Galicia, unha estraña nación sen nacionalistas

Galicia, unha estraña nación sen nacionalistas

Algúns non temos dúbida ningunha de que os galegos formamos un pobo e, a maiores, unha nación; pero, en máis ocasións das que desexaría, asáltame a lembranza daquel tempo convulso no que o xeneral Prim andaba na procura dun monarca para substituír aos expulsados borbóns. Lembro que Serrano e Topete, os outros dous da Gloriosa, defendían a candidatura de Montpensier (casado coa infanta Luísa Fernanda, a que dá nome ao famoso parque de Sevilla e con quen viaxou a Pontevedra), e que o noso Curros tivo que fuxir da policía cara a Londres por escribir un durísimo artigo en contra, no que mesmo chamou a este pretendente “ese hinchado pastelero francés”. Foron moitos os que lle propuxeron a Prim que renunciase á idea de continuar cunha España monárquica e decidise instaurar unha república. Cando, en Londres, incluso lle ofreceron ser el o presidente da mesma, contestou: “Eso es un sueño; la República sería posible si hubiera republicanos, como los hay hasta en Rusia; pero en España no los hay, no puede haberlos”. E nunha carta a Girardin, dille: “Para establecer una república se necesitan republicanos”. Ben sei que o 11 de outubro de 1868, no Circo de Price, en Madrid, se votou por unanimidade a República, e incluso se aprobou que esta tería que ser federal. Pi y Margall protestou contra a unitaria, dicindo que remataría por ser unha república só de nome, minada por todos os vicios e xermes de discordia das monarquías. Que visión tiñan aqueles grandes políticos! Que ananos resultan todos os actuais na comparanza!

Non vou falar de repúblicas, pois hoxe non me apetece amargarlles o almorzo aos republicanos e laicos do PSOE. Traio isto aquí, porque me fai pensar na nación galega. O vindeiro ano celebraremos (se lle cadra; mais cando menos si o faremos no Museo do Pobo Galego, onde xa andamos a traballar no asunto) o centenario das Irmandades da Fala. Nese mesmo ano vai ser “A Nosa Terra” (por certo, de quen é hoxe a cabeceira?) o seu voceiro, onde, no primeiro número, Antón Villar Ponte afirma que hai que se afanar no “fomento agarimoso da nosa lingua e no estudio dos nosos problemas económicos que non terán nunca, porque non poden tela, solución no actual réxime político hespañol”. Dous anos despois da súa constitución, xa están proclamando na I Asemblea das Irmandades (Lugo, 1918) que, “Tendo Galicia tódalas características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos”. Pero, quen son eses “nós”? .- Villar Ponte coa Irmandade da Coruña, máis os que se incorporan desde Ourense, como Risco, Otero, Losada ou Noguerol, todos eles, xunto cos que non cito, devanceiros aos que tanto debemos os nacionalistas galegos, membros da pequena burguesía urbana e vilega. Mais o pobo que vivía espallado polas aldeas de (poña cada quen a queira) nin se decatou de que pertencía a unha nación chamada Galicia, nin de que viña sendo iso de ser nacionalista, nin tan sequera, xa postos, escoitou falar de tal cousa.

Chegamos ao cerne do que veño tentando dicir: Galicia, se isto, contra a opinión de Prim con respecto a unha república sen republicanos, fose posible, resulta que é unha nación sen nacionalistas. O pobo galego segue sen ser nacionalista e os que sempre vivimos mesturados coa nosa xente, porque é a nosa e porque somos galegos de cerne, aborixes (ab origine), e ata porque os nosos estudos nos eidos da arqueoloxía e da etnografía non se fan, precisamente, en asépticos e urbanos laboratorios, non nos decatamos desta realidade, precisamente, pola lectura de enquisas nin polos porfións resultados de sucesivas eleccións. Se o pobo galego fose nacionalista, comportaríase nos comicios electorais como o fan os vascos ou os cataláns. Non ver isto é estar cego e seguir declarando que “nós” somos nacionalistas galegos. Pois que ben!

Prodúceme noxo e alerxia cando escoito aos gobernantes dicir que non se ocupan de tal ou cal cuestión por non ser algo que estea nas preocupacións do pobo, como se os campesiños franceses de 1789 andasen todo o día discutindo polas fincas sobre a necesidade de cortar a cabeza ao rei e instaurar unha república. A algún individuo dedicado á política obrigáballe como penitencia a ler un feixe de “Cahiers de doléances” a ver se aprendía algo. Primum vivere, deinde philosophare e, se a preocupación e angustia vital e diaria dunha persoa está centrada en conseguir a mantenza para os fillos, evidentemente non anda enredado en se Galicia é unha nación ou se España debera de ser unha república. Quen debe pensar e preocuparse destes asuntos son os que teñen garantida a máxima anterior e, sobre todo, se decidiron optar a ser condutores de masas, e a vivir e asegurar o cocido, exercendo un cargo político. Escoitar falar aos representantes que din saber que a única preocupación que teñen os cidadáns é satisfacer as necesidades primarias, se algo demostra é un menosprezo absoluto polo pobo que os gabeou ao poleiro.

Ninguén nace sendo nacionalista, nin católico, nin funcionario de facenda. Ningunha das tres cousas forma parte da natureza humana e, se todo o que non é natura é cultura e se esta se adquire coa aprendizaxe, no que hai que insistir é na formación. Ninguén naceu aprendido, ninguén chegou aquí cos coñecementos incorporados de serie; máis que traer coñecementos por defecto, o que somos ao nacer é un defecto completo, no senso etimolóxico de que estamos por facer, de que nos falta todo e, se un quere traballar en facenda, terá que ter acceso, entre outros, a coñecementos de cálculo e dereito mercantil, se quere ser católico, terá que asistir á catequese (chega con ir a un centro de ensino público, se gobernan o PP ou o PSOE) e se un quere ser nacionalista, alguén terá que se preocupar da súa aprendizaxe. Aí está o papel dos políticos que se din nacionalistas, mais que, cando gobernan, se comportan, aínda que non o manifesten explicitamente, igualiño que os que veño de citar. Preocúpanse, exclusivamente, polas cuestións básicas, menosprezando ao pobo, ao que tratan como un ser primario que, como dixo Salustio no inicio da “Conxuración de Catilina”, o mesmo que as bestas só miran ao chan por se atopan comida. Hai que traballar para que a xente cubra as súas necesidades básicas, mais tamén –e simultaneamente- hai que lle proporcionar ferramentas intelectuais que a eleven e a fagan chegar á comprensión e aceptación dunha determinada superestrutura política. Só entón, poderá haber –ou non- moreas de nacionalistas galegos.

Hoxe non os hai, e por iso ata é posible que un partido do máis rancio español, que declara non ter proxecto para Galicia, poida sacar -como auguran as enquisas- representación parlamentaria, negándoselle –segundo a mesma fonte- ao único grupo nacionalista galego que se presenta nestas eleccións. Cando Cidadáns fala de nación, refírese a España, o mesmo que, sen ter a valentía ou a inxenuidade de recoñecelo, pensan o PP, PSOE, Podemos, Mareas, etc.l

Remato coa miña vella teima. O BNG ten que retomar a praxe militante dos vellos tempos, percorrendo os 30 000 km cadrados de nación para espallar o ideario das Irmandades de 1918. Aproveitando o centenario da súa fundación, agardo que o noso nacionalismo colla novos azos e reverdeza o froito que con tanto agarimo coidou Castelao, hoxe secuestrado por tirios e troianos. Non me estrañaría que, igualmente, fose a Xunta do PP a que capitalizase as Irmandades da Fala no próximo 2016, mentres o BNG se entretén con cousas importantes.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.