Galiza precisa: mulleres + homes dispostos a “dar a nota”

Galiza precisa: mulleres + homes dispostos a “dar a nota”

Hai persoas que no seu camiño na procura de saídas aos problemas ecolóxicos e sociais caen en discursos moralistas. Este discurso dinos que, se compramos xoguetes Made in China, somos responsábeis da explotación dos nenos/as que os fabrican, e que o cambio climático é consecuencia directa de que acendamos ou non o radiador. É posíbel que estas persoas rematen queimadas e afastadas dos valores que defendían (cantos ex-PC e revolucionarios no maio francés dirixen hoxe grandes empresas e partidos que promoven reformas ditadas polo gran capital?).

A híper-responsabilidade non é boa saída mais tampouco o é o extremo contrario. Esas son as persoas que sempre se poñen do lado de fóra, o de "comigo iso non vai". A culpa sempre a teñen "os de arriba", "os políticos". Se sabemos que o uso que facemos do coche privado é insustentable, contestamos que o problema é a falta de transporte público ou que non hai vontade política de cambiar as cousas. Esta é unha postura infantil, que non quere renunciar a nada nin tampouco responsabilidades para traballar colectivamente e conseguir cambiar as cousas.

Do que se trata é de non nos aplicarmos a nós mesmos a lei do funil . Se non escollo leite galego ou un queixo producido na miña comarca porque sae máis caro ou porque teño que camiñar 10 minutos até a tenda onde o venden, por que me indigno coas grandes empresas cando só buscan o beneficio e impiden a existencia digna de sectores estratéxicos?

O papel das minorías concienciadas pode ser moi valioso porque, aínda que o efecto "cuantitativo" dos seus actos resulta máis ou menos testemuñal, o importante é o papel educativo, o seu exemplo, que pode ser moi influente, sobre todo se traballamos organizadamente e facemos sempre visíbeis os nosos valores e comportamentos, moitas veces contra corrente.

Eu estou convencida de que o nacionalismo avanzará sempre e cando teñamos mulleres e homes dispostos a "dar a nota" no seu espazo social de influencia. Sen estas persoas, o país e o galego estarán perdidos.

As ideas deben transcender da faixa e da asemblea ao noso día a día. E, para isto, cómpre crear contextos sociais que axuden a que a nosa vida e o noso país sexan o máis parecidos a como os soñaramos. Non chega con reivindicarmos cambios estruturais a través da acción política, senón que é preciso trasladar ao día a día o que pensamos e formar grupos de persoas afeitas a pensaren criticamente, a participaren no colectivo e a crearen ao noso redor espazos de convivencia en clave galega e consciente da realidade que nos tocou vivir.

Non vale botar balóns fóra agardando a que veña unha revolución que nos salve nin que algunha instancia superior da organización coa que traballamos nos solucione os problemas do día a día. Tomarmos conciencia e actuarmos non significa cargarmos con máis peso do que nos toca. Todo isto sempre mellorando e sempre gozando do camiño.