Galicia na modernidade
Durante a modernidade podemos dicir que Galicia viviu de costas ao que atinxe aos cambios que caracterizaron a este proceso histórico. Este feito frustrou o noso desenvolvemento e xa que logo, afondou na nosa dependencia e na nosa febleza como pobo, propiciando que o noso país seguira a vivir varios séculos máis baixo a pesada lousa do atraso e demasiado preocupada por non rachar cos vencellos que nos cinguían a un pasado xa moi esmorecido, aínda que fornecedor dunha mínima seguridade que as nosas xentes necesitaban. Esta eiva, de vivir baixo o xugo das vellas estruturas en tempos tan acaídos para o contrario, semella que foi o noso normal proceder durante a maior parte deste período histórico.
Pola contra, na maioría dos países da nosa contorna, os axentes modernizadores ían consolidar a súa posición dominante a partires do século XVIII. Así, o pasado ateigado de tradición e relixiosidade, opresión e rixidez, paseniñamente iría esmorecendo; ao tempo que o ser humano emerxía como individuo, tomando progresiva conciencia de se mesmo e da realidade na que vivía. Poderíamos dicir que xurde no mundo europeo un ser fundamentalmente creador e transformador que mira ao futuro como un tempo de liberación, de plenitude, que cómpre construír desde a reflexión e a liberdade, pero sen ataduras do pasado. Xa que logo, o individuo converterase en moitos países europeos no grande protagonista da súa historia.
Sen embargo, a sociedade galega seguía a ser unha sociedade moi ruralizada, homoxénea, pechada, dependente e sen liderazgo; na que o protagonismo individual estivo case que completamente ausente. En Galicia non eran as súas xentes quen elixían o seu destino, senón que este era elixido por forzas esóxenas ao propio individuo, decidindo imperativamente estas o que a sociedade tiña que ser. En definitiva, o baixo grao de individuación das nosas xentes, as súas fondas relacións de dependencia en todos os eidos, xunto coa nosa situación periférica, impedirían que as galegas e galegos tomaran nas súas mans o protagonismo histórico que os tempos demandaban.
Ao tempo que isto acontecía en Galicia, na maioría dos países occidentais desenvolvíase con forza un novo e singular período, caracterizado tamén, polo dominio das ideas sobre a realidade. Na medida en que esta concepción da historia ía tomando corpo, as forzas do pasado íanse esmorecendo como criterio orientador das sociedades europeas cara o futuro. Este, ideado agora desde o mesmo cerne do pensamento humano en forma de grandes proxectos ideolóxicos, converterase non só na luz do presente, senón tamén do propio pasado. Daquela, pasado e presente ficarán instrumentalizados en función do futuro, xa que nel acubillábase o desexado paraíso que semellaba posible acadar pola forza das ideas e da acción humanas, da praxe en definitiva. Neste intre, as ideas semellaban capaces de facerse mundo, transformándose así o tempo nunha liña de continuo progreso deica a perfección. O europeo xa tomara conciencia de que o mañá non tiña porque ser o froito de circunstancias casuais, senón, dunha deliberada decisión humana. Nesta crenza encernaría a forza da modernidade na maior parte do mundo occidental.
Pola contra e en definitiva, a sociedade galega non só non asumiu os principios rectores desta etapa histórica, senón que viviu á marxe dos mesmos; e só, xa moi encarreirado o século XX, nuns casos por imposición e noutros por mimetismo, pero raramente desde unha auténtica convicción, aparecerían as influencias modernizadoras; que, máis que xerar progreso, en moitos casos foron a causa da destrucción e barbarización que se produciu en distintas esferas da nosa singular realidade e que hoxe, operan como unha eiva difícil de superar cando se queren facer políticas propias e axeitadas a esa realidade singular que é Galicia.