Gerrymandering? Esta vez non puido ser

Gerrymandering? Esta vez non puido ser

Elbridge Thomas Gerry, un dos asinantes da Declaración de Independencia dos Estados Unidos, foi tamén gobernador do estado de Massachusetts desde 1810 até 1812 e en 1813 e 1814 chegou a ser vicepresidente da Federación baixo o mandato de James Madison. Esta breve referencia biográfica pouco nos di deste personaxe aos galegos que vivimos no ano 2012. Mais o señor Gerry estivo de absoluta actualidade nestes últimos días porque el foi o creador do gerrymandering, termo que, en ciencia política, serve para designar a manipulación das normas electorais dun territorio co obxecto de producir efectos sobre os resultados. Os medios desta técnica consisten en crebar a imparcialidade dun sistema electoral determinado para obter beneficios electorais e, coa mesma, seguir manténdose no poder o partido político promotor da reforma.

No ano 1812, E. T. Gerry, preocupado porque o seu partido non conseguiría a vitoria nos distritos do norte e do oeste do seu estado de Massachusetts, decidiu unificar todos eses territorios nunha soa circunscrición coa finalidade de que, con esa trampullada, os seus contrincantes electorais obtivesen menos escanos na seguinte lexislatura. Os xornalistas, ao observaren a nova circunscrición electoral, decatáronse de que o distrito así creado tiña a forma dunha píntega (salamander) e crearon o acrónimo gerrymander. Un caricaturista popularizou o termo cando, en marzo de 1812, publicou na Boston Gazette un debuxo dun animal fabuloso con gadoupas, alas e unha cabeza que semellaba un dragón. O novo vocábulo tivo éxito e serve desde aquela para designar calquera forma de manipulación dos distritos electorais con fins partidistas.

Xustamente douscentos anos despois, na Galiza, o señor Núñez Feixóo e o seu partido político querían practicar gerrymanderismo por temor tamén a que os resultados das próximas eleccións, de celebrárense co sistema en vigor, derivasen na perda do poder que actualmente ostentan. E como lles acontecía no ano 1812 a E. T. Gerry e ao seu partido, tamén aquí na pretendida reforma electoral se privilexiaba o voto, máis conservador, dos habitantes galegos do interior fronte ao da periferia, onde se concentra a maioría da poboación. Baixo a desculpa da necesidade de recortar o gasto público, o Partido Popular propuxo nestes últimos tempos a redución do número de 75 deputados a 61, isto é, a eliminación de catorce representantes. Afirmaba o presidente da Xunta que a reforma electoral era moi sinxela pois limitaríase simplemente a permutar no apartado 1 do artigo 9 da Lei 8/1985, de eleccións ao Parlamento de Galiza, o número 75 polo 61. Deste xeito, da totalidade dos 61 membros con que contaría o novo parlamento, 40, isto é, o 65 por cento, serían distribuídos a partes iguais entre as catro circunscricións electorais independentemente da densidade demográfica de cada provincia e tan só os restantes 21 deputados se asignarían en función da poboación. Deste xeito, A Coruña e Pontevedra perderían cinco deputados cada unha, mentres que Lugo e Ourense perderían tan só dous.
Con esta pretendida reforma, disfrazada cara á opinión pública de contención do gasto, os seus promotores desexaban unilateralmente asegurarse a continuidade no goberno a costa da violación das normas básicas do funcionamento dun sistema democrático que basee o seu funcionamento no pluralismo político e na alternancia no poder.

,Un sistema electoral democrático debe caracterizarse pola imparcialidade e por permitir a representación da pluralidade das distintas opcións políticas. Segundo o principio da imparcialidade, as normas electorais non poden seren manipuladas a favor dunha determinada opción política e, por isto, en todos os países democráticos do mundo as reformas que se realizan neste eido tenden ao consenso entre as forzas políticas. Outro principio universalmente aceptado e recoñecido en todas as constitucións que acompaña o dereito de sufraxio é o de igualdade de voto, isto é, a decisión de cada elector debe ter o mesmo peso no cómputo xeral que o de cada un dos demais cidadáns que participan no proceso electoral. Coa redución de 75 a 61 representantes, mantendo un mínimo inicial de dez deputados por provincia, os electores ourensáns e lugueses incrementarían de forma absolutamente desproporcionada o seu peso electoral xa na actualidade superior aos dos demais votantes galegos.

En definitiva, a proposta do Partido Popular tiña como obxectivo reducir a representación relativa dos distritos da costa, onde ten os resultados máis baixos, para apontoar as provincias de interior, onde os adversarios políticos, para arrebatarlle escanos, necesitarían restos maiores. E todo isto, argumentaba Feixoo, para evitar o gasto que supoñen as retribucións de catorce deputados que, coa reforma electoral, serían suprimidos. É este o mesmo argumento que conduciu no pasado mes de maio á Presidenta de Castilla La Mancha, a campioa dos recortes, a aprobar a modificación da lei electoral para aumentar o número de deputados rexionais de 49 a 53, sen consenso tamén, para beneficiar as circunscricións de Guadalajara e Cuenca, provincias con máis afinidade conservadora?