destas contestacións das altas instancias do Estado, neste caso do anterior presidente do goberno, o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, responde textualmente que “o sistema público vese afectado por unha serie de limitacións, que en ocasións obriga a resolucións non satisfactorias”; resumindo, que por mor dos famosos “recortes”, non hai cartos e polo tanto a familia ten que buscarse a vida.

Ante este panorama, a familia recorre á solidariedade da sociedade e inicia unha campaña de recollida de tapóns de plástico, que, entregados a unha empresa de reciclado deste tipo de materiais, proporcionaría os cartos para que Aitana puidera ser operada en Estados Unidos. O tratamento completo de Aitana ten un peso de 1.000 toneladas, 500 millóns de tapóns aproximadamente, unha tarefa recolección titánica para salvar unha vida.

O caso de Aitana non é algo illado, basta buscar en Google para atopar casos como o de Paula, unha rapaciña de Boiro cunha malformación, cuxo único tratamento só é posíbel en Alemaña, pero ten un custe de 250.000 €, inasumíbel para a familia, pero que tampouco quere asumir, neste caso, o SERGAS. Ou o de Diogo un meniño portugués que necesita unha prótese para un brazo, que tampouco é asumida polo sistema público luso, e cuxa campaña solidaria atravesou as fronteiras do país veciño até Galiza.

Enfermidades raras, malformacións conxénitas, próteses, así como todo tipo de aparatos que facilitan o día a día de persoas con algunha discapacidade, son, polo xeral, o fin deste tipo de campañas de recollida de tapóns de plástico, unha vez que o sistema público de saúde descarta calquera tipo de axuda a estes enfermos. Malia todo, este tipo de campañas solidarias, que normalmente teñen por protagonistas a nenos ou nenas, non conseguen o mesmo éxito cando se trata de persoas de máis idade, de aí a importancia de que o sistema público de saúde sexa de calidade, universal e gratuíto, para que chegue a todos e todas.

Sen embargo, o PP, que acelerou nas últimas semanas o proceso de deterioro da sanidade pública, con recortes orzamentarios e cambios nos dereitos que até entón tiñamos os cidadáns no acceso á sanidade pública, xustifica estas particulares “reformas” coa leria de que “non hai cartos” e “os que máis teñen, deben pagar máis”, unha frase con trampa, que agocha en realidade unha sanidade para ricos e unha sanidade para pobres. Aqueles que se poidan pagar as operacións e os tratamentos poderán ter unha oportunidade e unha mellor calidade de vida; mentres que os non teñan recursos quedaralles a vía da caridade e da solidariedade, asaltar algún hospital ao máis puro estilo John Q, denunciar o feito nos medios de comunicación, como fixeron hai uns días unha parella de valencianos aos que o sistema público de saúde da comunidade lles quería cobrar unha operación de cancro por non teren tarxeta sanitaria ou simplemente morrer.

Os galegos e galegas xa pagamos todo tipo de impostos, algúns específicos como o “céntimo sanitario”, -denominación que non lle gusta a UE, que curioso!- que grava o consumo de hidrocarburos con 1,2 céntimos por litro para financiar a sanidade pública. Polo tanto, se xa pagamos impostos, non temos porque asumir ningún “repago” na sanidade pública, e, por suposto, non temos que vernos na necesidade de recorrer a recollida de ningún tapón para poder pagar a nosa saúde.

É cuestión de prioridades. Desde o goberno da Xunta e o Goberno Central dinnos que non hai cartos, e que por iso hai que facer recortes na sanidade, na educación e na investigación, fundamental para que os tratamentos sexan posíbeis na propia terra; sen embargo, en setembro pasado PP e PSOE pactaron unha reforma constitucional que dá “prioridade absoluta” ao pago do capital e dos xuros da débeda pública de “todas as administracións” do Estado, é dicir, o prioritario é engordar aínda máis a bola de neve da especulación financeira. Se é cuestión de prioridades, e se consideramos que estas son a sanidade e a educación públicas, o domingo 3 de xuño temos unha oportunidade para dicirlle a Feijóo e ao PP, mais tamén ao PSOE, que os recortes non son o camiño, que os galegos e galegas queremos unha sanidade pública, universal e gratuíta, porque de continuar por esta vía dos recortes na sanidade chegará un día en que non haxa tapóns para todos e todas.