Futuro: lealdade e coherencia
Non é estraño que, chegado a un momento do seu desenvolvemento, calquera organización, sexa do tipo que sexa, en canto comeza a ser masiva, entre nunha problemática nova á que lle ha dar alternativas. O nacionalismo buscounas sempre, e en cada momento da súa historia soubo avanzar, reforzando os seus puntos políticos que lle fan retrato e lle dan personalidade propia.
A fundación do BNG en 1982, veu dunha posta a punto de todo o nacionalismo do momento para enfrontarse a unha reforma política que frustrou moitas esperanzas, confluíndo a súa maior parte nesta organización á que chamou tamén, como forza con máis presenza na sociedade galega e alta experiencia, a Asemblea Nacional-Popular Galega, AN-PG.
Foi un grande paso e, a súa historia enfrontou batallas ao longo dos seguintes anos, moi duras ás veces, e sempre baixo unha luída claridade dos seus puntos políticos básicos que nos unían a quen formabamos parte dela. Mostrámolos con orgullo e foron bandeira a ondear sen sombras nen camuflaxes: Galiza nación, galego como idioma oficial en práctica constante, democracia, antiimperialismo, antimonopolismo, pluralismo político, dereito á discrepancia, autoorganización, frentismo...
Mais desde hai dez anos, ao ir medrando e co cambio a uns tempos cada vez máis confusos, as cousas comezaron a variar. Nas asembleas nacionais, algúns grupos iniciaron a introdución de distintas alternativas máis axeitadas a unha aceptación clara do sistema e a lidar practicamente en exclusividade coas regras impostas; ou outros con filosofía aparentemente radical pero no fondo debedora duns intereses de grupo. Non acadaron maioria en nengún caso, mais isto non foi óbice para que seguisen bombardeando coas súas teses desde o día seguinte á aprobación das debatidas nas Asembleas.
,Non sería isto problema (a discrepancia), se non levase por tras e claramente unha práctica oposta aos principios aprobados pola maioría. E así, os medios de comunicación públicos e privados foron aproveitados como arma de ataque aos órgaos e responsábeis elixidos, cousa que tampouco sería problemática se existise neste país unha prensa independente, plural, aberta e galega. Utilizalos, pois, foi o mellor xeito de entregarlle ao inimigo unha boa baza para debilitarnos.
E así naceu unha nova practica política en sectores do BNG que se poñían en contradición cos principios políticos estratéxicos e tácticos axeitados e aprobados en cada asemblea nacional. Durante os últimos dez anos a contradición foi constante: definicións ambiguas (galeguismo no canto de nacionalismo e muda de palabras clave da nosa teoría para asimilalas ao gusto da ideoloxía imperante); comunidade autónoma fronte a nación; bilingüismo fronte ao uso e loita pola normalización do idioma asoballado; antiimperialismo de café ás catro; usos privatizadores fronte á defensa dos servizos públicos; descoido chamativo a respecto da galeguización de moitos dos concellos onde gobernamos; abandono da loita e contacto directo coa sociedade; profesionalización interesada da política...
E no aspecto organizativo: nova perspectiva das institucións, sobre todo locais, como plataforma individual na que o alcalde pasaba a detentar poderes e control sobre a propia organización (nalgúns casos até o punto de facer afiliación aproveitando os favores concedidos á xente mesmo pouco proclive ao nacionalismo para así gañar as votacións partidarias); clara práctica caciquil ao xeito dos outros partidos; ataque constante a calquera tipo de interese pola formación dos e das militantes; práctica caciquil tamén no controvertido tema das altas previas aos procesos de votación interna, chegando ao extremo de aprobar as altas solicitadas despois de convocada a asemblea nacional, o que está a dar pé a un carrete de adeptos por burofás que avergoña calquera teoría de respecto á consciencia e liberdade individuais.
O proceso que levou a copresidir a Xunta de Galicia foi a etapa más clarificadora ao respecto, onde, por poñer un exemplo, se enterrou nun súpeto unha grande e heroica historia da batalla pola nosa cultura e idioma, e onde algúns xeitos de actuar lembraban o brillo que lle ven á política os que queren aproveitala para o seu beneficio exclusivo ou dos amigos. Esa etapa, coas súas importantes excepcións, foi magnificada e aproveitada sibilinamente polo PP, así como as contradicións a que nos levaron tamén as alianzas co PSOE. E foi a que deixou definitivamente no noso pobo a idea que tanto combatemos de que todos os políticos e formacións son iguais.
Dez anos, si, no que se levaron á práctica as ideas de asimilación política e viraxe de principios que algúns seguen empeñados en defender sen que a situación política mudase. Neste proceso asemblear (o número XIII), preséntanse esas teses unha vez máis, pero a diferenza das veces anteriores, agora podemos ver sen dúbida nen inxenuidade para onde quere levar o BNG cada grupo. Coido que non van ser moi lidas, afeita xa a xente a outro tipo de medios que non pasa pola lectura e a unha educación frouxísima no aspecto formativo. E será unha mágoa, porque poderían situar os problemas na súa carne viva para coutarlles a dor definitivamente, e poderían así rematar dunha vez co vergoñento voto carretado.
Parecería lóxico que cada un de nós aceptásemos sen dúbida de nengún tipo, por exemplo: que despois do debate se remate coa insistencia nas alternativas non aprobadas pola maioría, polo menos deica a próxima xuntanza congresual; que a lealdade é arma imprescindíbel para seguir co proxecto común; que a coherencia nos principios nacionalistas que nos unen e, en consecuencia, a súa posta en práctica, é a bandeira que nos levará a incidir de xeito máis firme nas clases populares para que nos vexan, efectivamente, distintos e non homologábeis aos políticos de carreira; que sempre haberá unha ou un compañeiro máis preparado e coherente que un ou unha mesma e que isto leva a que lle abramos o camiño con humildade revolucionaria; que sendo importantísima a presenza de cada quen, ninguén é máis que o outro nen ten distintos dereitos e deberes.
Só isto. Sen máis envurullos. Asinado por todos e todas. E o BNG seguiría ese camiño de futuro que sen dúbida se xoga neste mes de xaneiro do novo ano. E que quede na consciencia de cada quen que fóra del, do BNG, ou debilitado, a Galiza perderá, ao mellor definitivamente, un futuro de seu, precisamente no momento en que a batalla para negala ten tan grande poderío.