Fútbol, patios e lecer

A recente presentación en Euscadi do Plan director para a coeducación e a prevención da violencia de xénero no sistema educativo do goberno nacionalista basco valeu de escusa para avivar unha polémica que aos poucos aparece nos medios de comunicación, case sempre terxiversada e malinterpretada, moitas veces, como neste caso, de xeito claramente intencionado. Os titulares que transmitían os medios de comunicación eran do tipo “O goberno basco (ou no PNV) quere prohibir o fútbol nos colexios”. Xa dependendo da orientación do medio, aproveitábase para darlle caña aos nacionalistas, ás políticas de igualdade e aos políticos en xeral por adoutrinadores, limitadores das liberdades das persoas, fascistas e incluso “cortapenes” ao proxectar a súa “ideoloxía de xénero e as súas categorías sobre a infancia e os seus xogos”.
É certo sen embargo que o tema do fútbol nos patios das escolas e incluso nas prazas e parques dá moito de seu, que ten moitos ángulos e moitas arestas, e permite profundar en aspectos fulcrais da educación dos nosos nenos e nenas e no noso modelo de sociedade, como os tempos de lecer, a importancia da actividade física, a importancia dos espazos de xogo e deportivos nas escolas e fóra delas, a promoción do xogo e das actividades colectivas, a integración, a solidariedade, a reprodución dos modelos sociais imperantes, o papel do profesorado e dos educadores nos tempos de lecer na escola, a vida diaria dos nenos e nenas fóra da escola, os seus xogos e lugares de xogo e un longo etcétera.
O Plan Director –como compría agardar- presentado pola Conselleira de Educación, Política Lingüística e Cultura Cristina Uriarte, abrangue, como indica o seu título, todos os eidos e espazos que afectan ao sistema educativo, e ten como obxectivo principal “seguir a avanzar na transformación dun modelo de escola mixta a un modelo de escola coeducativa que contribúa a previr a violencia de xénero e, en definitiva, calquera violencia con orixe no sexismo”. Como habitualmente ocorre en Euscadi en temas de igualdade, este plan é serio e fundamentado e propón actuacións como a formación contínua en igualdade, diversidade sexual, coeducación e violencia de xénero do profesorado e das familias, integrar no currículo o saber das mulleres e as súas contribucións ao desenvolvemento social e científico, a detección temperá de casos de violencia sexista ou promover que as nenas se interesen por estudos técnicos e científicos.
,E tamén incluir a análise de xénero no uso dos espazos. Neste sentido, fai referencia aos múltiples estudos que existen sobre os espazos escolares e a súa utlización que conclúen que a variábel xénero é determinante. Propón intervir na distribución dos espazos e no tipo de xogos, dominados polo fútbol e en xeral por uns poucos nenos, que se sitúan no centro do patio e levan ás marxes ás nenas e ao resto dos nenos. Mais a proposta non implica prohibir o fútbol. Quen defende isto é claro que non leu nin a primeira liña do Plan nin quixo escoitar ou ler as declaracións e aclaracións feitas polas responsábeis do Educación do Goberno Basco.
Este tipo de propostas invitan á reflexión e a participación dos propios nenos e nenas na toma de decisións. Procura o consenso entre profesorado, alumnado e familias. Cada centro determinará como se reparte o patio e que actividades vanse desenvolver nel cada día. Os nenos e as nenas son os protagonistas. Non procura enfrontar deportes ou actividades, procura dar alternativas e solucións, procura enriquecer. Este tipo de iniciativas non son novas. Nin sequera en Galiza, onde hai algunhas moi interesantes que poñen en valor os xogos e xoguetes tradicionais, como no CEIP Mosterio de Caveiro d’A Capela. Non se trata de prohibir, que é o máis doado. Ao contrario trátase de aportar, de enriquecer, de ofrecer alternativas interesantes, que fagan do patio ese lugar favorito para o alumnado e que forme parte da súa formación como cidadáns do futuro.
Claro que aquí chegamos a un punto fulcral: a capacidade da nosa sociedade para o diálogo e o consenso. Desde logo a LOMCE do Partido Popular non vai por aí, e ben sabemos o difícil que lles resulta a moitos o diálogo e a comprensión e aceptación da diferenza. Eis posibelmente o cerne do “problema” e as reticencias e saídas de ton de moitos.
Tamén cómpre falar da importancia que se lle outorga na nosa sociedade aos espazos de xogo (ridículos en dimensións e dotacións en moitísimos casos) nas escolas e nos lugares públicos. Un patio do tamaño dunha cancha de balonmán para cincocentos alumnos non axuda moito. Unha ridícula praza ou parque a compartir por meniños, nenos de diferentes idades, maiores, vellos, adolescentes e terrazas de bar non permite moito “movemento” nin moito xogo sen conflito. Algo ten tamén que dicir o deseño que facemos dos nosos espazos comúns e de lecer.
E tamén está a valoración e formación do profesorado e dos educadores (persoal de comedor, etc). Porque o compromiso é importante, pero debe ser compartido e valorado, senón ten poucas posibilidades de perdurar e de abranguer a todos os profesionais implicados.
O patio non pode ser visto soamente como unha fonte de conflitos, senón que debemos velo como un espazo de oportunidades no que a palabra “prohibir” debe pasar a un segundo plano fronte a verbas como creatividade, socialización, movemento, xogo.
E que quede claro que ante todo estou a favor da actividade física que produza diversión e ilusión nos nenos e nenas, e se teño que elixir entre fútbol ou ningunha, quédome co balón. Entre nenos e nenas abollados dando voltas ao patio ou sentados como adultos precoces, entre película de vídeo de Disney –sexista na maioría dos casos- no salón de actos e o balón, quédome co balón. Sen dúbida.