Grandes males, peores remedios

A crise financeira que nos azouta xurde despois de décadas de aplicación práctica dun modelo económico e social que gozou de enorme consenso por parte dos grandes poderes económicos, políticos e mediáticos. O neoliberalismo foi recibido a mans cheas polos gobernos dos Estados máis poderosos do mundo, e mesmo o seu programa económico e social foi plasmado a nivel xurídico e institucional dentro do proceso de construción da Unión Europea.
Porén, o afán liberalizador e monetarista favoreceu unha especulación desmedida e relegou cara un segundo plano o incentivo á economía produtiva e á equidade na distribución da riqueza. Infláronse enormes burbullas co osíxeno de diñeiro rápido que procuraba taxas de beneficios cada vez máis elevadas abeirándose na liberdade de movementos de capitais, mais que en realidade agochaba unha falta de orientación do patrón de desenvolvemento económico en función dos intereses xerais e incluso a inexistencia de mínimos controis públicos sobre a utilidade social de moitos investimentos e negocios, lindantes en ocasións co delito.
Após o "oasis neoliberal", por parte do establishment económico e político apoiados no seu potente soporte mediático, estásenos a convidar a reanudar a nosa travesía vital a través do deserto baixo un sol de xustiza. Lonxe de reflexionar sobre as consecuencias resultantes da aplicación do paradigma económico neoliberal tendo á man os actuais indicadores económicos, sobre todo os relativos ao emprego, que deberan medir o éxito ou fracaso da aplicación das políticas neoliberais (neste caso hai máis do segundo que do primeiro), profundízase aínda máis nun invariábel e persistente mantemento dos mesmos postulados económicos para deseñar as políticas cara unha recuperación da crise, como se un dogma de fe se tratar. E canto máis se afonda na restauración e avance dese programa económico, máis absoluta se vai tornando a coincidencia dos máximos responsábeis gobernamentais, das máis altas autoridades financeiras e dos máis insignes "gurús" económicos en afirmar que non hai outra solución posíbel á crise.
Semella definitivamente instalada a necesidade de seguir acometendo un "programa de reformas" para dar confianza aos mercados, baseado na austeridade do gasto público, en afondar na liberalización económica, en intensificar as privatizacións de servizos e infraestruturas públicas. En suma, en realizar máis buratos á dereita do cinto das clases populares para que encaixe a fivela a medida que as solucións á crise obriguen a apertar. Nestas ideas, nos seus trazos básicos, concordan tanto PSOE como PP, e así están a actuar cada un nos diferentes gobernos onde ostentan responsabilidades. Transcorreron máis de dous anos, ora de inactividade fronte á crise, ora de aplicación de medidas adaptadas á ortodoxia neoliberal, cuxos resultados non poden ser máis nefastos, e aínda así pretenden insistir explorando esa senda. Sen sermos exhaustivos, as multimillonarias inxeccións á banca privada que non restableceron o crédito á economía produtiva, o continuo recorte de fondos para o apoio aos sectores en crise que está a acelerar os expedientes de regulación de emprego e os concursos empresariais, o incremento do desemprego e da precariedade laboral incluso despois de acometer a reforma laboral, ou as cada vez maiores esixencias -ideolóxicas e económicas- dos axentes financeiros internacionais para financiar a débeda dos estados e das institucións públicas, malia írense cumprimentando sumisa e dilixentemente por parte dos gobernos todos os requirimentos reformistas para asegurar o mantemento das elevadas taxas de ganancia á que veñen acostumados aínda a custa de que se empobreza á ampla maioría da poboación.
Neste estadio, non é de agardar que os remedios para curar os males que entraña a actual crise económica veñan da man da autodenominada "alternativa progresista" que encarna o PSOE , pois avalaron o modelo económico vixente participando activamente na súa expansión, lexitimación e asentamento, nin tampouco das alternativas políticas conservadoras que enarbora o PP, ancoradas nun elitismo clasista, e que -malia a formal retórica opositora- partillan o denominador común da actual política económica ditada polo FMI ou o BCE á que se prega Zapatero e todo o seu Executivo, e que na Galiza xa podemos contrastar na práctica, cun Goberno galego que complementa con perfecta sincronía as medidas antisociais que impulsa o Goberno central.
A verdadeira alternativa para superar a crise virá se, ademais de combater o ataque ao recorte dos dereitos económicos e sociais adquiridos en favor das maiorías sociais, se produce unha reformulación profunda da arquitectura e programa económicos dominantes nas últimas décadas que nos afaste dos seus axiomas e valores. No canto de liberalización, privatización e recortes sociais, apostar polo reforzo do papel público sobre os sectores económicos esenciais, e pola planificación e xestión públicos dos servizos básicos como mecanismo para reducir as desigualdades sociais. En troques de individualismo, especulación e dominación, afianzar unha cultura e práctica económicas alicerzadas na supeditación ao interese xeral, ao crecemento sustentábel e ao respecto e cooperación entre os pobos para poder producir e crear riqueza na propia terra segundo as vantaxes comparativas de cada territorio.
As actuais doenzas económicas non se curarán persistindo na aplicación dun tratamento que lle dosifica o mesmo axente infeccioso ao corpo doente. Só unha dispensación de políticas claramente alternativas, como as que está a defender o nacionalismo galego, contribuirá a rematar coa agonía económica e retomar con azos renovados o dinamismo e a vitalidade do tecido produtivo.