Fusións de concellos: Deixémonos de trapalladas

Tres obxectivos pretendía Feijóo coa posta en escena da fusión de Oza dos Ríos e Cesuras: saír indemne do debate do estado da nación, diluír un debate serio sobre a organización territorial de Galiza e deter unha crecente corrente de opinión entre os seus alcaldes a favor da supresión das Deputacións. A cortina de fume cumpriu parte do seu primeiro obxectivo coa inestimable colaboración de todos os medios afíns, o segundo cómpre ao BNG paralo coa súa argumentación consistente sobre a inaprazable reforma da organización territorial e o terceiro, perigos de xogar con fume, acabou acendendo unha rebelión entre determinados rexedores locais da súa opción política.
A chapuza é clamorosa e nin se molestaron en dotar de argumentacións sólidas á proposta. De presa e correndo acudindo á manida austeridade e a un suposto aforro de recursos que non explicaron nin cuantificaron. Puxéronse a súa disposición todos os (seus) medios de comunicación que continuaron a xogada nos sucesivos días con reportaxes incluíndo supostos estudos faltos de todo rigor e con artigos de opinión dos membros da claque popular. Acabouse constatando a evidencia de que todo formou parte dunha estratexia deseñada desde a sede popular á que se sumaron, gostosos, os medios.
O primeiro obxectivo quedou minimizado polo espléndido debut da nova voceira parlamentar do BNG, aínda que non é nada doado trasladar a mensaxe nuns medios totalmente hostís. A comparecencia de Feijóo semellou un chiste, e de chiste chegouse á chistera da que sacou a fusión de dous municipios que xuntos chegan apenas a 5.454 habitantes sen aportar ningún estudo económico que o xustificara e sorprendendo aos propios veciños destes concellos e aos seus grupos da oposición municipal que non sabían nada do asunto.
Ademais da falta dunha organización territorial adaptada á Galiza, os problemas de financiamento dos concellos veñen da ausencia de xustiza e equidade na participacións dos tributos do Estado reflectidas na ausencia de criterios como o número de núcleos, a superficie dun concello ou o envellecemento da poboación. Tamén veñen da prestación de competencias impropias, ou sexa servizos de competencia doutras administracións pero que un concello acaba prestando pola súa proximidade á veciñanza, sen que exista a asignación económica correspondente, e que supoñen a cuarta parte dos orzamentos municipais.
As fusións ao chou que propón o PP obviamente non solucionan nada, máis que desviar a atención dos asuntos verdadeiramente preocupantes. Aludindo a pretendidos aforros que venden ben pero que en moitos casos son falsos, espallan mensaxes extremadamente faltos de rigor e sen ningún estudo serio que os avale.
Fusionar concellos pode supor aforro nalgúns casos ao compartir servizos ou incluso poder prestar outros que por separado é imposible, pero en outros supón incluso un incremento de gastos ou, o que é peor, trasladalos á veciñanza. Supoñamos dous concellos cada un co seu centro de saúde que ao fusionarse redúcese a un. Onde o colocamos e que pasa cos habitantes do concello desfavorecido? a conta de quen van os desprazamentos non solo ao centro de saúde, senón ao resto dos servizos incluída a casa do concello? E para complicalo aínda máis, o envellecemento da poboación dificulta moito máis estes desprazamentos, sobre todo agora cos continuos recortes en dependencia.
No momento que a poboación do concello desfavorecido se da conta da realidade do que supón unha fusión, a cortina de fume esvaecese e a proba é a multitudinaria presenza veciñal no pleno de Cesuras (o supostamente desfavorecido) no caso posto como inicio. En todo caso é preciso un estudo económico que xustifique ou desaconselle determinada fusión pois a casuística é moi diferente e os resultados tamén. Ninguén, por outra parte, estará en contra dunha fusión aceptada por todos os interesados e levada a cabo de mutuo acordo, pero o que si está claro que iso non será unha solución aos problemas económicos dos concellos.
Tampouco é solución un Convenio marco de colaboración para a xestión compartida de servizos que pretende fomentar á Xunta que tería como obxectivo liberar aos municipios da necesidade de creación dunha Mancomunidade ou Consorcio. E non é solución porque é un mal parche, a solución ten que ser global e pasa por unha organización territorial axeitada a Galiza defendida polo BNG dende hai moito tempo. Unha organización onde sobran as Deputacións e os concellos se agrupan en Comarcas definidas estratexicamente en función de criterios territoriais, sociais, económicos e históricos. É nesas Comarcas, onde os servizos poden ser compartidos de xeito eficaz e eficiente e abarcando todo o territorio. Pero, insistimos, isto ten que vir acompañado dun novo modelo financeiro que resolva todos os demais problemas comentados e xa definidos en varios artigos neste mesmo medio.
O terceiro dos obxectivos de Feijóo era interno e atendía á crecente corrente dun cada vez máis numeroso grupo de alcaldes dentro do seu propio partido a favor da supresión das Deputacións, opinión comentada en “petit comité” pero non recoñecida exteriormente. Co asunto das fusións pretendía desviar o debate por outros camiños e evitar as discusións sobre a vixencia dos entes provinciais. O asunto fóiselle das mans e provocou unha inesperada rebelión de moitos dirixentes locais que, xa sexa por intereses particulares de representación ou por propia lucidez política, plantaron cara ás fusións reclamando, ademais de seriedade, que o debate se sitúe onde verdadeiramente debe de estar e que é na modificación do financiamento municipal e a delimitación de competencias coas súas correspondentes asignacións económicas. En definitiva a aplicación do Pacto Local e o seu desenrolo.
Resumindo, as fusións serán boas ou malas segundo o caso e sempre teñen que vir acompañadas dun estudo de viabilidade que as aconselle ou rexeite. Ademais teñen que ser soportadas por un acordo político amplo e a conformidade da veciñanza. Pero de aí a supoñer que poidan ser, así ao chou, a solución da asfixia económica municipal vai un treito moi longo e non deixa de ser unha broma de mal gusto.