Gobernar para quen?


O caso Pokemon, que na Coruña xa ten nome propio, Pikachu, está deixando máis en evidencia a interconexión que teñen os poderes fácticos da cidade, tanto co PP como co PSOE.

Meses antes de entrar a gobernar o PP na Coruña, o actual portavoz municipal do PP, primeiro tenente de alcalde e fontaneiro 1º de Negreira, Julio Flores, xa negociaba, segundo transcende da instrución da operación Pikachu, coas empresas que desenvolven servizos no concello.

Aos dous meses de entrar a gobernar en María Pita, cando o PP falaba de austeridade, eficacia na xestión, aforro e repetía até o cansazo “eliminación de gasto superfluo (coches oficiais y canapés)”, pedían facturas falsas para enganar á oposición, confeccionaban listaxes de desempregad@s amig@s para pagar favores e melloraban os beneficios de empresas privadas coas decisións que se tomaban desde a Xunta de Goberno.

As decisións do PP que en moitos casos foron denunciadas polo BNG da Coruña agora vense claramente ratificadas nas conversas telefónicas que saíron a luz en relación coa operación Pikachu.

O circo mediático que o PP ten ao seu redor, fixo que o primeiro ano de goberno de Negreira, dera a imaxe de aforro e eficacia na xestión. Mentres que aumentaba os beneficios da empresa que xestiona a ORA e o guindastre, a Empresa de Tranvías melloraba os seus beneficios ou se disipaban no IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos).

Aumentar os beneficios das empresas privadas grazas as decisións que se toman nos gobernos é xa a tónica xeral dos gobernos a todos os niveis, do que se deriva logo a chamada “porta xiratoria”.

O que non acaba de entender nin PP nin PSOE é que independentemente das responsabilidades penais que puidesen derivarse, do contido de parte das gravacións en relación ao caso “Pokemon”, ponse de manifesto que as actuacións, non só eran contrarias ao que se espera dun cargo público senón que son totalmente incompatíbeis co exercicio no cargo público, razón pola que deberían dimitir os implicados.

O BNG manifestou en diferentes ocasións que a responsabilidade pola que debe rexerse todo cargo público implica actuar conforme á legalidade, á ética pública e ao principio de confianza, pero principalmente, conforme ao principio de obxectividade, isto é, ten que utilizarse o cargo para cumprir as funcións de servizo público e non para intereses puramente particulares ou partidistas. Un cargo público non pode facer uso do mesmo con fins espurios. Por esta razón, e con independencia das responsabilidades penais, salientase que @s implicad@s utilizaron o cargo non para o exercicio da función pública senón con fins perversos, de modo que o lóxico sería a dimisión dos cargos públicos que ocupan.