Golpismo con luva de seda


A entolecida situación que se está vivindo na Unión Europea nos últimos meses e sobre todo as sucesivas "solucións" que se lle van dando aos problemas provocados pola crise fan que na miña cachola martele con insistencia unha pregunta: a crise existe realmente? É esta un feito obxectivo ou un invento do capitalismo para darnos outra volta de torca?

Estas preguntas sen resposta aliméntanse na evidencia de que logo de tres anos aplicando as receitas formuladas polos sabios da economía consistentes unicamente en recortar gastos e dereitos ao común da cidadanía, a situación non só non mellora senón que cada mañá "a prima de risco" ou algunha "axencia de cualificación" nos da un novo sobresalto, debrocando toda a súa ira sobre un novo obxectivo até derrotalo. Lonxe de rectificar, de mudar a fórmula maxistral da medicina que nos están a aplicar, os gurús, os meigos afánanse en fabricar máis e máis doses da mesma apócema que habemos ter que tragar sen remedio.

Malia a nebulosa na que vivimos vese con nidia claridade que, exista realmente a crise ou non, o capitalismo xa ten conseguido unha grande vitoria. Sen apenas darnos tempo a reaxir está a gañar a batalla do pensamento. Á forza de insistir até a saciedade conseguiu que os homes e mulleres que estamos sendo vítimas da crise: asalariados, empregadas e empregados públicos, desempregados, pensionistas, os e as cidadáns do común, teñamos interiorizado que en realidade somos os culpábeis desta porque seica viviamos por riba das nosas posibilidades tanto na nosa vida privada como ao beneficiármonos de servizos públicos.

As e os que temos subscrito con algunha entidade financeira unha hipoteca para accedermos a unha vivenda en propiedade somos culpábeis da cuantiosa débeda privada do Estado Español que tanto inestabiliza aos tan "sensíbeis" mercados facéndolle pagar o pato á "nosa" prima de risco; os e as pensionistas son culpábeis do noso inasumíbel déficit público por precisaren de medicación para o colesterol ou a hipertensión.

Unha vez que temos interiorizado a nosa culpa individual e colectivamente, cuestión ben doada en sociedades que recibimos unha educación nos valores xudeo-cristians que se sustentan precisamente no concepto da culpa, chega o momento de recibirmos o castigo, ben merecido.

Eis o gran logro no plano do pensamento: xa que viviamos por riba das nosas posibilidades e non se pode gastar máis do que se ten e é imprescindíbel (aínda non nos explicaron porque, pero éo) rebaixar radicalmente a débeda e o déficit, temos que asumir sen protestar o castigo.

Temos que tragar todas as doses da apócema que nos queiran subministrar. Tanto ten que a apócema sexan recortes nos nosos salarios, a desaparición da cobertura pública e universal a dereitos básicos como a sanidade ou a educación, a desregulación das relacións laborais. Calquera cousa para satisfacer aos pobres mercados aos que tanto mal lle fixemos coa nosa irresponsabilidade.

Mais como aínda existían en Europa algunhas voces dispostas a discrepar, algún díscolo descreído disposto a evadirse da culpa e do correspondente castigo, cumpría converter este designio en inexorábel, inevitábel nunha especie de fatal determinismo.

Non abondaba con que os poderes financeiros sinalasen e no seu nome a Sra. Merkel ordenase a execución de todo tipo de medidas e reformas nos distintos estados membros, precipitando adiantos electorais ou modificando constitucións segundo o caso, suplantando dun xeito claro a soberanía dos estados e dos pobos, sen apenas resistencia destes e coa entrega absoluta dos seus dirixentes.

Non, non abondaba. Era preciso dar un paso máis. Cando un goberno non nos serve non chega con obrigalo a convocar eleccións que estas, ás veces, cárgaas o demo.

Si un Presidente, aínda que sexa a destempo, escoitando ao seu pobo que se ve privado de futuro por varias xeracións por mor dos recortes impostos, decide someter máis recortes a referendo, hai que chamalo a capítulo. Hai que lerlle a "cartilla", darlle un azoute e por suposto substituílo por un tecnócrata ao servizo dos mercados. Que este tecnócrata teña graves responsabilidades en que ese país teña chegado a esta situación é un detalle sen importancia. O importante é que saiba quen é o amo ao que hai que servir.

Que Berlusconi xa non nos vale porque non fai os deberes que lle mandan pois buscamos un mellor guiado. Non importa se hai que nomealo senador vitalicio para poder nomealo primeiro ministro, non importa que traballase para a axencia que falsificou os datos e que nos levou a onde estamos, o que importa é que sabe en nome de quen ten que gobernar.

Non teñen que gobernar en nome de ningún pobo, porque ningún pobo os elixiu. Foron nomeados polo dedo da Sra. Merkel para substituír a quen tiña sido elixido polo seu pobo.

Isto só ten un nome: é un golpe de Estado. Golpismo de luva de seda mais golpismo ao fin e cabo.

Non lle deixemos gañar esta batalla. Fronte a isto, do que non se fala na campaña electoral, tamén hai alternativa. A alternativa de defensa da democracia, dos dereitos dos pobos, da soberanía das nacións que representa o Bloque Nacionalista Galego.