Guerra


Hai tempo que me causa estupor escoitar que vivimos un extenso período de paz mundial, practicamente ininterrompida desde a fin da Segunda Grande Guerra, acabada en 1945. Especialmente na Unión Europea hai unha propensión desmedida a subliñar, entre as bondades da mesma, a de ser un antídoto, un esconxuro, á guerra neste continente. Porén, unha mínima observación e cavilación imparciais deberían levar a cuestionar esta visión tan idílica como optimista. Non parece nada obxectivo obviar, por exemplo, a catástrofe que significou a guerra en Iugoslavia, xustamente no corazón da Europa, a moito menos considerar a súa descomposición unha cuestión exclusivamente interna, intelixíbel sen a inxerencia externa precisamente da Unión Europea, Alemaña e Francia, sobre todo, os Estados Unidos e a OTAN. Como resultaría unha inxenuidade extrema acreditar en que os conflitos armados, as guerras, contra Iraq, Libia ou Siria, por non saírmos dunha zona próxima a Europa, da meirande importancia estratéxica, se producen á marxe da intencionalidade, os deseños e os obxectivos estratéxicos dos estados que configuran a OTAN, cos Estados Unidos ao fronte. De tal xeito é así que, mesmo legalmente, tense producido a mudanza desta organización militar, en principio e en teoría defensiva do mundo occidental capitalista, noutra ofensiva con vocación de actuar, sen disimulo, en calquera parte do mundo onde, supostamente, os intereses de Occidente se consideren en perigo. É, pois, unha especie de xendarme mundial para manter unha orde imperial. Velaquí a cuestión: a concentración económica da globalización capitalista favoreceu tamén un deseño de dominio militar e político, en liñas xerais, compartido por todos os estados de capitalismo avanzado, entre os que os Estados Unidos ten a xefatura. As guerras interimperialistas foron substituídas polas guerras de agresión imperialista para manter o dominio sobre a periferia do sistema.

A maioría dos conflitos bélicos que se producen en África e Asia, especialmente, teñen todas as características e dinámicas derivadas das inxerencias imperialistas. Co paso do tempo, téñense privilexiado uns métodos de inxerencia fronte a outros, non abandonando nunca a intervención militar estranxeira directamente. Na maioría dos casos, faise causa dun eurocentrismo salvador, a suposta defensa duns dereitos humanos universais, para atacar gobernos discrepantes ou incómodos para o deseño imperial, por manteren capacidade de decisión propia en zonas quentes e vitais, co argumento de seren tiránicos, mesmo se noutrora foron apoiados por sérenlles funcionais. Noutros, engádese a acusación de estaren detrás, de promoveren e protexeren organizacións terroristas que cometeron graves atentados en Occidente, por máis que semellantes acusacións resulten tan falsas como amañadas, como foi no caso de Iraq. Deuse unha especie de ampliación desde os USA á UE do que foron os principios fundamentais da política norteamericana desde 1945: a) o mundo debe ser organizado para que non haxa desorde; b) só os USA, agora a OTAN, ten capacidade para manter esta orde; c) os USA, agora Occidente, deberá fixar os principios que definen esta orde, os dereitos humanos de validez universal, democracia e liberdade, sobre todo. Esta expansión lexitimadora non se fixo por casualidade; é unha consecuencia lóxica da globalización capitalista que persegue atenuar as contradicións entre os espazos rexionais deste campo fronte aos inimigos principais, sinalados polos USA. Por iso, a pouco que se escarve nesta estratexia, aparece sempre o hexemónico poder militar e cultural do estado director, ultimamente interesado en arroupar a consecución dos seus obxectivos na compañía dos estados centrais da UE, que agudizan o seu papel de comparsas ou satélites políticos. Desapareceron, pois, as políticas autónomas no campo militar no mundo occidental, corolario da desaparición de estratexias diferentes na aspiración a articular o mundo, en como manter o dominio do capitalismo.

A nova estratexia, en nome dos valores democráticos, proclama o dereito a liberar os pobos sometidos a tiranía, para conquistaren a liberdade, unha forma de salvación que significa a maior impostura concibíbel. Nesta impostura o papel da ONU resulta vital para lograr algunha forma de lexitimación da agresión baixo nomes eufemísticos como o da intervención humanitaria...Dixemos que se situaban en Medio Oriente e África os motivos de preocupación inmediatos, os lugares de intervención escollidos, por haber estados con gobernos que non se acomodan ao deseño imperial. Moitos deles teñen maioría relixiosa musulmá e son culturalmente islámicos, co que o factor relixioso e cultural cobra un papel político para ben e para mal. Para mal cando é reconducido á confrontación sectaria interna, para desunir as clases populares e manipulalas e sumilas na impotencia ou na desorientación á hora de sinalar e combater os inimigos principais e os causantes reais dos males que se padecen. Como forma de mitigar a percepción popular, por exemplo, de que o mundo árabe ou islámico con arelas de soberanía padece unha agresión sistemática do Occidente cristiá e capitalista, incentívase a participación e o protagonismo de organizacións rexionais como a tradicionalmente inoperante Liga Árabe, ben domesticada, como peticionarias ou patrocinadoras da intervención militar estranxeira. Vimos, ademais, como, segundo os casos, favorécese o protagonismo diplomático de xesto agresivo contra o acosado, Libia, primeiro, agora Siria, de estados aliados na zona como Turquía, e sempre Arabia Saudí e Catar, prestando o fundamental apoio económico para desestabilizar os réximes díscolos coa orde imperial de Occidente. A participación decisiva dos estados máis antidemocráticos e corruptos da rexión nas estratexia imperial debería valer para descartar de unha vez por todas a mínima consideración duns posíbeis efectos benéficos para as clases populares derivados destas intervencións estranxeiras ou a crenza de que se persegue unha real democratización destas sociedades.

As intervencións militares, as agresións desde o exterior e no interior dos estados incómodos, van acompañadas de campañas desestabilizadoras do réxime respectivo, incentivando a guerra civil dentro a través dos seguintes medios: a) o recrutamento de mercenarios para provocaren actos terroristas dentro do país que infundan medo, confusión e desánimo na poboación; b) axuda para a organización de todo tipo de oposición, interna e externa, disposta á violencia e refractaria ao diálogo; c) extensas e intensas campañas de intoxicación informativa a escala mundial, magnificando a oposición interna ao réxime a abater e a represión exercida por este contra aquela, mostrada sempre como pacífica, non violenta nin fanática do punto de vista relixioso; d) o illamento internacional e o embargo económico contra o réxime demonizado a través dunha política de intimidación, presións de todo tipo e ameazas a outros terceiros que puidesen seren remisos, ou neutrais, a entraren no asedio. Prepárase así a xustificación da agresión directa, a guerra, das actividades terroristas desde dentro e desde fóra, conformando unha opinión pública internacional tan desinformada da verdadeira realidade e dos seus matices, como hostil contra o suposto ditador a bater ou desorientada verbo da causas reais da agresión e dos seus obxectivos. O papel dos servizos secretos, dos xornalistas dos medios occidentais e algúns rexionais e de moitas ONG na infiltración e na preparación e o desenvolvemento do asedio e o combate interior e exterior contra o réxime a derrubar, é certamente relevante. Unha vez logrado o obxectivo destrutivo, o estado en cuestión desaparece da información internacional e vese sometido a un proceso de desarticulación, dominio violento e explotación sen precedentes, entrando a formar parte, entón si, do recuncho máis negro da historia, após da devecida operación de saneamento democrático. Os casos de Iraq e de Libia, sobre todo, son paradigmáticos. Un non sabe que aborrecer máis se as hipócritas pregarias dalgúns que se laian agora da represión e da violencia anárquica que asolaga a estas sociedades, auténticos despoxos a capricho de potencias estranxeiras, ou a súa participación entusiasta previa na lexitimación ideolóxica e moral da agresión, que en nome dos dereitos humanos, a liberdade e a democracia, conduciu a semellante panorama desolador.

Non cabe máis remedio que rexeitar a clase de democracia na que pensan os USA, a UE e a OTAN, cando están dispostos a convertérense, con tanta soberbia e fachenda, en xendarmes internacionais a través de intervencións militares, embargos, manipulacións informativas, intimidacións e presións psicolóxicas e toda caste de guerra suxa, para impedir os pobos rexérense a si mesmos, procurando o futuro que consideren oportuno. Alentan a descomposición social, a nacional, para o estado agredido se converter nun ente incapaz de se valer por si mesmo no presente e no futuro inmediato, a capricho das grandes empresas globais, dos intereses estratéxicos do Occidente capitalista. Xa advertimos do paradoxo elocuente de réximes, noutrora protexidos e amparados como amigos, casos de Gadafi en Libia, Sadam Hussein en Iraq ou o Afganistán talibán, por exemplo, pasar a seren considerados bestas negras, só por resultaren obsoletos ou antitéticos, nalgúns aspectos, para os deseños globais dos USA...Mesmo que estes réximes políticos estean inmersos en procesos de transición política a algunha forma de democracia pluralista, apóstase por deslexitimar o proceso, preferíndose a aniquilación do réxime a calquera prezo, caso de Siria. Non se incentiva unha transición política pacífica porque non asegura a aplicación dos deseños estratéxicos occidentais, que é o que realmente se persegue. Como nunca se aceptou a lexitimidade da democracia islámica iraniana simplemente porque non é funcional para estes deseños na zona, perante os que o dereito de Irán a contar con enerxía atómica resulta vital desde o punto de vista defensivo. Non hai que ser moi agudos para comprender que o asedio contra Siria ten un obxectivo de maior alcance: privar Irán de aliados e interlocutores no mundo árabe, para mellor aniquilalo, ao tempo que a aspiración palestina a contar con estado propio se sitúa no mundo das quimeras...O caso concreto de Siria aluméase así como unha peza dun quebracabezas maior. Como a denominada “primavera árabe” aparece entrando a formar parte dunha estratexia de democratización limitada, controlada dentro dos intereses do capitalismo global...Cousa distinta é se as masa árabes aceptarán resignadamente a explotación colonial e os deseños de Occidente dunha globalización capitalista infernal a cambio de liberárense só do autoritarismo obsoleto...

Non é difícil de intuír que a estratexia en marcha contempla, a nivel máis global, a preocupación por China e, en menor medida, por Rusia, cando menos no Pentágono e no Departamento de Estado; unha por estar a un paso de se converter na grande potencia económica mundial e contar cunha poderosa influencia en áreas rexionais até hai pouco de exclusiva occidental, África e América Latina, e a outra polo seu non totalmente aniquilado potencial técnico-científico e o grande espazo vital ao seu alcance...Formalmente non hai guerra mundial. Na práctica si a hai. A percepción de caos que percibimos está en consonancia co fenómeno de dominio e confrontación global. Resulta inxenuo pensar que moitos acontecementos do mundo actual se poidan producir sen a inxerencia e á disposición á chantaxe, ao dominio e á guerra. Nada pasa por casualidade. A capacidade para provocar convulsións sociais con resultados políticos transformadores non depende do papel global de internet nin da conseguinte e suposta conformación dun individuo global libre, puntualmente informado, sen censuras, sen ataduras, coaccións, intimidacións e manipulacións dos poderosos. Máis ben, internet axuda e colabora a reforzar a maquinaria política, militar e económica con deseños globais, que ten nome e apelidos coñecidos e boa parte da súa intendencia oculta. Nesta conxuntura predomina o mercenario, o ideoloxicamente fraudulento, os eufemismos democráticos para agochar a barbarie; as institucións democráticas son meros espellismos que intentan esvaer os poderes opresivos realmente existentes...Cando o deseño hexemónico e os poderes que o aplican teñen unha vocación tan global -imperial-, estando á súa vez tan incardinado territorialmente, a belicosidade non se exerce só contra o inimigo declarado, tamén contra os amigos subordinados ou entre os que encabezan o grupo hexemónico. Guerra comercial, con intimidación e chantaxe política e económica, guerra informativa, guerra diplomática e entre os servizos secretos, fanse entre si os cabaleiros da táboa redonda da OTAN, que están dispostos a salvar a civilización occidental, o capitalismo imperial, globalizado; negocio e acumulación a calquera prezo; a desigualdade en todos os aspectos como raíñas e señoras do mundo. Hai guerra comercial USA-UE sen que o sangue chegue ao río; os USA intimidan na OMC, na OTAN, no FMI, na OCDE, na ONU. É unha caste de guerra política, psicolóxica, diplomática, na que o asasinato ou a actividade terrorista non están excluídos, para repartirse o botín e as zonas de influencia máis directa ou prioritaria de cada quen nos tempos da globalización, e para instaurar ou consolidar xerarquías e subordinacións. Sería interesante coñecer o papel asignado a cada un no reparto dos despoxos de Iraq ou de Libia.

No interior da UE estamos nun momento descarnado desta guerra comercial e financeira que se manifesta a través de: a) a xerarquización política formal; b) os axustes económicos internos nos estados periféricos, sobre todo en nome do combate contra o déficit e o pago da débeda, como prioridades; c) a financiarización da economía coa imposibilidade das periferias manter ou recuperar sectores produtivos tradicionais; d) reparto máis desigual da torta entre capital e traballo, coa conseguinte redución de dereitos laborais e sociais, auténtica guerra de acoso contra as clases populares. A política e a economía, sen o recurso á guerra convencional, están logrando instaurar un espazo imperial propio dun IV Reich. Nesta espazo privilexiado da globalización que é a UE, moitos estados e nacións sen estado da periferia non levantarán cabeza se non aspiran a contar con sectores produtivos de seu, para o que cómpre gozar de soberanía, de capacidade para decidir. E os pobos e as maiorías sociais non poden alegremente aceptar a privación desta capacidade se queren realmente construír un mundo entre iguais. Tirando deste fío, as sociedades respectivas, as opinións públicas de aquí, acabarán por comprender o que está a pasar en Oriente Medio, por exemplo. E acabarán por ser conscientes tamén de por onde nos convén a nós que transite unha política que mereza o nome de democrática, xustamente polas antípodas da que fan os USA e a UE neste momento histórico tan crítico. E isto podemos afirmalo con rotundidade, á marxe de cal for a estratexia, o deseño sobre o futuro mundial, que China contemple...Que a guerra, propiamente dita, tome hoxe a forma de agresión imperialista continua, perseverante e centrada en determinadas áreas, non debe levarnos á inocencia de pensarmos que non é de intención globalizadora e de significado mundial. Como é claro, que as zonas que non padecen directamente a guerra, están impactadas por distintas formas de agresións, ameazas e presións decorrentes da imposición dun deseño de dominio imperialista. Podemos falar de guerra comercial, informativa, cultural, diplomática, psicolóxica ou de terror, como fixemos aquí. O mundo está hoxe habituado a padecelas con máis intensidade que en todo o século XX.