Goberno nacionalista e dinamización económica en Allariz

No vindeiro agosto de 2014 celebraremos 25 anos de goberno do BNG no Concello de Allariz. Con este motivo podemos facer unha avaliación do noso traballo na dinamización económica, na posta en valor dos nosos recursos propiciando un desenvolvemento endóxeno. Esta avaliación pode servirnos ademais para incidir na orientación estratéxica que vimos aplicando e como está a responder o modelo implantado diante desta conxuntura de crise económica.
No ano 1989 o noso era un Concello sen perspectivas de futuro, en declive económico e demográfico nun rural castigado pola emigración e unha vila en permanente decadencia e cunha poboación resignada e sen confianza. A loita veciñal desenvolvida en Allariz foi unha reacción a esta situación de profunda crise política e socioeconómica. En palabras da xornalista Mar Gil: “Entre o 11 de agosto e o 16 de novembro de 1989 a Casa do Concello de Allariz estivo permanentemente ocupada por veciños e concelleiros do BNG. Foron máis de tres meses de peche, folgas, manifestacións, presión policial, conflito social e debate político. Con sentimento, con solidariedade e cun firme sentido da dignidade os veciños que en 1989 racharon co caciquismo erguendo a bandeira do Arnoia deron un salto no tempus político de Galiza. A ruptura que provocaron os 98 días de peche tivo un valor histórico esencial: Foi o limiar dun proxecto de transformación global que trocou os parámetros sociais, políticos e económicos de Allariz, converténdoo en referente e modelo dos concellos galegos. Foi a demostración de que o cambio é posible, de que os pobos teñen aínda tempo de soñar”.
Non deixa de ser curioso que os nosos principais activos- patrimonio histórico e ambiental e situación xeográfica- eran sen embargo percibidos mesmo como a causa do atraso e a decadencia. O casco histórico e o patrimonio para moitos impedía o “progreso” e a proximidade con Ourense para a maioría significaba a imposibilidade de ter unha actividade comercial forte.
Tivemos que dar un forte debate ideolóxico como en moitos outros ámbitos para convencer e implicar. Convencer de que o patrimonio non era unha causa nin atranco para un auténtico desenvolvemento e mesmo de que non era certo que Allariz estivese a 20 km de Ourense senón que era Ourense a que estaba a 20 km de Allariz e polo tanto con 100.000 potenciais clientes para o comercio que había que crear en Allariz.
A iniciativa pública municipal tivo que entrar directamente no exercicio de actividades económicas creando a oferta necesaria para demostrar que o modelo era viábel e sentar as bases para unha posterior aparición de iniciativas empresariais privadas. A creación de empresas municipais con capital 100% público como Reatur S.A. para impulsar e xestionar o cámping municipal, a hípica, as casa de turismo rural e un ambicioso programa turístico, a creación de empresas mixtas como Allarluz, pioneira no ámbito do aproveitamento da biomasa e a valorización dos subprodutos do monte para poñer en marcha aproveitamentos gandeiros en extensivo, Allarbus para propiciar a primeira iniciativa de transporte público coas parroquias e a vila, o tanatorio municipal ou Educagro coa fundación González Ferreiro para impulsar a queixería do Rexo que dende o 2001 segue a producir e vender preto de 6.000 kg de queixo a 18 €/kg esgotando cada ano a produción.
,Estas iniciativas públicas complementadas coa recuperación do casco histórico, a creación dunha rede de museos municipais- Parque etnográfico do río Arnoia, Museo do Xoguete, Museo da Moda, Fundación Vicente Risco- permitiron activar o comercio e a produción local nunha rede singular de establecementos en baixos rehabilitados polo Concello e alugados a prezos reducidos para artesáns, vinotecas, establecementos de produción local, licorerías, etc... Mesmo a rede museística foi deseñada con complementos de actividade comercial para asumir o seu gasto corrente e potenciar a actividade económica nestes espazos singulares. O salto cualitativo no ámbito comercial e mesmo turístico- turismo de consumo- chega coa iniciativa municipal de alugar a través da empresa municipal Reatur 20 baixos comerciais da rúa Fonteiriña e instalar uns Outlets de primeiras marcas- Roberto Verino, Massimo Dutti, Adolfo Domínguez, Zara, Nanos, Alba Conde, Titto Bluni, Pepe Jeans... Dende o ano 2008 a afluencia aos Outlets especialmente coa apertura no fin de semana aporta un espectacular número de visitantes para o conxunto do comercio e a hostalaría de Allariz e permite unha significativa modernización da nosa oferta comercial. As concesións de hostalaría municipais- pousada Torre Lombarda, Restaurante A Fábrica de Vilanova, Bodegón Museo do Coiro, Portovello, Cafetería centro cívico A Fábrica, Restaurante Muíño Acea da Costa, Cafetería Fío de Liño, Museo da Moda, Cafetería Centro Social, Museo do Xoguete- completan unha extraordinaria oferta de espazos con moito encanto e afianzan o importante sector da hostalaría que avala a presenza en Allariz da cadea AC Hotels, cun hotel da máxima categoría incorporando oferta de centro de convencións e Spa.
A celebración de eventos de promoción como a Festa da empanada, Feira do doce, licores e amendoado, Feira de artesanía ou Feira do outono realzan o valor destes produtos e o valor da hostalaría de Allariz.
A posta en marcha do Festival Internacional de Xardíns de Allariz no 2010 reforza a capacidade de atracción de Allariz que conta con máis de 13 hectáreas de parques e espazos públicos nas marxes do Arnoia para uso e desfrute publico. Na pasada edición do Festival superamos os 34.000 € de ingresos de entradas ao Festival cunha importante repercusión mediática, converténdose nunha oferta singular en toda Galiza e no Estado.
O orzamento do Concello para o exercicio 2014 centra os seus esforzos en manter unha política municipal de dinamización económica favorecedora da creación de emprego e asimesmo de atención prioritaria ás políticas sociais que fan de Allariz un referente en servizos públicos e calidade de vida.
O orzamento municipal para o 2014 continúa centrando o esforzo nas políticas de dinamización económica e xeración de emprego. O obxectivo é paliar e frear as consecuencias negativas das políticas especulativas ao servizo do capital financeiro. Así mesmo, o orzamento municipal pretende manter unha oferta de servizos públicos de calidade que nestas datas descoñecemos como se van a ver afectados pola futura entrada en vigor da Lei de racionalización e sostibilidade da administración local. Así mesmo nos últimos anos vimos apostando por impulsar proxectos de desenvolvemento local, proxectos de comercio de proximidade e de valorización dos nosos produtos que están permitindo sumar aos sectores xa tradicionais – doces, licores, embutidos, mel, amendoados, empanadas...- novos produtos coma o leite ecolóxico, carne de boi, queixo do Rexo, cervexa artesán, xabón con leite de burra, marmeladas, cogumelos, produtos da horta..., tamén artesáns – madeira, coiro, esmalte, cerámica, orfebrería, liño- e activades plásticas- pintura, escultura, serigrafía... .
Estes programas serán impulsados no 2014 prestando especial atención a súa dinamización, ao mercado semanal da Reserva da Biosfera, ás feiras e eventos de promoción, ao apoio ás iniciativas privadas que se desenvolvan especialmente no sector primario para promover o aproveitamento do territorio e frear o abandono do medio rural. Procuraremos así mesmo que o importante sector comercial e de servizos de Allariz, especialmente comercio e hostalería se poidan beneficiar da programación de eventos e actividades que reforzarán no 2014 a capacidade de atracción de Allariz e así paliar a caída do consumo e de actividade económica que medidas como a redución de salarios, subas do IVE, incrementos de prezos da electricidade ou combustibles, falta de crédito bancario, etc., están provocando. No 2014 continuaremos ca promoción do solo industrial municipal de Chorente mantendo aberta a posibilidade de aluguer con opción de compra a un prezo moi competitivo de 45 €/m². O orzamento para o 2014 prioriza o mantemento do capital social básico que os veciños de Allariz desfrutamos nos servizos públicos municipais e que fan do noso Concello un referente en calidade de vida. Servizos sociais, deportivos, culturais, educativos e festivos que teñen permitido incrementar poboación mantéñense nas previsións do 2014. Así mesmo contemplamos a posibilidade do pagamento de medicamentos a persoas doentes crónicas non hospitalizadas.
Nos datos presentados polo Instituto Galego de Estatística e do Observatorio Económico Ourensán Allariz é un dos poucos concellos nos que o número de empresas e o número de afiliados á Seguridade Social aumentou durante o período de crise económica. Un 12,7% máis no censo de empresas no que sen dúbida ten moito que ver a dinamización económica que o Concello de Allariz está impulsando e no que Allariz se ten convertido nunha marca de valor, de prestixio que en si mesma é todo un activo económico.