Furia recentralizadora


Rizando o rizo, o PP ante un ataque colectivo de sentidiño que parecía afrontar a desaparición das Deputacións, pola que tantos anos leva pulando o BNG, resulta que resposta cun intento de dotarlles de máis competencias e poder a costa de gobernos nacionais e concellos. Nunha volta ao século XIX pretenden dividir a nación en anacos provinciais plenipotenciarios cuns presidentes de deputación convertidos en virreis dependentes unicamente de Madrid. Ante isto cómpre reivindicarmos como pobo, como nación, instaurando no sentimento popular o orgullo de sermos galegos e a necesitade de loitar polos nosos dereitos colectivos. E que mellor data que o Día da Patria para comezar!

O Goberno do Estado do PP ven de elaborar un borrador de proposta de modificación do articulado da Lei 7/1985, reguladora das bases de Réxime Local. Un documento revelador das intencións deste partido no que lonxe de cuestionarse a supresión das deputacións postula a estes anacrónicos organismos como a solución aos problemas da administración local.

As deputacións galegas gastan a metade dos seus ingresos na súa propia existencia, levéndose o premio, como non, a deputación de Ourense cun 65,43% (en gastos correntes e persoal), cuxo presidente, no colmo do descaro, reclamaba hai uns días maiores competencias e máis fondos cando por termino medio estes entes en Galiza solo destinan a investimentos reais un 17,27% do que reciben, sendo as transferencias de capital, maioritariamente destinadas a municipios, dun 7,05%.

Monstros en definitiva que utilizan os cartos que se lles achegan en alimentarse a eles mesmos, deixando pequenas cantidades, utilizadas ademais en políticas clientelares, para os verdadeiros destinatarios, os concellos, nomeadamente os pequenos. Ingresando máis de 6.200 millóns de euros, na súa maioría procedentes das apartacións do Estado, estamos ante unha clara duplicidade de funcións co goberno autónomo. A máxima “Galiza provincia única” exemplificaría a solución, entendida, claro está, como que as provincias sobran, as deputacións sobran, e é a propia Galiza, o seu goberno, o que ten que asumir todas as súas competencias.

Nese sentido vai a proposición non de lei presentada polo BNG no Congreso na que textualmente se di que hai que “realizar as modificacións lexislativas necesarias para que sexan as comunidades as que articulen e asuman as funcións das deputacións provinciais” todo elo có “fin de racionalizar a estrutura administrativa e evitar duplicidades, algo que influiría de xeito significativo no aforro dos recursos públicos

Diante disto o documento propón que se habilite ás deputacións no articulado modificado da Lei de Bases para a xestión de servizos obrigatorios dos municipios de menos de 20.000 habitantes. Como vantaxe citan que isto permitiría a supresión ou substitución das mancomunidades constituídas precisamente para xestionar certos servizos municipais.

E aquí chega outro dos disparates do PP, pretenden disolver as mancomunidades, organismos que en moitos casos viñan desenvolvendo unha importante e efectiva actuación na prestación de servizos comúns dos municipios mancomunados, para encomendarlles toda a súa actuación as deputacións. As mancomunidades evidentemente non son o paradigma da solución aos problemas pero veñen a consitituír o xermolo das comarcas, entes verdadeiramente operativos nos que os municipios integrados por lazos territoriais, económicos e sociais, compartirían servizos de xeito efectivo que de outra forma non serían prestados ou o serían de xeito deficiente e deficitario.

Curiosamente as intencións do PP non pasan por cuestionarse a existencia das comarcas, quizais o atrevemento choca neste caso coa realidade de Catalunya. Habilitan as deputacións para cooperar coas comarcas no marco da lexislación autonómica, citando que serán preferentemente consideradas por estas para a prestación común e obrigatoria dos servizos mínimos.

Pretende tamén este intento de recentralización atacar a autonomía municipal, establecendo uns criterios leoninos (sobre todo para os municipios menores de 20.000 habitantes) de aplicación ao interese do goberno do Estado, para quitarlles as competencias, a aqueles municipios que interese, para darllas as deputacións.

Ademais cunha definición estrita das competencias impropias, asunto no que habería que traballar e moito, negaríalle estas aos municipios que, perfectamente saneados, as pretenderan exercer por incompetencia ou inacción de organismos superiores. Está claro que toda competencia impropia solo pode ser asumida coa apartación orzamentaria do organismo realmente competente pero a proximidade dos gobernos locais aos cidadáns fai necesaria moitas veces a súa prestación por estes. Hai competencias impropias que claramente non ten que desenvolver un concello, como as relativas ao mantemento de centros de ensino ou os centros de saúde de titularidade municipal. Faise pois necesaria unha actuación nese sentido.

Claro que hai outras que, se non poden ser exercidas, limitarían as capacidades de autogoberno. Citemos as de cooperación onde moitos dos concellos gobernados polo BNG están implicados a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Estas actuacións permiten realizar intervencións directas no exterior coa marca de Galiza, podéndose dicir que isto supón unha certa labor diplomática do noso país. Ou o que é o mesmo, ven a ser unha vía de actuación diplomática que por outro camiño non se pode desenvolver por imposibilidade competencial.

Os concellos, sufridores de moitos males, sofren tamén o da táboa rasa. É dicir, concellos saneados, sen problemas excesivos orzamentarios, ven limitadas as súas capacidades de prestar servizos, por exemplo sociais, que a incompetencia dun goberno autónomo como o do PP en Galiza limita ou simplemente non presta. E todo elo pola aplicación estrita da Lei de Estabilidade Orzamentaria.

A defensa dos nosos dereitos colectivos pasa a ser prioritaria, neles vai tamén a defensa dos nosos dereitos individuais, e serán as vindeiras eleccións ao Parlamento galego as que servan de freo as políticas reaccionarias e recentralizadoras do partido no poder.