Galiza: érguete e come! XXXIII romaxe de crentes galegos
Case tres milleiros de persoas participaron o día 11 de setembro na Romaxe dos Crentes Galegos convocados por IRIMIA. Pasaran 33 anos daquela primeira cita, no pedregal de Irimia na serra de Meira, onde da man de Chao Rego uns centos de cristiáns rebautizáronse nas augas do Miño ao berro de: Eu renazo galego!
O río Ulla fixo de anfitrión xunto con moitos veciños de Monterroso, na carballeira de A Peneda. Mais de trinta autobuses e cincocentos automóbiles achegaron aos participantes desde todos os recunchos do país. Non deixa de estrañar que os medios de comunicación ignoren este encontro orixinal e propio de Galiza, e que o ano pasado xuntou en Aguiño a 5.000 persoas, sempre nun marco de compromiso coa nosa terra. Veu precedida esta Romaxe da persecución e difamación a través de varios portais fascistas que operan na rede, con denuncias ao Vaticano, aos bispos, e calumnias en distintos xornais. Máis nada puideron e así, nun fermoso día de verán as xentes de Monterroso recibían a cada romeiro cun anaco de queixo do Ulloa, co fondo das gaitas e das bombas que anunciaban a festa.
Conta a Biblia que o profeta Elías, derrotado e deprimido deitouse debaixo dunhas xestas e quixo morrer: -non vallo nada-. De súpeto un anxo díxolle: -Érguete, come! E amosoulle un bolo de pan e un xerro de auga. Comeu Elías pero volveuse deitar. Porén o anxo volveulle berrar: Érguete e come, pois o camiño é superior ás túas forzas. Elías ergueuse, comeu e bebeu, e coa forza daquel alimento camiñou corenta días e corenta noites deica o Horeb.
Deste relato fixo metáfora Portas Ferro para elaborar o guión da Romaxe. Galiza coma Elías, deitada e deprimida, pensando que non vale, querendo desaparecer... e velaí que aparecen os anxos vestidos de poetas e berrando: Érguete e come, que o camiño é duro. Os amigos da Quenlla, fieis á Romaxe desde o comezo, foron deitando palabras musicadas que volvíanse alimento: Non canta na Cha ninguén de Manuel Maria; Ou Galicia...boi de palla de Xoán Manuel Pintos; Terra de proseguir e non ver nada de Ferrín; Longa noite deXosé L. Rivas Cruz; Mencer de María Pilar Campo e Xesús Mato; Un paso adiante e outro atrás de Díaz Castro e a resposta a este mesmo de Claudio Rodríguez Fer en Ulises. Galiza representada na meiga de Irimia, e por todos participantes, ergueuse e xantou cos palabras, co pan e a auga e cantou emocionada o Himno da Patria. No canto de durmir espertou co Berro Seco, xa tradicional, animado este ano por Tonhito de Poio. O Berro Seco recorda o esforzo dos canteiros para erguer as pedras, e así en Monterroso, berrouse polo leite galego, pola lingua e pola propia loita irimega de fe e galeguidade. Metía medo aquela xente berrando da man do Mero, Galiza está esperta!!!
O xantar é unha festa de cores e sabores onde todos convidan a todos, onde atoparse e compartir traballos e proxectos, e pasear polas mesas das asociacións amigas como A MESA, Xermolos, Irmandade Moncho Valcarcel...mercar o medallón de Sargadelos, ou a camiseta de eu amo o galego.
De novo o escenario e a festa coa actuación da Quenlla que presenta novo disco con letras de Manuel María: Os Irmandiños. E os mozos do grupo Falcatrueira de Monterroso que deixan abraiado ao persoal coa interpretación de varias danzas do lugar.
Non hai festa sen ramo, e os de Monterroso entregáronlle aos do Salnés que xa están a traballar na vindeira Romaxe, no Monte Xiabre o segundo sábado de setembro de 2011.
O medallón de Sargadelos pintaba un raposo con vinte e cinco xastres xuntos e coa frase do cantar que non se corrixiu por respectar a tradición. " Si ti viras o que eu vin aló enriba en Monterroso"e foi verdade, non só que o vimos senón que o vivimos. Déixovos parte do credo irimego que escribiu hai anos Bernardo García Cendán e que cantamos con música de Mini:
Coa forza do noso pobo
hoxe proclamo o meu credo;
quero ser persoa nova
pois eu renazo galego.
Creo no Espírito que vive
na liberdade e libera,
anima a xente que loita
pra ser dona da súa terra.
Vive en quen racha as cadeas
e xurde nos nosos nenos
cando falan sen complexos
a lingua dos devanceiros.
Está presente nos feitos
que a liberación achegan
aos pobres, aos aldraxados
e a nosa muller galega..