Grupo parlamentar misceláneo, para que?
Levo uns días francamente desacougado, con esa inquietude que me producen as situacións que foxen da miña comprensión, coa sensación de que todo canto viña defendendo o partido co que me identificaba se está esfrangullando de xeito progresivamente acelerado. Todo está tan convulso e caótico que me sinto incapaz de entender nada, o que me provoca unha situación certamente allea e inquietante. Semella que estamos a sufrir un naufraxio, coa súa carga tráxica de desconcerto, angustia e pánico, no que cada quen, lembrando o berro, disque real, de “Sáfate Marín que eu xa me safín”, tenta sobrevivir como poida, suxeitándose ás cortizadas, paos, táboas, engaretados, remos, depósitos e demais alpertrechos que van aboiando, cada pouco, entre os tombos e o espumallo da marusía campal.
Por todas partes xorden voces e grupiños que encabezan manifestos para os que, indefectiblemente, piden adhesións. En máis ocasións das desexadas, algún dos conxuntos que agroma neste pandemonio é tan insignificante, numericamente falando, que me lembra cando a policía franquista ordenaba que nos disolvésemos “en grupos de a uno”. Vivimos tempos de followers e, se despois de quince días, conseguen os convocantes contar baixo o seu texto un milleiro de nomes, o 0,036% dos habitantes de Galicia, coidan que xa son xente e que poden discutir accións e plans futuros para a nosa nación en pé de igualdade con organizacións políticas como o BNG. Non dou escarmentado de ser un “abaixoasinante” e aínda hai ben pouco que me sumei ao que se presentaba baixo o chamamento “Pola Unión”. Hoxe, vista a situación, se cadra non tivese asinado, ou talvez si, por aquilo de que é moi raro que os pardillos se transformen en miñatos.
,Se como nacionalista galego superei, non sen dor, a dramática esgazadura do BNG e a fase de enchente (á que necesariamente seguirá o devalo) das mareas, a actual situación tenme moi ben máis preocupado, porque, por vez primeira, non vexo o perigo exclusivamente fóra da casa, senón tamén dentro, no núcleo do BNG, nada menos que na UPG, para min cerne da árbore, peza esencial da engrenaxe nacionalista e razón de ser do meu continuo apoio e defensa do BNG. Os que me coñecen saben que entre os meus defectos non está a indefinición, nin as medias tintas. A defección de Beiras tivo para min consecuencias mesmo persoais. O Museo do Pobo Galego, fiel ao seu nome, está libre de sectarismos, o que se manifesta na composición do seu padroado e, cada vez que celebramos unha xuntanza xeral, aproveitamos para facer un xantar no que todos poden participar; mais a praxe de moitos anos deixou claro que a maioría dos participantes no que os gregos chamarían simposio somos nacionalistas. Indefectiblemente, os temas de conversa xiraban derredor de Galicia e de política en xeral, chegándose a facer quinielas sobre o número de deputados ou concelleiros que sacaría cada un dos partidos nas sempre próximas eleccións. Desde o cisma, o mesmo que nas ceas familiares de Nadal, a política foi arrombada e agora só falamos do que lle cadre. Unha mágoa.
Neste fervello de mareas e partidos de deseño, cando menos a UPG (do BNG non podo dicir o mesmo, se reviso declaracións do seu portavoz nacional) mantivo unha liña coherente e inequívoca, o mesmo que fixemos outros, desde fóra do aparato e mesmo da organización, e por aí andan os escritos para corroboralo. Hoxe, 7 de setembro, -e poño a data, porque en oito días xa mudei non sei cantas veces o artigo e aínda non sei se o que se poida ler o día nove será este mesmo ou outro; así de confuso está o asunto- semella que, agás Podemos, todos os demais, BNG incluído, concordan en que ten que haber un grupo parlamentar galego no Congreso de Deputados. É tan obvio isto que eu non entendo a razón de dicilo e repetilo día tras día como se quen tal pensou viñese de descubrir o Mediterráneo. Ás veces, a “grupo parlamentar galego” engádeselle soberano, libre de ataduras e ata nacional; mais o que non atopo nunca é nacionalista. Dá que pensar.
Desde que, nos tres derradeiros cursos da década dos 80, fun compañeiro de claustro de Francisco Rodríguez, no IB da Estrada, compartindo con el gardas, horas mortas, algún cóctel e mesmo o xantar con que o centro nos agasallou, cando, en 1990, marchamos, el para Ferrol e eu para Pontevedra, tiven moi claro que estaba diante dun home dunha grande valía intelectual e dunhas conviccións políticas inamovibles a prol da liberación nacional de Galicia e da defensa das clases populares galegas e universais. Moita xente segue a non entender que se poida ser nacionalista e comunista, sen que unha cousa se vexa prexudicada pola outra. Desde aquela, cando nos foros nacionalistas se manifestan diferentes posturas, antes de ler a do amigo Paco Rodríguez, xa sei que vou concordar con ela, e é por iso polo que o artigo que publicou hai uns días en Sermos Galiza me deixou desconcertado. Segundo o lía, estaba a verificar o que eu agardaba do autor, xa desde o inicio, cando di que a petición dun Grupo Parlamentar Galego no Congreso é un obxectivo “dise que compartido”, ou cando lembra que na lexislatura 2000-2004 se lle negou ao BNG grupo propio, podendo eu engadir que Josu Erkoreka me comentou, hai anos, que el estaba decidido a pasar voluntariamente da formación do PNV á do BNG para aumentar o seu número e forzar así un grupo propio nacionalista galego. A razón: todos somos nacionalistas e hai que se apoiar nas reivindicacións. Por iso seguín concordando con Paco, cando di que “Fai falla unidade, si, pero entre as distintas organizacións galegas, sen interferencias alleas” (a cursiva e miña). Todo ben ata o penúltimo parágrafo, onde leo que está disposto a aceptar a participación “de quen pertenza a unha organización da esquerda estatal se xoga con honestidade”. Relín, volvín reler. Apaguei o ordenador. Ao día seguinte vexo na prensa unha columna, chea de frases entresacadas do texto, dedicada a admirar, a xeito de primicia, que Francisco Rodríguez está disposto a aceptar forzas de obediencia estatal no grupo parlamentar galego. Volvín a reler o escrito de Sermos Galiza. Seguín sen entender nada, e un día máis tarde leo que o Consello Nacional do BNG vai por ese camiño, que vai haber unha xuntanza o vindeiro día 12 e que o BNG quere informar en asembleas a importancia de ter unha representación potente en Madrid.
Pero é que alguén tiña dúbidas sobre iso? Coidan que haberá algún nacionalista que estea en contra de contar cun grupo potente no Congreso? Se de algo hai que informar será da composición da tal representación e a razón profunda de estar dispostos a compartir viaxe, por exemplo con EU, renegando así de todo canto se leva defendido (polos de dentro e polos de fóra) desde a espantada de Amio e dándolle a razón a Xosé Manuel Beiras, pois demostrou ser un visionario que tivo as cousas claras anos antes. A min a experiencia do bipartito chegoume e sobroume. Algúns tiveron acceso ao DOG e pisaron moqueta, pero o nacionalismo sufriu un retroceso que seguimos pagando.
Un raposo rondaba o galiñeiro. O dono das pitas meteu o can dentro. O raposo vaise achegando, detense, ulisca e da media volta, dicindo: “Galiñas serán, pero chéiranme a can”. Paco Rodríguez, o Consello Nacional e algúns outros coma min somos raposos vellos, por iso non entendo nada e ando desacougado, agardando a ver por onde rompe todo isto, negándome a aceptar que alguén pense que, cando no Congreso haxa que decidir algo que afecte á nosa vocación de soberanía, IU vote non e EU vote si, e moito menos quero pensar que Galicia se converta en coartada para desenvolver currículos persoais. Intelligentibus pauca.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.