Guerra de bandeiras
Non é inhabitual ouvir certas persoas a proclamar que non gostan das bandeiras, que son cousas reaccionarias que non van con el@s. Moitas veces se trata de pretens@s “cidadá(n)s do mundo”. Porén, sinceramente, eu creo que non se pode pretender ser ‘universal’ sen antes coñecer a fondo e identificarse co proprio, o que non implica – contrariamente ao chauvinismo españoleiro – rexeitar quen veña de fóra, como é, xustamente, o meu caso.
@s autoproclamd@s ‘esquerdistas’ de pacotilla imbuíd@s de antinacionalismo non hesitan en invocaren a célebre frase de Marx: “Os operarios non teñen patria.” Mais a citación non é completa e, sacada fóra de contexto, deturpa o seu verdadeiro sentido, pois continúa como segue: “Non se lles pode tirar o que non teñen. Na medida en que o proletariado ten primeiro de conquistar para si a dominación política, de se elevar a clase nacional, de se constituír a si proprio como nación, ele proprio é aínda nacional, mais de modo nengún no sentido da burguesía. [...] A unidade de acción [...] é unha das primeiras condicións da súa libertación. Á medida que é suprimida a exploración dun individuo por outro, é suprimida a exploración dunha nación por outra”. Noutras palabras, a solidariedade internacional e a loita das clases populares para a súa libertación nacional e emancipación social son valores proprios da esquerda e, alén de máis, trazos definitorios do nacionalismo do BNG.
E, por moito que se comprazan en declarar que el@s “non teñen patria”, se fosen apátrid@s de verdade abofé que rapidisimamente ían reclamar a súa nacionalidade correspondente para poderen gozar dos seus direitos...
Por outro lado, convén recalcar que, obviamente, quen xa ten recoñecidos os seus direitos – quer nacionais, quer de calquer outro tipo – non precisa de os reivindicar. Do mesmo xeito, así se debe entender, por exemplo, o caso daquelas persoas heterosexuais que se ofuscan ante as manifestacións públicas do Día do orgullo LGBT e argumentan que el@s non senten a necesidade de reivindicaren publicamente o orgullos@s que están da súa sexualidade, polo que tamén non entenden por que @s outr@s si.
Pola súa parte, os ‘cidadá(n)s do mundo’ españois tamén o teñen bastante fácil ao viveren no corazón do imperio, con estado proprio (usurpando e ocupando o territorio d@s outr@s, mais isto non importa: Abaixo as fronteiras!) e sen o máis mínimo problema para se desenvolveren con total normalidade na súa lingua, esa lingua ‘internacional’ manchada do sangue dos povos indíxenas das Américas.
Contodo, partillo o rexeitamento de todo o que representan bandeiras como a británica, a francesa ou a española, símbolos de colonialismo e imperialismo. Ora, reivindicar a bandeira da patria de noso é xa outra cousa ben diferente, pois representa a chama das arelas de liberdade que nunca lograron apagar os “imperialistas fracasados” na Galiza e a vontade de construírmos unha patria nova, máis xusta e igualitaria, plasmada na estrela vermella que loce no seu centro, símbolo desta esquerda que outr@s reivindican para o quimérico ‘povo español’, mais nunca para o povo galego.
É por isto que me sentía orgulloso ao despregar, xunto con outr@s compañeir@s militantes patriotas do BNG, a grande estreleira para que a vise o mundo inteiro nas transmisións televisivas no final da Vuelta a España (que por min ben podían volver de onde viñeron) que tivo lugar, curiosamente, na capital da Galiza.
Xa hai antecedentes. O ano pasado, o responsábel do BNG da comarca de Vigo foi procesado por pintar un mural coa bandeira da patria durante a volta ciclista, e este ano, na Coruña, a policia quixo quitar a bandeira das mans de militantes do BNG. Desta vez, en Compostela, non tardaron en chegar as ‘forzas da orde’ (da súa) para nos rexistraren co claro propósito de nos intimidar e criminalizar, pois a verdade é que non sei de nengún delito que consista en mostrar unha bandeira na vía pública de xeito totalmente pacífico – sexa o día do final da Vuelta ou calquer outro – nen sequer na nova lei mordaza.
E vaia luxo de efectivos: un axente uniformado por cada bandeira! Parece que nestes tempos de crise non se cortan no momento de investir en funcionariado, sempre que sexa con función represiva... E non era para menos, posto que unha bandeira de plástico sen pau apresenta un alto risco de asfixia, caso algunha crianza fique atrapada no seu anterior!
Obviamente, trátase dunha cuestión puramente política, pois ao tempo que se censura sistematicamente o máximo símbolo da República da Galiza libre, permítese ondear a rojiguarra nas súas diversas formas, e as mesmas ‘forzas da lei’ nen se inmutan ante o aguilucho que tanta nostalxia provoca aos militantes de Nuevas Generaciones en canto outros dirixentes do PP posan tranquilamente entre bandeiras “preconstitucionais” (a súa benquerida constitución) e nazis e tamén non pasa nada. E, mentres tanto, en Catalunya, a garda civil dedícase a apontar as moradas coa estelada no balcón. Que curioso! Non teño coñecemento de que houbese calquer problema por colgar a bandeira española dos balcóns das casas durante a Copa do Mundo. En definitiva, que sexa ‘preconstitucional’ ou non é o que menos lles molesta: o que lles fode é calquer cuestionamento da súa querida Ejpaña.
E logo algunhas das persoas ás que tanto proído daban as bandeiras (léase a nosa, a galega) descubriron a versión ‘guai’ da española (mesmo cun escudo que non dista moito do actual monárquico) e alporízanse – con razón – ao veren como se represaliaba a xente por levar unha bandeira española republicana durante a entronización do novo rei de Ejpaña no programa máis pseudoprogre da televisión, que tamén destaca por ser ultracrítico para coa revolución bolivariana de Venezuela, metendo no mesmo saco Fidel Castro, Hugo Chávez, Jesús Gil e o mesmísimo Franco nunha patética burla demagóxica e, como non podía ser menos, fanaticamente antinacionalista, con penosas caricaturas con motivo da Diada e equiparando Bildu con ETA, na mellor tradición do seu rival mediático. Noutras palabras, hipocrisía pseudoprogresista que pretende desmontar calquer contestación política real que poida derrubar de verdade o establishment.
O curioso é que, ao mesmo tempo, fican calad@s ante a prohibición e represión sistemática da nosa bandeira estrelada en eventos deportivos, como, por exemplo, a Copa Galiza (!) de basquetebol celebrada en xaneiro deste mesmo ano. Se callar non tiñan noticias de tal prohibición... Ou, máis ben, aínda que chegasen a sabelo, non lles ía importar. Que unha cousa é a Ejpaña – republicana ou monárquica – do vello réxime do estado unitario, e outra moi diferente o nacionalismo, libertador e representante único do verdadeiro povo.
Se tanto molesta a estreleira, bandeira da patria galega libertada, é porque representa a resistencia e a vontade do povo de erguerse e camiñar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria sen chatas nen dependencias alleas, en canto a española representa a resignación e a aceptación do statu quo e a primacía do mito do ‘povo español’ sobre os mariñeiros, obreiros e labregos que conforman o povo galego. Que cada un/ha escolla cal é a súa e valore a necesidade de arborala con orgullo sempre que for preciso, pois é ben certa a famosa citación do filósofo escocés David Hume de que “Unha bandeira non se come”, mais tamén é certo que sen ela te comen a ti.