Gobernos locais con políticas neoliberais impostas

Gobernos locais con políticas neoliberais impostas

A aprobación do Real Decreto Lei 8/2010 do 20 de maio de medidas extraordinarias para a reducción do déficit público impón aos Concellos de xeito inxusto e indiscriminado políticas claramente contrarias as defendidas polo BNG nos Gobernos Municipais.

A súa aplicación afectará de xeito moi negativo á necesaria dinamización económica municipal, a calidade dos servizos públicos e aos intereses dos traballadores.

Trátase, de impedir de xeito absoluto a posibilidade de financiar inversións en equipamentos e obras públicas mediante préstamos, nun momento no que precisamente a administración municipal pode contribuír a xerar con estas inversións a dinamización económica necesaria para o mantemento do emprego e a actividade comercial. A súa prohibición sen ter en conta as propias limitacións existentes xa na normativa reguladora das facendas locais é aínda máis grave e inxusta por canto impide que concellos que tendo unha situación económica saneada poidan agora recurrir a financiación bancaria para a execución de programas de inversións dinamizadores da economía local.

Así mesmo a obrigatoriedade da cancelación a 31 de decembro dos préstamos subscritos a curto prazo vai dificultar a tesourería de moitos concellos e provocar recortes nos servizos públicos e máis retrasos nos pagos a provedores.

Por último, a redución salarial aplicada por analoxía coa administración central aos traballadores e funcionarios municipais vai na liña contraria ao estímulo do consumo e ao mantemento do poder adquisitivo necesario para o mantemento da actividade económica.

Estas medidas van acompañadas de propostas para abrir ao capital privado, especialmente ao capital financeiro, novos ámbitos de negocio en servizos públicos básicos (infraestructuras, servizos sociais, educación, caixas de aforro...).

Da suposta refundación do capitalismo para regular ao capital financeiro pasamos a unha aplicación sen complexos de políticas ultraliberais destinadas ao desmantelamento das conquistas sociais, dos servizos públicos, do capital social básico para favorecer os intereses sen escrúpulos e sen medida do capital financeiro e dos chamados mercados.

Na Administración Local, estas directrices como vemos, están sendo impulsadas tanto polo Goberno Central como pola Xunta de GaliZA
, coincidentes nos mesmos obxetivos. A disolución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a privatización dos servizos sociais, a nova lei de augas co incremento sustancial no canon de auga, a desregulación na normativa urbanística e territorial, etc... son algúns dos exemplos destas políticas aplicadas pola Xunta de Galicia con incidencia na administración local.

Faise preciso, xa que logo, un esforzo na nosa intervención institucional e social para enfrentar estas medidas e favorecer a reacción social necesaria para impulsar outra alternativa cunha saída xusta á crise de modelo económico e social.