Galiza precisa do BNG
É xa demasiado tempo de convulsión, de balbordo, de vergoñento espectáculo público, de erosión do nacionalismo organizado, de tanto afán destrutivo. A militancia nacionalista, isto é, a do BNG, non se merece este trato tan cruel. Nin o noso proxecto político. E moito menos o pobo que defendemos e polo que loitamos. Meses e meses de censura pública, de reproche, de condena ou directamente de insulto precisan de explicación cabal para rematar co desconcerto e a confusión. Este longo proceso -falei de meses, probabelmente son anos- responde a unhas causas. Vou obviar as persoais, que as hai, para me centrar nas relevantes: as políticas e ideolóxicas. Singularmente no relativo á flagrante vulneración, por parte da persoa que exerceu como referente público dun colectivo de militantes que decidiu autoexcluirse da frente patriótica, dos principios que inspiraron o nacemento e existencia do Bloque Nacionalista Galego. Así de clariño. Ollemos:
1. Democracia. Non coñezo unha organización máis democrática que o BNG. A XIII Asemblea Nacional, e o proceso comarcal previo, non só deparou uns resultados democráticos. Foi a mellor demostración de que a soberanía do BNG reside xustamente na súa militancia. Mulleres e homes libres que falaron, debateron e votaron libremente. Quen quixo falar, falou. Quen quixo propor, propuxo. Outra cousa é que non se aceiten os resultados democráticos, ou que se deslexitimen alegremente cando non gostan. Mesmo cando a conformación dos órganos de dirección resultantes do proceso asembleario garanten a presenza de todas as correntes organizadas na toma de decisións. E procedendo dun contexto previo no que ningunha corrente, ningunha, posuía maioría mecánica no Consello Nacional do BNG. Tanto ten. O importante é reproducir acriticamente a monumental mentira do suposto "control", no que reputados benególogos (recoñecidos e desacomplexados antinacionalistas) tanto teñen insistido. Mais a realidade vai por outro camiño.
2. Galiza nación. Autodeterminación. Autoorganización. Velaí a cuestión fundamental. Principios fundacionais, si, como o da autoorganización, foron cuestionados na práctica. Unha nación -comezando pola nosa- para se liberar, para exercer a autodeterminación, precisa de instrumentos organizativos propios. Da autoorganización. Forzas políticas, mais tamén organizacións sindicais, xuvenís, culturais, de mulleres, veciñais, deportivas, profesionais, etc., sen dependencia. É de catón. Procuramos unha nación libre, non sermos sucursal de ninguén. É posíbel ser de esquerdas nunha nación colonizada sen asumir o problema nacional na práctica organizativa? Eu sosteño que non. Porén, hai quen aposta abertamente por desprazar, poño por caso, ao sindicalismo nacionalista en beneficio de opcións sucursalistas. A deriva ideolóxico-política desta posición é ben evidente, e colide cun principio básico para calquera nacionalista.
3.- Discrepancia pública. Ninguén cuestiona este principio. Ocorre que hai unha diferenza, nada sutil, entre discrepancia pública e linchamento mediático. E houbo quen preferiu optar polo linchamento público do BNG de xeito consciente e deliberado. Por esa razón gozaron de agarimo mediático, porque erosionaban o BNG e fortalecían o poder. Por iso, e só por iso, contribuíron a encher páxinas de xornais, horas de emisión radiofónica e protagonizaron portadas televisivas. Porque, na práctica, foron funcionais cun poder político e económico empeñado en destruír ao BNG. Recentemente un ex-senador do BNG afirmaba sentirse incómodo na organización, mais aclaraba que no caso de decidir a súa baixa, marcharía con discreción, para non danar o BNG. Curioso conceito da "discreción" o que algúns practican, consistente en informar aos medios de comunicación, minuto a minuto, da marcha do proceso de reflexión íntima sobre a permanencia ou non no BNG, e as correspondentes manifestacións públicas cando a decisión adquire carácter definitivo.
E o que temos finalmente, como corolario dese proceso, non é unha decisión política de abandono do BNG. Non. Esa decisión xa estaba tomada e practicada con anterioridade. O que houbo foi unha decisión "administrativa", formal. A outra, a relevante, a política, xa se tomou cando se atacaba ao BNG. Na práctica, que é o que vale, xa estaban fóra.
E agora, o que toca é seguir. Seguir adiante. Como sempre fixemos e como sabemos facer. Conscientes de que, a día de hoxe, a dinámica política impulsada polo sector que abandonou o BNG funciona como auténtico balón de oxíxeno ao servizo do Partido Popular. Nin máis nin menos. Debilitar o nacionalismo e afortalar o Partido Popular, beneficiario obxectivo deste proceso surrealista e esperpéntico, e protagonista dunhas políticas radicalmente antigalegas e antisociais.
Galiza precisa do BNG. Defendamos o BNG, todo el, dende o pluralismo e a diversidade. Un BNG útil para o seu pobo, activo e con incidencia social. Acción e combate social para enfrontar tempos moi duros, de retroceso democrático e recortes sociais e laborais. Todas e todos collemos nun BNG que é instrumento imprescindíbel de autodefensa nacional. Exerzamos o orgullo de participarmos nunha organización que é a expresión política da consciencia dun pobo e do seu empeño de existir libre e dignamente.