Grazas


Aos centos de miles de galegos e galegas que depositastes a confianza na forza do nacionalismo galego as pasadas eleccións: grazas.

Non fostes poucas as persoas que contribuístes co voso voto a facer que Galiza volva ter voz propia no Congreso español, as que lograstes colocar dous deputados en Madrid que serán, como xa fixeron até o de agora, o contrapunto ás políticas de dereita e relegadoras do noso país. Somos fillos dunha patria negada dende hai moito tempo. Dende o seu nacemento, o BNG soubo artellar unha alternativa política de defensa de Galiza, das súas clases asoballadas, que persegue a mellora da inmensa maior parte do seu pobo cunha óptica progresista e liberadora. Hoxe, como daquela, somos a única garantía para reivindicar os dereitos galegos en calquera ámbito de decisión. Por iso grazas polo voso apoio.

Grazas a vós seguiremos a enfrontar as medidas lesivas para a clase traballadora. A opornos á regresión das conquistas das mulleres. A loitar contra a falla de traballo, de oportunidades e de perspectivas da nosa mocidade. Grazas a vós defenderemos a validez de noso idioma en todos os ámbitos, a integridade do noso patrimonio natural, a solidariedade entre os pobos, a denuncia da guerra, do racismo, a violencia sobre os e as máis febles.

Porque grazas a vós seguiremos a combater por Galiza, mal que lles pese. Mal que lle pese a unha prensa que deforma a realidade en función dos seus intereses. Mal que lle pese a un establishment político onde o nacionalismo sobra, molesta. Mal que lles pese a renegados que nos din como temos que ser (bos españois), a quen nos amosa o aro e o látego que debemos obedecer, aos que amasan as súas fortunas á sombra do poder, aos que non queren ser nomeados pero queren alcumar o nacionalismo con todos os adxectivos negativos posíbeis.

Porque non é certo que sexamos poucos. Temos case duascentas mil razóns para seguir a traballar pola nosa terra. Nin que os vosos votos non valeron absolutamente para nada. Non é certo tampouco que imos a peor. Nin que non hai nada que facer. Que o bo é sempre o novo, o que vén de fóra, que os galegos e galegas non valemos para ren. E polo tanto o BNG é unha pallasada que está nas últimas. Que é mellor renderse, total, para non facer nada...! Xa lles gustaría. Pois deámoslle onde lles doe. Sigamos a golpear onde máis dano lles fagamos. Imos estar nas cortes do Estado poñendo por diante a razón galega, as razóns e os intereses de Galiza. Grazas a vós ímolo facer, como xa se fai tamén nos concellos, nos parlamentos galego e europeu. E tamén na sociedade, nos centros de traballo, nas asociacións, en todo canto ámbito hai.

Unha alternativa transformadora como a que o BNG representa non é doado erguela, nin mantela firme ante unha a enxurrada de dereitización, de recortes na democracia formal, de individualismo que padecemos nestes tempos. Pois iso o esforzo realizado entre todas as persoas que confiaron nunha alternativa galega e popular o pasado mes teñen un enorme mérito. Podemos pedir máis, aspirar lexitimamente a ter un grupo parlamentar propio en Madrid. Non é doado nin ninguén regala nada. Loitemos por máis adiante acadalo. Hoxe podemos congratularnos por ter vencido os designios e o traballo realizado polos nosos inimigos para acalar a nosa voz, para eliminarnos políticamente, por facer que non obtivésemos representación no Congreso. Vencémolos. Son uns imperialistas fracasados.

Iso si, aínda agora queren ningunear o noso resultado. Gostaríalles non ternos que aturar, non ternos diante, non ter que escoitar certas verdades. Nós tamén queremos máis, non é un resultado que nos conforme, que nos satisfaga nin nos vaia adormecer e volver inoperantes. Pero o primeiro que hai que rachar é o discurso negativo, o que pretende crear un fatalismo que leva á resignación.

Grazas a vós, xunto a vós, imos seguir construíndo a Galiza que queremos, nun mundo máis xusto.