Galiza: Aldea global?

O paradigma da aldea global de Marshall McLuhan entendido como a interrelación entre os habitantes do planeta integrando unha soa comunidade está resultando ter varios claroscuros cando menos na súa aplicación ao planeta Galiza. Os medios de comunicación non presencial si que están a propiciar unha maior interrelación entre os galegos e galegas que comparten inquietudes e proxectos independentemente de cal sexa a súa residencia no pais. Porén a interrelación presencial non parece ter avanzado moito nos últimos anos debido ao estado das nosas infraestruturas.
Non imos a abordar neste artigo as moitas consecuencias negativas da globalización incluído o aumento das desigualdades entre as zonas que exercen un grande dominio económico, financeiro, científico e cultural sobre ás rexións periféricas subdesenvolvidas con gran atraso económico. Pretendemos facer unha reflexión interna sobre a virtualidade da globalización galega no seu aspecto social e sobre todo centrándonos no problema das vías de comunicación.
A penúltima ameaza do Goberno Rajoy, un paquete de ameazas e un paquete de realidades cada venres segundo as súas propias verbas, veu da man da posibilidade de cobrar aos turismos unha peaxe nas autovías a partir de 2013. A medida parece que está en situación avanzada e solo o medo a unha medida tan impopular (podería ser a gota que desborde o vaso) pode poñerlle freo.
Feijóo apresurouse a afirmar que non teñen previsto aplicalo ás sete autovías de titularidade da Xunta. Está claro que o temos que entender en clave electoral, imaxinemos que pasaría unha vez pasadas as eleccións galegas se as volvera a gañar. Moito fala agora de que en Galiza os recortes son menores porque as tarefas xa estaban feitas pero o único claro é a situación catastrófica do noso país sen que se tomen ningún tipo de medidas para amañala, máis ben máis recortes para agravala.
Digo-Diego-Man (Rajoy) xa nos mostrou o camiño: todas e cada unha das promesas electorais están sendo incumpridas e o mesmo faría Feijóo caso de gañar en Galiza. Para poñerse a tremer. Non se pode alegar lexitimidade electoral algunha para aplicar toda esta serie de medidas cando te presentas a unhas eleccións cun programa e cunhas promesas electorais polas que es votado, obviamente non foi votado pola súa cara bonita, e que son incumpridas sistematicamente unha a unha.
Volvendo á situación das nosas infraestruturas aquel sono de aldea global de que o noso lugar de residencia e traballo fora o propio país quedou esmorecido. Vivir nunha cidade e traballar en outra viaxando por Galiza para realizar distintas actividades profesionais ou de ocio está resultando prohibitivo polo caro, inasumible si é a diario, e un suplicio polas propias vías de comunicación.
A penosa conexión ferroviaria, coa carencia lamentable, con clamoroso agravio comparativo incluído, dos trens de proximidade, e os adiamentos no AVE (e os que nos esperan), fan do coche un medio de moi alta utilización. Elevada carga impositiva, prezos á alza imparable dos carburantes e unha autopista AP-9 das máis caras do Estado, máxime se a comparamos coa capacidade económica doutras comunidades, con ausencia de descontos por utilización regular, debuxan un panorama moi negro que se vería incrementado co cobro nas autovías de titularidade estatal e nas da Xunta despois das eleccións se son gañadas polo PP. A ausencia de vías alternativas viables nos leva a unha situación sen saída.
A finais de 2013 haberá 200 Km de autovías da Xunta fronte aos 500 Km dos de titularidade estatal. Isto contando as incorporacións da transcantábrica (estatal) e as de Ourense-Celanova e Costa da Morte (Xunta). En servizo a Xunta ten a AG-11 (Barbanza), a AG-41 (O Salnés), a AG-59 (Santiago.A Ramallosa), a AG-56 (Santiago-Brión) e a AG-64 (Ferrol-Vilalba). Ademais de pago están A Coruña-Carballo e a do Val Miñor.
Non hai que ir moi lonxe para ver o fracaso dunha medida deste tipo. Aplicada en Portugal non trouxo ingresos e si unha grande caida da actividade económica, por non falar do caos na aplicación. A afluencia de turistas ás zonas de maior impacto baixou nun 56%, sectores de grande implantación no norte como o moble sufriron unha caida dun espectacular 80% e os comercios de Viana experimentaron un retroceso do 60%, por poñer algúns exemplos. Ademais a utilización de vías alternativas en pésimas condicións, como en Galiza, provocou o seu colapso así como o aumento dos accidentes automobilísticos e o deterioro aínda maior dunhas estradas non preparadas para soportar determinadas afluencias de tráfico.
Temos unha grande oportunidade nas vindeiras eleccións en Galiza para reverter a situación e poñerlle freo ao descaro das medidas do PP que xa nin se molestan en disimular que aproveitan unha situación económica, provocada polos favorecidos polas medidas, para cumprimentar o seu obxectivo, longamente perseguido, de liquidar todo tipo de avances sociais. O seu oco discurso de “medidas inevitables” cada vez enganan a menos xente pois as medidas afectan sempre aos mesmos e favorecen a intereses cada vez máis claros. Galiza sairá da crise con medidas de impulso económico e non con recortes de dereitos e servizos sociais.
Así pois, e á espera da verdadeira aldea global galega, terémonos que conformar coa cantiga popular “pousa, pousa” e o seu fun polo vento e vin polo aire que efectivamente é cousa de encantamento, e vivir globalmente Galiza no ciberespazo, que non está mal, pero un, iluso, agardaba ademais poder sentir e tocar o pais e as distintas persoas que o habitan en diversos lugares e a diario. Todo elo, claro está, con permiso dunha precaria cobertura na banda larga.