Galiza: xa chegou


“Poucas veces como agora se puido visualizar a decadencia económica da nosa da nosa rexión. …Galicia cáesenos a anacos, e o endebedamento que permitiu a solvencia contábel da Xunta tamén pon límites a unha política de austeridade de tan problemáticos efectos na demanda interna.” Cando alguén tan na liña do PP como o Sr, Andrés Precedo Ledo fai estas reflexións, e ademais paséase polas nosas cidades analizando a súa decadencia debe ser que algo moi grave está a acontecer.

Xa está ben de abusos, burlas, humillacións e desprezos. Xa está ben de caciques con novos colares, xa está ben de que nos pasen a man polo lombo, xa está ben de laiarse. Chegou a hora en que decidiron reducirnos a mais mínima expresión: “ Una empobrecida y humilde región del Noroeste”.

Os que sempre nos pisaron e marxinaron téñeno claro, Están seguros de que os galeg@s somos sufridos e dispostos ao servilismo e ao sometemento. Ou nos poñemos no noso lugar ou desaparecemos como nazón, como rexión e como referencia histórica. Non somos tan torpes para estar a velas vir porque historicamente sempre as vimos vir, e agora non podemos fallar. Non poden seguir afogándonos con gobernantes “galegos” que son inimigos introducidos para tirar a nosa casa pola fiestra para que os ladróns que apañan os nosos bens no camiño llelo recompensen.

“E a culpa de quen é? ¡Nosa, carallo, nosa! O PSOE E O PP, E ESQUERDA UNIDA fan o que sempre fixeron porque están convencidos de que os galegos somos o que sempre se dixo; “los humildes paisanos” que non protestan, que non se revelan que non están orgullosos do seu, que non queren saber de política, que son moi traballadores e serviciais e que temos que “encargarnos los que sabemos de gobernarlos”. Entenden que somos moi boa xente e non separatistas nin soberbios como os cataláns e os vascos. Este e non outro é o gran problema que temos en Galiza. E porque tivemos tensións no BNG?; por estas mesmas razóns. Porque pensamos que non damos conseguido nada sen o “primo de zumosol”; que mais da quen faga de “primo de zumosol”.

Madrid e compañía terán que aturar as posicións de forza e de identidade que marquen os cataláns ou en Euskalerría, pero están totalmente convencidos de que a nos, como pobo poden reducirnos a un grupo de admiradores de España e que os nacionalistas non somos mais que uns teóricos floxiños que non damos convencido as nosas xentes de algo tan sinxelo como que nos respectarían moito mais e viviríamos moito mellor si nos uníramos para poñer sempre o noso diante do de fora. En resumo, que España quítanos todo canto temos e nos de España so recibimos punteirolos no cu. Precisamente cando precisamos acoller a os nosos emigrados temos que acudir a eses que lles chaman separatistas.

E certo que o noso pobo está colonizado e influído polos medios de comunicación, pero así mesmo é certo que estamos a ser moi inxenuos – propio tamén dos galegos e galegas- ao non afrontar o esborrallamento que nos fan de GALIZA. E non abonda con protestar e movernos os do BNG e algunha xente mais. Cando están esmagando o País como están a esmagar neste intre compre saber acanear as conciencias da xente, con amabilidade e sabedoría pero con moita claridade. Ou logramos que se molle a xente ou moitas das batallas iniciadas témolas perdidas. Si a xente está de espectadora para defender dereitos e a xente sigue maldicindo ou desprezando a política, os oprimidos non tomarán partido e os de sempre seguirán o seu pase triunfal esmagando de todo a Galiza. A Soberanía é unha palabra valeira si non toma carne humana. A soberanía é ter vida e de vivir para nos e para os nosos na nosa terra. Seguen mais vixentes que nunca aqueles berros das primeiras eleccións xerais do 1977: “Gobernemos nos a Nosa Terra”.

Canto mais cerca esteamos de cada lugar de trabalo ou de lecer, canto mais nosas e mais galegas sexan as ansias da xente mais doado teremos facer que nos entendan. Non hai que meterse con España mais que o imprescindíbel; ao fin, non é mais que unha argallada para manter unha coroa e unhas ringleiras de “ vividores”, o mais difícil e o mais importante, é facer de Galiza unha morada e unha patria querida e prezada.

A xente ten diante os problemas e ten claro que son graves, o que compre é reunila ao redor deles e organizala para que se vexan capaces de resistir. ¡Que trabucados estaban aqueles que levaban anos no BNG roñando porque eramos resistencialistas! Que claro tiña España que o que precisaban era rematar co resistencialismo e facernos claudicantes....
Quen non se da conta que o Problema de Ferrol-Terra non é a carga de traballo dunhas instalacións si non as decisións firmes de eliminar para sempre a construción naval para que outros na Europa fabriquen barcos? E, como se pode presentar a venta a prezo de saldo do mellor queda en Vigo como o gran éxito da Xunta? Porqué as vangardas teñen as veces menos claridade que a base?

Quen non ve que o pequeno comercio e pequena empresa de Galiza vai ser liquidada e a mellor medicina e liquidar as fontes de creto?

Quen non percibe que liquidar as Caixas significa afundir boa parte do comercio Galego?

Claro que os nosos comerciantes andan a deriva sen decatarse de que o Feijoo é o seu exterminador, e seguirán a votalo moitos. Pero será hora tamén de falarlle de elo e dicirlle que claro que nos lle falamos de política, e os que os exterminan fálanlle de fútbol e terrorismo é fan con eles a política do exterminio.

Por fortuna e porque nos imos dando conta estamos a plantar as nosas bandeiras e as nosas propostas nas protestas e nos movementos sociais. ¡Xa era hora tamén! Aquí todos facemos política, so que os que fan política tramposa e traizoeira queren ocultala e de paso que outros non digamos as verdades, porque así descóbrenselle as trampas. Poucas veces mallaron tan continuo no País aplicando o principio do atordamento. “un pau no lombo e outro na testa”. Un para que te aniques e outro para engurrarte.

-Criminalízanse e demonízanse as organizacións sindicais, políticas e sociais. Consenten movementos que sexan útiles ao sistema por defender posicións de “apoliticismo” ou “noxo da política”.
-Elimínase todo tipo de principios que podan inducir a crear organizacións ou movementos solidarios. Son benvidos os que actúan como placebo, ongs ou entidades caritativas. -Créase a conciencia nos cidadáns de que non queda mais remedio que aceptar a situación e resignarse ate o punto de considerar imposíbel e utópico rebelarse e organizarse. A xente interioriza que so lle quedan solucións individuais, dentro ou fora da lei. So queda pelexar ou competir cos iguais ou cos mais débiles. Os argumentos para xustificar estas percepcións xa os facilitan por todas partes os predicadores do sistema.
-Aplican normas e medidas opresoras e suprimen dereitos individuais e colectivos paso a paso (chámanlle reformas ou recortes) refacendo unha nova lexislación que elimina os fundamentos da democracia. (Dereitos laborais, servizos sociais….)
-Políticas de feitos consumados: Liquidación de sectores enteiros da nosa economía produtiva, con operacións escuras e mafiosas que quedan case sempre na impunidade (Construción naval, entidades de aforro, cooperativismo, sistema de aforro, pequena empresa e autónomos, Pesca Nova, agricultura, etc.) Aumentan as fórmulas de liberalización e evasión de impostos, as privatizacións, dislocación de empresas, “eres". -Acelérase ao máximo o proceso de acumulación e dominio do control económico e centralízase o poder en macro-unidades nas mans de pequenos grupos moi poderosos: Grupos financeiros, mediáticos, comerciais…

Forte centralización e re-centralización dos estados, eliminando de abaixo arriba as institucións mais achegadas as persoas e que lles permitían xuntarse e exercer as liberdades de reunión e asociación…. Xa non precisan nin a familia, nin os concellos, nin as asociacións, nin nación, nin estado…. As novas tecnoloxías permiten crear o individuo masa sen xuntalo, agás que lle conveña para lanzalo contra os opositores.

A precariedade, a desigualdade e a falla de dereitos básicos produce un aumento da violencia individual e da delincuencia que o sistema aproveita para intensificar a represión, e desvía cara conflitos inter-individuais a opresión do sistema.

A todo isto compre engadir na Galiza as pegadas que a secular colonización veu deixando no territorio e na propia sociedade: Emigración, falla de desenvolvemento industrial, desprezo do propio….

-Resulta esmagadora a táctica do Goberno do PP de partir de posicións maximalistas, facer pequenas rebaixas, e lograr unhas normas moi reaccionarias, e unha forte frustración nas xentes traballadoras.
-O PSOE está tan asimilado e sometido ao sistema que lle brinda ao PP tódalas facilidades para impoñer o seu modelo ditatorial. Pasan a vida facendo “primarias”. Pouco mais fai en Galiza Esquerda Unida que suplir no eido electoral o desgaste do PSOE.

O único que a España de Aznar non da sometido é o nacionalismo.

O PP -co apoio incondicional dun PSOE distraído e cómplice, a falar sempre do seu embigo- está dando duros golpes as clases traballadoras e trata de facerlle grandes favores as oligarquías financeiras mentres dure a lexislatura. O resultado final pode ser algo semellante a un golpe de Estado, mais ou menos encuberto. Xa teñen esnaquizado dereitos básicos recollidos na Constitución que tanto din adorar. Non esquezamos que a Constitución xa sufriu unha reforma profunda pactada por PP-PSOE e forzas sociais relacionadas con eles para darlle renda solta ao capital e a represión. As consecuencias xa as estamos a sufrir. Deberíamos mellorar as mensaxes expoñendo con claridade a crúa situación de desfeita de Galiza e a anulación de dereitos e liberdades que se está a producir. Xa sabemos que non damos acumulado forzas para evitar esas grandes derrotas que o noso País e as nosas xentes teñen que soportar, e que estamos nunha fase de resistencia, pero quen ben resiste mellor avanza. Temos que chamarlle aos fenómenos polo seu nome como fixemos co Mercado Común ou co idioma. DESFACER, ELIMINAR, DESTRUIR, LIQUIDAR, ESMAGAR non é o mesmo que reformar, recortar, reducir, adaptar….. Non son recortes é a desaparición de dereitos básicos: salario, convenio, vivenda, pan, fillos, descanso, educación, saúde, seguridade social, tranquilidade, paz, veciñanza, país…
Non é reforma financeira, é saqueo do aforro e destrución de todo o tecido industrial e comercial de Galiza, xerando o retroceso económico e social. Estamos diante do retroceso mais forte que se produce en Galiza en tempo de paz dende finais do século XIX, co correspondente roubo de materias primas e mercados: pedra, minería, pesca, madeira…. Non é mobilidade laboral é aceleración do proceso de descomposición da estrutura demográfica, impedindo a reprodución incluso biolóxica, dunha comunidade histórica; as galegas e os galegos. Como diría Castelao “ Estamos fartos de ser unha colonia”. Os tempos son chegados....