Gobernar a golpe de 18 Reais Decretos Leis

Gobernar a golpe de 18 Reais Decretos Leis

Hai moitas maneiras de exercer a maioría absoluta. Unha pode ser desde a confianza de saber que non hai ataduras, que nada limita o radio de acción á hora de desenvolver as políticas propias, coa seguridade de ter nas maos un salvoconduto cara a tranquilidade, máis, conservando o sesgo democrático, o exercicio san de non perder o costume de dialogar, de convivir co diferente, de manter abertas as canles de san intercambio con outras opcións políticas e tratar de non gobernar a golpe de Real Decreto Lei senón a través de proxectos de lei sobre os que estabelecer pactos, acordos e consenso.

Ese sería o modus operandi da maioría absoluta permeábel, de corte democrático moderno e máis perto dun exercicio do poder responsábel, participativo, poroso e consciente de que o poder se exerce durante un tempo, non é eterno nen perdura para sempre.

A outra maneira de conducir unha maioría absoluta é a despótica, arrogante, prepotente e cortopracista. A que goberna desde o insán convencemento de que se está en posesión da verdade absoluta, quen esquece que o poder emana da soberanía popular e cre que é un don divino procedente dun mundo superior, que outorga ese aura de perfección que permite ir cada venres a un Consello de Ministros e aprobar Reais Decretos Lei en serie. Un órgano de goberno que semella unha fábrica de produción en cadea dun formato de texto lexislativo, que tal e como define a sacrosanta Constitución, está reservado “a casos de extraordinaria e urxente necesidade”.

O Real Decreto Lei ten límites que “aseguran que non será utilizado abusivamente por parte do Goberno”.Téñase en conta que é unha norma que permite “pasar olimpicamente” do Parlamento. Vai un venres ao Consello de Ministros, ao día seguinte se publica no BOE e xa está en vigor, independentemente de que se teña que convalidar nun prazo dun mes na Cámara. Un pequeno detalle sen importancia se falamos da maioría absoluta do PP. Aproba Reais Decreto Leis como se fose unha máquina expendedora de churros. Logo vai ao Congreso e nunha maña de pleno se ventila. Non importa que toda a oposición vote en contra, é unha anécdota menor. O Goberno de Rajoy funciona como o mecanismo dunha apisonadora que está a debuxar unha paisaxe democrática desoladora, desértica e cuarteada.

Fagamos recapitulación do que leva feito o Goberno de Rajoy desde que goberna: os “akelarres” dos venres deron luz verde nada máis e nada menos que a 18 Reais Decretos Lei. O PP admitiu que algún que outro, como o da Reforma Laboral, se tramitase como proxecto de lei. Pero con que finalidade? Pois a única de incluír aqueles flocos que lle quedaron pendentes e que coas presas se lle pasaron. Un exercicio de auténtica burla, unha parodia sen contemplacións e unha maneira de conducir a vida parlamentar que resulta insultante.

Sirva de exemplo o colofón desta mesma semana. O xoves pasado a Comisión de Emprego, con competencia lexislativa plena, aprobaba o proxecto de lei de Reforma Laboral. Desde unha óptica seria, unha quer pensar que cando se decide dar “esa oportunidade” á Cámara despois de lanzar primeiro o Real Decreto Lei de turno, é para dialogar, consensuar cambios cos grupos parlamentares e introducir melloras na lei. Máis non, esa é unha visión cándida e inxenua da realidade. O PP aveuse a tramitar a Reforma Laboral como proxecto de lei para empeoralo e pactar unhas cantas emendas co seu homólogo da dereita: CIU. Así funcionou a máxima de que todo é susceptíbel de ser empeorado.

A actitude do PP na mencionada Comisión do día 24 de maio, provoca suor frío. Ao inicio da Comisión, o partido gobernante permitiuse a “chulería” de distribuír aos deputados e deputadas o proxecto de lei cos novos e numerosos cambios que propuña. Iso si, polo menos tivo o detalle de escribilos todos a boli vermello para non perder tan alto contributo á historia “dos dereitos dos traballadores”. . A cara de estupefacción dos parlamentares dos distintos grupos, entre eles Olaia Fernández Davila, foi de tal calibre que a Comisión se tivo que aviar durante un par de horas.

Que ninguén perda o norte, estamos a falar do maior atentado na historia da democracia contra os dereitos laborais. O BNG pediu a suspensión da Comisión, igual que outras forzas políticas que unha tras outras fixeron o mesmo. Un xesto que polo menos quedará plasmado no diario de sesións da Cámara porque CIU e PP se negaron en redondo a suspender a Comisión. Nada de aprazamentos que o tempo corre e non hai tempo que perder, sobre todo cando o Real Decreto Lei de Reforma Laboral está en vigor desde hai meses. Pero pode a ambición desmedida do PP por poder exhibir unha Reforma Laboral por partida dobre: en modo Real Decreto Lei e en modo proxecto de lei.

Non servirá de nada, máis tome nota o PP da perigosa deriva autoritaria que está a acadar.