Galiza precisa PP
Será cousa da idade botar a vista atrás e facer memoria do que imos lembrando nestes últimos anos, ou xa décadas, da nosa vida e da vida da Galiza e na Galiza. Face á sentenza reaccionaria de que o nacionalismo se cura viaxando, todas as viaxes que tivemos a oportunidade de facer polo mundo adiante non só non o atenuaron senón que o reforzaron considerabelmente. Dáse a circunstancia de que o normal (habitual e/ou imposto) por tantas terras ou países diferentes é que, en primeirísimo lugar, todo o mundo mire por si, defenda os seus intereses, abra a boca no proprio beneficio e utilice o comparatismo no seu favor.
Vén isto a conto dunha observación que levo realizando nesta campaña eleitoral, cal é a de comprobar como se lles poñen os nervos nervosos (que dicía meu pai) a todos os candidatos, cando representantes do BNG e, nomeadamente, a súa candidata e voceira nacional, Ana Pontón, denuncian a inutilidade, arcaísmo e ficción do rexime autonómico. A esta altura histórica, se Cataluña e mais o País Basco son acredores de teren levado a efeito labores de goberno merecente de tal nome non é por seren comunidades autónomas obedientes e compracentes co goberno español senón por utilizaren o dispositivo autoanémico para o superar e para, desde o seu corpus lexislativo e a acción do executivo fortaleceren a conciencia nacional, alimentala arreo e dotárena de consecuencias prácticas e visíbeis. Dito doutro xeito, porque á frente dos seus gobernos houbo un nacionalismo hexemónico ou condicionante das políticas xerais.
,Mesmo así, o esgotamento do modelo rebenta as forras por toda a parte. Á vista está o proceso catalán ou a posición do nacionalismo basco. Aquí, entre nós -volvo á relembranza do comezo- podémonos perguntar que deu de si, que deixou -e deixa- de construído un aparello de goberno subalterno desde as décadas en que está instaurado. As interrogantes amoréanse sen resposta positiva. Podémonos perguntar que se pasou coa agricultura, para ela experimentar unha brutal caída de empregos e rendas neste tempo histórico. Podémonos perguntar como sendo a Galiza produtora privilexiada de leite e produtos lácteos non conte aínda cun grupo lácteo galego e as gandeiras e gandeiros receban prezos de miseria pola súa produción. Podémonos perguntar por cantas (novas) transferencias foron solicitadas e pelexadas nestas dúas últimas lexislaturas pola Xunta. Podemos resgatar aquela proposta de reducir o número de escanos do Parlamento Galego de 75 a 61, que o proprio PP tivo de aparcar, simbólica mutilación dunha autonomía servil e entreguista aos designios do españolismo e do partidismo. Podemos ollar para a pesca, o teatro, a música, a literatura, o coñecemento da historia, o comercio de proximidade... e perguntarnos que e canto se fixo desde a Xunta -para alén do esforzo, afáns e creatividade dos proprios sectores- para procurar sedimentar traballos e creacións, para fixar algo construtivo no tempo, para facer atractiva a consecución de emprego, para evitar, en fin, a neoemigración que non cesa (mesturo á mantenta traballo e cultura, porque todas son “cousas de comer”).
Industria naval, enerxía eólica, produción eléctrica, aproveitamento e limpeza de ríos e rías... Seguimos? A autoanemia nen sequer foi quen de pór un dique á destrución inflixida desde instancias de poder exteriores e superiores á Galiza. Por suposto -primeiro e principal- nen sequer respeitou a súa mínima-básica lexislación en materia de lingua. O repertorio de vocabulario pseudolegal (por inane, por non-prescritivo, por carente de xuridicidade) presente nas leis iuslingüisticas, a que serviu? Que foi o que se fomentou, potenciou e amparou? Fomentouse, potenciouse, amparouse, reforzouse... a diglosia, o carácter sobrante do galego, a inevitabilidade do español, a imposición do inglés como novo sepultureiro do galego, os (poucos e endogámicos) comedores do galego, e, na agresión máis sádica imaxinábel, a lexislación á contra, a activa prohibición de uso da lingua en materias escolares, por se non abondase xa de seu a inercia histórica e a asignaturización paralisante da mesma.
Din os propagandistas deste rexime que a Galiza creceu. Certo, nunha dimensión: a débeda pública triplicouse. Tamén creceu a emigración. Tamén o fixo a pauperización (deixemos a “austeridade” en paz, por favor!, que, ben administrada, até pode ser unha virtude!). Tamén medraron, como non, as dificultades para as mulleres obteren un emprego ou para igualaren o seu salario ao masculino.
No debate televisivo do pasado día 12, Ana Pontón redefiniu intelixentemente a tan sobada corrupción. Todo o enunciado arriba é mostra dun fracaso sen paliativos. Os corsés represivos provocaban desmaios nas mulleres obrigadas a vestilos: falta de ar, dificultades de movemento, cousificación... A autoanemia galega non foi unha fonte de oportunidades, foi un corsé de ferro, ao servizo do papel ancilar da Galiza.
Necesitamos, en fin, PP, isto é, PODER POLÍTICO. Pasa por botar o PP da Xunta, mais non só. Calquer goberno que siga dependendo orgánica e funcionalmente de Madrid continuará o mesmo ronsel de dependencia, ficará maniatado e manterá a ficción. As leitoras e leitores do BNG están familiarizados con estas observacións. A quen non o for, convido cordialmente a examinar a pertinencia das mesmas, sen preconceitos, na intelixencia de considerar que estas eleicións galegas han de servir para mellorar a causa galega, a razón galega, a nación galega, non para -por enésima vez- redobrar a inferioridade imposta, a subordinación á España política, de dereitas, de esquerda ou entre correntes. ¿Que outro sentido pode ter a conmemoración do centenario das Irmandades da Fala e do inicio do nacionalismo galego, se non extraímos del as consecuencias construtivas necesarias? A historia non é arqueoloxía nen é museo parado no tempo. O que de positivo tivo e ten a historia contemporánea da Galiza foi SEMPRE e TODO debido á proclamación da nosa autonomía intelectual e ideolóxica, á nosa independencia de criterio, á nosa rebeldía face á xerarquía que nos sepultou ou aqueloutrou. Sen complexos e sen camuflaxes. Canto gañaríamos se o soubésemos e o practicásemos!
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.