Galiza mendiga

Volvemos á trincheira de onde xamais debemos saír, para afrontar con coraxe un futuro incerto. Na Galiza dos mil ríos, dos soutos e da xeada festéxase velada unha investidura. Investense en traxe de defunto a pantomima e a fraude. No mundo real, ese que está lonxe dos hemiciclos, o que non é televisado (por non ser noticia), o atavío é o da mendicidade. Galiza mendiga: mendiga traballo, mendiga recomendacións. Mendiga favores, dereitos, xustiza… É a Galiza das miserias humanas. Mendiga futuro porque sempre mendigou no pasado. Os altofalantes xa remataron coa súa obscena reflexión postelectoral. Gañaron os que tiñan que gañar, perderon os que tiñan que perder. E nas análises partidistas da prensa “libre”, os “bicamáns” non esqueceron mendigar seguir traballando. Agora vén a realidade. Esa que uns mostramos e outros esconderon: a do paro, os desafiuzamentos, a da falla de solucións, a do sector leiteiro, a da industria dos EREs, a da desaparición do pequeno comercio, a do espolio do noso aforro… Esa para a que temos alternativas. Mais Galiza mendiga, non esixe. Galiza submisa, lacaia do patrón. A que se deita co xefe, a que tolera mil aldraxes. A do amiguismo, a que só se bautiza se ten padriño. A Galiza do malo será, do nunca choveu que non escampara. A Galiza da que en terra de lobos hai que ouvear coma todos. País do mundo ó revés no que se xulga a quen defende a legalidade do galego, que encerra obreiros que defenden dereitos colectivos e deixa impune a estafa bancaria. Nación na que se inventan terrorismos para aplicar as maiores torturas. A Galiza dos necios e dos mediocres; esa terra de alcaldes de barrio e enchufes na deputación. Nesta Galiza nós erramos. Erramos dicíndolle ao mendigo que ten que traballar. Erramos ao dicirlle ao covarde que ten que loitar. E traballamos e loitamos tamén por el, pero non fomos quen de movelo. Na Galiza que mendiga seguiremos indo á folga por nós e os nosos, mais tamén polo “esquirol”. Na Galiza que se vende ben barata seguiremos demostrando que ter coherencia e principios é posíbel. Na Galiza analfabeta política empregaremos a pedagoxía do oprimido para rematar coa súa pedagoxía do mendigo e do opresor. Neste país de mendigos os réditos electorais só son a imaxe das nosas propias miserias como pobo. Espello da nosa pouca capacidade para facernos visíbeis no imperio da corrupción periodística. No país dos xuíces fascistas, o país da igrexa católica e da súa dobre moral. Fan falla máis exemplos? O nacionalismo gobernará este país cando a acumulación de forzas nos sexa favorábel. Non haberá grandes espazos institucionais para unha forma transformadora nunha sociedade que teme e incluso rexeita ser transformada, cando menos, de momento. Nós formamos parte da outra Galiza, da minoritaria, non o dubidedes. Esa Galiza que din os neocons que nos gobernan que é unha Galicia inventada. A que loita e non se vende, a insubmisa, a da igualdade, a da xustiza social, a que esixe, a que non mendiga dereitos senón que os conquire. Acumulemos forzas, fagamos pedagoxía, sexamos coherentes, manteñamos con firmeza o noso discurso sen medias tintas... e Galiza deixará de mendigar.