Galiza deconstruída


O pasado martes tiven a oportunidade de asistir a unha conferencia de Ferrán Adriá no 2º Acto de recoñecemento ás empresas colaboradoras coa Universidade de Vigo, organizado polo seu Consello Social. Este é o único acto destas características que se realiza en todas as universidades do Estado e no que se trata de achegar a universidade á sociedade facendo valer a colaboración das empresas coa Universidade na realización de proxecto de I+D+I e na incorporación de universitari@s ao mercado laboral.

Como icona da creatividade e referente na innovación, Ferrán Adriá, fixo un relatorio ben distinto das outras intervencións no acto, no que os discursos tiveron o ton institucional (e algúns mesmo insubstancial) propio dun acto académico por parte de todos os participantes (cumpriría subliñar ese "todos", non é un xenérico, é un substantivo masculino): Emilio Atrio, presidente do Consello Social, Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Jesús Vázquez, Conselleiro de Educación e Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo.

A intervención do cociñeiro, con algunhas interferencias menos do catalán cá do Conselleiro do castelán (malia o seu sobresaliente en galego), foi moi persoal e pragmática, como el mesmo, e contou cun gran sentido do humor o seu percorrido profesional que o levou case por casualidade a comezar a traballar en El Bulli. Ao longo da súa vida foi tomando decisións arriscadas que parecían ser a única opción para seguir avanzando cara adiante e trazando un novo camiño, aínda que de non ir acompañadas de grandes doses de entusiasmo e sacrificio poderían telo levado ao fracaso máis absoluto. Como case todo na vida, por certo. Destacou o sentido do humor, no máis amplo sentido do termo, e o pragmatismo como guías das súas decisións e a creatividade como a única opción para unha persoa coma el que di o que ninguén se atreve a dicir e fai as cousas que ninguén se atreve a facer.

Por suposto, tocou falar da súa nova etapa profesional coa transformación do restaurante El Bulli nunha fundación. Esta decisión tivo unha repercusión mediática practicamente planetaria que sorprendeu enormemente ao cociñeiro como, en realidade, podería sorprender a calquera persoa cabal. Porén non está de máis reflexionar mesmo superficialmente sobre esta reacción que puxo a Galiza na prensa pola participación de Ferrán Adriá no Foro gastronómico de Santiago onde, por enésima vez, explicou as razóns da súa decisión.

Un cociñeiro pecha o seu restaurante e sae na portada do Financial Times. A cousa non deixa de ter a súa graza pero é que non é un simple cociñeiro, é o inventor da tortilla deconstruída (aínda que Ferrán Adriá di que se sente orgulloso da tortilla deconstruída pero que el non a creou). Non é unha persoa, nin sequera é un profesional, é unha marca, é unha icona. Representa a innovación na cociña e, por extensión, unha nova cociña fóra do monopolio creativo francés de máis de tres séculos. Unha revolución con consecuencias económicas evidentes. Xa que logo, a súa retirada serve de escusa para cuestionar un elemento do tecido económico e empresarial e para eliminar competencia. Por iso a súa retirada non pode ser absoluta porque as consecuencias van máis aló do persoal. Asumindo esa realidade Ferrán Adriá decide dar un paso máis e devolver á sociedade parte do gañado, que lle permitiría vivir sen traballar os días que lle quedan neste mundo, contribuíndo a manter o prestixio dun sector económico e creando unha fundación.

Pero o que realmente me chamou a atención foi unha pregunta que el se fixo e sobre o que non estaría de máis reflexionar. Afirmou que o que el está a facer podería facelo moita xente en España e, por que non o facía ninguén en Galiza?. Mesmo fixo alusión á posibilidade de que algún home influínte do noso país, relacionado co deseño, dixo, puidese facelo. Como é ben certo que homes influíntes relacionados co deseño temos un lote, non era doado decidirse. Hainos que son quen de lanzar elaboradas propostas relativas ao mercado laboral para axudar a saír da crise, mágoa, non van pasar a ser unha icona da creatividade como Ferrán Adriá, o que nos contan xa se aplicaba no sistema de traballo das plantacións de algodón no sur de EE.UU. alá polo século XVII. Outros recomendan librarse de obstáculos comunicativos como as linguas minoritarias para poder traspasar fronteiras sen problemas, ao contrario que todos os manuais de marketing que recomendan fixar a diferenciación como obxectivo principal. Eu teño que confesar que me inclinei nese mesmo momento por un que sempre sae nos postos máis altos das listaxes das persoas máis ricas do mundo... que orgullo sinto como galega!, non?, ah, pois non! Ao mellor me sentiría algo máis orgullosa se crease unha fundación para devolverlle algo do gañado á sociedade da que forman parte os centos de mulleres que durante anos coseron pantalóns a esgalla por catro pesos para poder facer do "just in time" un éxito empresarial con grandes marxes de beneficio, antes de cambialas por mulleres doutras sociedades que igual teñen que agradecer que as exploten, perdón, que lles dean traballo. No canto diso o que si ten é unha sicav (das máis grandes de España) e o seu máis ambicioso proxecto social ocupa as páxinas de sociedade en La Voz de Galicia cada vez que hai algunha competición no hípico de Casas Novas, onde ninguén viste de Zara.

Sería igual o noso país se os nosos empresarios asumisen a súa responsabilidade social? Ou tería que ser un país diferente para que os nosos empresarios asumisen a súa responsabilidade social? En todo caso, é o país que temos, do que si me sinto orgullosa no sentido menos pexorativo da palabra, o país de mulleres como Rosalía Mera e a súa Fundación Paideia, por poñer un exemplo. Non vamos entrar a falar da orixe da súa fortuna da que, por outra banda, xa falamos no parágrafo anterior, pero sen pretender encher o país de "bos samaritanos" ou de persoas privilexiadas que cuestionen o sistema, temos unha empresaria que demostra como se pode facer país cos beneficios empresariais e como a solución á crise non só ten que vir das administracións. Sobre todo tendo en conta cales son as apostas que fai para facer fronte á crise o actual goberno autonómico, empezando polo inequívoco apoio ás empresas foráneas ás que concede os contratos máis substanciosos dun ano como o Xacobeo no que, como sigamos así, o que nos vai quedar é pedir que Deus nos colla confesados.