Gobernar: talón de Aquiles do BNG
Esconxuremos malentendidos de inicio. A afirmación, modesta opinión persoal, faise desde o convencemento certeiro de que o BNG xestiona mellor que PP e PSOE. O nacionalismo é xa amplo coñecedor directo, por oposición e por experiencias diversas de goberno, das vellas e novas formas de exercer funcións gobernativas -e de moitos dos seus lamentábeis protagonistas- que os dous partidos estatais practican en concellos, deputacións e Xunta. Tamén con modestia e con plena consciencia de erros propios, non hai cor.
Engordemos o esconxuro co recoñecemento explícito a unha acción de goberno nacionalista polo xeral de pretensións ambiciosas, de fundo e de longo prazo, de vocación estrutural, transformadora e fundamentada nunha visión máis digna, atinada e socialmente beneficiosa do que debe ser o país, dun mellor futuro para Galiza. Tamén enriba do día a día, do máis prosaico cotiá. E recoñecemento da adicación, do compromiso militante sen escapatoria, sometido a luz, taquígrafos e fiscalización, de centos de compañeiras e compañeiros que exerceron e exercen tarefas políticas institucionais con honestidade e sacrificio baixo a inevitábel concepción de privilexio. Non hai comparanza con PP e PSOE.
Mais a pretensión é centrarmos máis os nosos esforzos analíticos colectivos na nosa forma de gobernar, en tirar máis proveito da experiencia vivida, en dar relevo acaído a aquela parte da nosa acción política que máis relevo social adquire, en perfeccionar o que a sociedade xulga de xeito máis evidente e directo, en situar como factor e causa da evolución electoral do nacionalismo a percepción social das experiencias máis destacadas da nosa acción de goberno. Parémonos antes nalgunhas outras causas coñecidas escollidas ao chou:
I. As vilipendiadas causas esóxenas ou estruturais.
A política non é un solitario. Non depende a victoria en exclusiva da propia virtude. Hai máis xogadores e, o máis importante, non xogan sempre igual.
Sempre descalificaron ao nacionalismo. Mais a primitiva descalificación mantida no fraguismo e xa contrarrestada polo noso coñecemento social directo após anos de activismo, mudou nunha maior sofisticación ideolóxica nos anos do aznarismo co dedo apuntando aos acontecementos do leste de Europa na década dos noventa. Nunca contamos co favor dos medios de comunicación de masas, mais a 'moderna' campaña mediática golpista das últimas autonómicas non parece ser allea a un descenso electoral desproporcionadamente acusado na provincia da Coruña.
En fin. Non reiteremos análises xa realizadas. As esóxenas non deben valer de excusa, son nas que menos se pode incidir, certo; mais son esenciais de querer comprender algo.
II. Radicalidade ou moderación ideolóxica e política.
Non se negarán diferenzas nesta categoría. Por ser a pluralidade característica definitoria positiva do nacionalismo, e elemento a valorizar nun instrumento político adecuado para afrontar os novos reptos desde unha visión nacionalista, crítica e transformadora. E porque, nesta altura, a súa lamentábel exhibición pública e exacerbación pueril converterían en ridículo o atrevemento da negación, aínda fose ben intencionado.
Non é nova esa tensión dialéctica no nacionalismo. Existiu antes do franquismo e na súa conformación contemporánea. Existiu doutro xeito nos anos de curativo ascenso electoral. E toma novas e sabidas formas/folgos na década de enfraquecemento que rematamos. É un debate noso, necesario, con base lexítima na lexítima aspiración de cada quen, individual ou colectivo, a que as súas ideas condicionen o proxecto de todos e todas. Hai distintas visións ideolóxicas, e hai distintas frustracións e insatisfaccións doutro tipo formuladas en termos ideolóxicos, cruño característico da 'nosa cultura política'. Mais non é, de momento, o problema que ten en termos xerais o noso real e potencial electorado con nós. Non se acadou tal desequilibrio. Non existe un deterioro irreversíbel do proxecto que nos afaste definitivamente dos diversos sectores sociais que viñeron apoiando ao nacionalismo ou que nos impida achegarnos a outros novos.
Iso si. Ten que haber proxecto de todos e de todas. Ten que haber comunidade de valores e programa compartido. Ten que haber unidade.
É verdade que todos coñecemos testemuños individuais de discrepancia co BNG por radicalidade ou por moderación. É verdade que tivemos momentos máis desdebuxados en canto a discurso político. Son condicionantes de fondo e definitivos? É verdade que non estamos na media do votante nin na dimensión dereita-esquerda nin en nacionalismo-españolismo. Tamén lle acontece ao PP. A importancia dun discurso xeralista dirixido ás maiorías sociais, é parella á importancia de saber que o campo electoral dunha opción política é máis limitado e hai que afinar. Sobre todo tendo gañado a pulso o mérito de ser terceiro en discordia fronte a un bipartidismo estatal abaneábel e desprazábel, pero sólido e con capacidade de reacción.
III. Todo o que non me gusta.
Pois non. Todo o que non lle gusta a vostede non é causa dun resultado electoral, por moita razón que leve no disgusto.
A análise da evolución electoral do BNG ten que ser multifactorial á forza. A hipótese que formulamos é a de reparar máis nunha das súas posíbeis dimensións, no peso específico das principais experiencias de goberno que adquiriron trascendencia nacional: a primeira lexislatura das cidades e a pasada lexislatura no goberno autonómico. As dúas xeraron ilusións e crearon frustracións en pouco tempo. As dúas tiveron algo de bautismo de lume ou de cruzar o Rubicón para o nacionalismo. As dúas deitaron unha boa xestión en termos ponderados e unha mala percepción como tradución electoral de conxunto. Non foron quen de contrarrestar factores negativos ou gañar adesións compensatorias. Mais si concederon unha certa maioría de idade ao nacionalismo a ollos dunha sociedade adestrada a mantenta para asimilar con anormalidade, e mesmo terror, a visión de nacionalistas nun goberno.
Aínda que aconteza a miúdo a moitas forzas políticas, non partimos da premisa de que gobernar é negativo. Os gobernos nacionalistas foron e son positivos para a sociedade. E foron e son tamén unha fonte de aprendizaxe proveitosa para o BNG. Para coñecer mellor o país, para perfeccionar a nosa acción política e para sermos máis útiles a Galiza. Parecen evidentes as diferenzas aprendidas entre esas dúas experiencias de goberno en relación coa debida visibilidade do nacionalismo nos gobernos que integra lexítima e democraticamente. Dan fe dos nosos avances positivos neste terreo as declaracións estivais de Méndez Romeu, alén do intento por referenciarse diante dalgúns sectores do PSOE autodesfibrilando a carreira política persoal como líder da corrente 'caña a los nacionatas'.
Como achegas á construción da análise apontamos algúns elementos embrionarios de hipotético interese:
1.- Integrar as tarefas gobernativas na normalidade da acción política nacionalista. Asunción psicolóxica e orgánica adaptativa pero non traumática deste papel político. Gobernar non é unha enésima dimensión descoñecida, non pode ser un shock que deixe patas arriba organización, discurso, proxecto, personalidade e/ou identidade colectiva.
2.- Esa integración ten que ser sobre todo política. Rematemos a transición da fase 'que vexan que non pasa nada por gobernar nós' á fase 'que vexan que pasa algo'. Integrar a acción de goberno na nosa política, na nosa 'tradición', acabar de crear un modelo nacionalista de goberno. Distanciarse das deformacións habituais da práctica política tradicional. Harmonizar colectivamente a acción institucional e a social e organizativa.
3.- Desterrar a debilidade e secundarización na que fica a organización en relación aos gobernos. Asumir os distintos ritmos, as distintas funcións e a súa complementariedade. Respectar a xerarquía funcional dos ámbitos de decisión orgánica. Vaia ben, vaia mal, despois de gobernar que quede futuro sementado e alguén para colleitar.
4.- Valorar debidamente a importancia das percepcións mentres construímos realidades. Ademais de axendas a medio-longo prazo, tamén conveñen a curto prazo. Que se note xa que hai outro goberno, un goberno nacionalista. A importancia da información: non fixestes o que non coñezo.
5.- Convén máis moverse con habilidade na confrontación-concertación, que ter como mandamento a non conflictividade. Non conflictividade é sinónimo de renuncia a proxectos. O conflicto como oportunidade para dar dimensión pública a un proxecto. O conflicto como inevitábel cando outros queren. Aprender a xestionar os conflictos negativos.
6.- Crear novas relacións de confianza e colaboración coas organizacións sociais cando gobernamos. Xa non valen algunhas das anteriores, e moito menos a subordinación. A relación directa coa veciñanza, alén da relación cos seus representantes activos. Militantes e simpatizantes como parte dunha rede social maior.
7.- A necesidade de incidir na opinión política da sociedade, de incidir nas ideas das persoas. Un papel institucional non é un papel partidista, pero non deixa de ser un papel político. A ninguén espanta un político dando un discurso político. Ninguén se arredará dun nacionalista por expor as súas ideas. É o que ten ser cargo público, a xente xa sabe de antemán de quen vés sendo.
8.- Posta en común e avaliación da experiencia adquirida sobre o funcionamento e relación co aparato da administración e aspectos distorsionadores da acción de goberno (cuestións orzamentarias, formas de xestión de servizos públicos, conflictos laborais na administración, ...).
As eleccións municipais son unha boa oportunidade para pór a nosa capacidade analítica ao servizo da acción política práctica, da futura acción de goberno do BNG nos concellos. Tería interese especial contar con achegas elaboradas desde a experiencia gobernativa para enriquecer os debates colectivos que manteñamos no seo da organización. É unha oportunidade para exercer unha militancia construtiva e útil. Para afortalar o nacionalismo nesta etapa, cos gobernos locais contribuíndo con novas habilidades a facer camiño.