GALIZA REAXE
É necesario parabenizar á CIG polo éxito na convocatoria da folga xeral galega. Unha decisión nada doada sabendo que CCOO e UGT -e as súas sucursais galegas- non se sumaron á mesma. Tendo presente esta circunstancia a xornada do 27 de Xaneiro foi un éxito. O seguimento da mesma foi apreciábel en moitos sectores -industria, transportes, ensino,...- precisamente alí onde a CIG ten unha maior incidencia ou onde hai unha dinámica sindical máis viva. A posibilidade de que o sindicalismo nacionalista expuxera as súas posicións nas múltiples asembleas nas empresas foi clave para convencer a moitos e moitas compatriotas, contrarrestando os falsos argumentos do Goberno. A folga, convocada desta volta en tempo e forma, obrigaba ao sindicalismo españolista a posicionarse sobre a política económica que está executando o Goberno español coa mal disimulada complicidade da Xunta de Galiza. Se temos presente o funesto papel dos medios de comunicación operantes en Galiza, ocultando a convocatoria e os motivos da folga, e a presenza policial abafante, aínda é máis significativo o éxito.
Outra lectura esclarecedora do 27-X é constatar que só nas nacións sen Estado con nacionalismo organizado hai oposición ás propostas antisociais que Zapatero presenta como intermediario do capital transnacionalizado. Na política -igual que no sindicalismo- non todos son iguais. O BNG emerxeu todos estes días con todas as súas forzas e razóns organizando múltiples actos informativos dando conta dos motivos de rexeitar esta contrarreforma tan lesiva para Galiza. A masiva presenza da base social frontista nas mobilizacións do día da folga son testemuña de que hai unha forza política que está activa socialmente e atenta ás preocupacións inmediatas da xente.
A resignación non é unha alternativa para o nacionalismo galego. Tampouco o foi para as miles de persoas que se mobilizaron nas cidades e vilas galegas. Nunhas condicións máis difíciles, o número de participantes non diminuíu respecto da convocatoria de folga xeral de setembro de 2010 e, pola contra, en moitos lugares houbo incrementos substanciais. Pero tamén resulta evidente que moita máis xente está en desacordo coa contrarreforma que abandeira o PSOE, mesmo que non participara na folga nin nas manifestacións. Existe unha maioría discrepante que non está atordada cos discursos oficiais a respecto da inviabilidade do sistema público de pensións. Traballadores, pequenos empresarios, autónomos e estudantes non acreditan que a alternativa é sempre repregarse.
O 27-X demostrou que hai unha ampla base social que demanda alternativas políticas e sindicais que teñan sinais de identidade inequívocos e propostas claras. Os regresivos acordos que xa se están enxergando entre Goberno, sindicatos españois e patronal e de cuxa letra grande -e miúda- xa temos lamentábeis novas, van obrigar ao nacionalismo a reforzar o seu traballo e conexión cos sectores populares antes mencionados. A sorte de Galiza vai depender, en boa medida, da capacidade de mobilización e concienciación que sexamos quen de xerar.