Fuco Gómez: nacionalismo e humanismo. Ideario dun arredista (I)

Fuco Gómez: nacionalismo e humanismo. Ideario dun arredista (I)

Moitos persoeiros, como Fuco Gómez, que na nosa emigración puxeron as bases do nacionalismo galego permanecen aínda hoxe no esquecemento case que absoluto. Cómpre recuperar a todos estes homes que xenerosamente loitaron e traballaron por Galiza, pois, dende a sombra colocaron importantes pedras da nosa historia.

Fuco Gómez é o fundador na Habana do primeiro movemento de carácter arredista na historia do nacionalismo galego. O arredismo propuxo por primeira vez a independencia absoluta de Galiza e a loita directa contra o Centralismo español. A grande arela dos arredistas era a creación dunha República Galega que dirixira e administrara os destinos do país. Este novo ideario nacionalista viuse plasmado na creación do que será o primeiro grupo arredista: o Comité Revolucionario Arredista Galego (C.R.A.G.) que fundou e dirixiu o mesmo Fuco Gómez.

Ademais disto, Fuco distinguiuse no labor de espallamento do galeguismo, e en particular da ideoloxía arredista, a través da súa intensa actividade xornalística; chegou a fundar e editar durante varios anos o boletín mensual "Patria Galega", co que tratou de manter vivo o nacionalismo entre os membros da comunidade galega de Cuba.

Outra faceta salientable de Fuco Gómez foi o seu interese polos temas lingüísticos reflectido, sobre todo, en dous libros que publicou en diferentes épocas da súa vida: Grafia Gallega e A fala dos animás.

Fuco Gómez representa o exemplo da tenacidade dun home que chega á Habana en 1913, totalmente analfabeto, procedente da súa aldea de Montaña da Agra en Becerreá, e a quen aos poucos anos atopamos xa colaborando en empresas culturais e políticas. Esa constancia hase reflectir posteriormente na súa actividade nacionalista da que non claudicou en ningún momento, a pesar das variadas dificultades e disputas que lle supuxo a súa ideoloxía arredista.

A figura de Fuco vén marcada polas múltiples facetas da súa actividade creativa como ideólogo do independentismo, xornalista, poeta ou lingüista... Todas elas cultivadas sempre ao redor da súa gran paixón: Galiza.

Moitas das teorías que no seu momento defendeu Fuco foron motivo de arduas polémicas. Sen embargo, nun estudio minucioso das mesmas atoparemos moitas semellanzas con cuestións que, salvando a distancia e o tratamento, se están a revisar hoxe en día: a manipulación histórica, os totalitarismos ideolóxicos, a concepción do Estado e das nacionalidades ou o diferencialismo lingüístico.

A súa principal actividade foi a de articulista. Colaborou en moitos e diversos xornais: Galiza, Eco de Galiza, Nós, Terra Galega, La Noche... ata a creación do seu propio periódico Patria Galega. Grande parte da súa creación xornalística está recollida no libro Naciones Ibéricas publicado en 1931 e que resulta un compendio do pensamento e a ideoloxía de Fuco.

Sen embargo, a pesar de que o xornalismo foi o xénero cultivado con maior profusión, non foi esta a única produción do Fuco escritor; publicou obras de creación literaria como o libro de poesía Pastorelas ou a novela A fala dos animás; sempre, iso si, cun horizonte principal: a defensa de Galiza e os seus valores.

Pero a intensa actividade desenvolta por Fuco non queda reducida unicamente ao papel escrito, senón que destaca ademais polo seu labor como axitador e promotor do que sería o primeiro movemento nacionalista de carácter independentista: o Comité Revolucionario Arredista Galego, do que foi ideólogo e fundador.

Outra das afeccións de Fuco foi a lingüística. Preocupáballe moito a situación da lingua galega e cría na necesidade de crear un galego culto que dignificase a lingua. Esta preocupación levouno a publicar varias obras que pretendían ser manuais e gramáticas destinados á creación e difusión dunha norma culta para o noso idioma.

Nunha aproximación ao pensamento e á obra de Fuco Gómez, á súa concepción política e social de Galiza e o seu contorno, á noción de iberismo, ao seu proxecto independentista, a distintas cuestións sociais e éticas que suscitou, atoparemos temas que nos van descubrir en certos casos a un adiantado, que formulou problemas que aínda nos nosos días están de plena actualidade.

Iberismo fronte a hispanismo

A gran arela de Fuco Gómez era conseguir a liberación de Galiza fronte á opresión do centralismo españolista, representado pola ideoloxía hispanista. Para combater esta teoría, Fuco reclamaba a idea dos pobos ibéricos libres: eliminar o colonialismo español e substituílo por Iberia, convertida nunha alianza na unión das nacionalidades que compoñen a Península: Galiza, Portugal, o País Vasco, Cataluña, Castela, Asturias e outras: "Os verdadeiros patriotas e demócratas cataláns, vascos e galegos queremos a unidade, laboramos pola unidade, apoiamos todo esforzo encamiñado á unidade dos pobos ibéricos; pero esta ten que ser unicamente nun plano de grandeza para todos e cada un destes pobos, e nunca a base de renunciamentos e de claudicacións por parte dos mellores, e de absorción total por parte de quen carecen de toda virtude cívica e nada teñen que perder na orde moral."

A perigosa teoría da hispanidade

Na súa concepción da igualdade de dereitos entre as distintas nacionalidades, non só do que el chama Iberia senón tamén de América, atopa no hispanismo, ideoloxía emanada do centralismo españolista, un importante inimigo do que debería ser unha convivencia fraternal entre os pobos. Este hispanismo está para el baseado en antigos resentimentos, disputas e malquerenzas. A mentalidade hispanista promove o totalitarismo, fomenta e propaga a oposición e o odio das razas, "eleva cánticos aos desmáns e á política escravizadora de pobos", ademais de provocar o retorno do imperio da arbitrariedade, da intransixencia e do exclusivismo.

A mentalidade hispanista está arraigada, segundo Fuco, non só naqueles políticos ou personalidades de dereitas, senón que tamén nos de esquerdas, que a pesar do seu suposto progresismo, están imbuídos desta tendencia centralista. Pregúntase se non existirá un pacto entre os líderes de dereitas e de esquerdas para que cada un pola súa conta continúen "a mala obra da castelanización dos países ibéricos e de Latinoamérica, e procure evitar que as nacionalidades peninsulares irredentas cheguen a liberarse para sempre da humillante tutela de Castela".

Para Fuco existen tres clases de hispanistas: os "delincuentes profesionais" que cometen impunemente inmoralidades, latrocinios e bárbaros crimes. Os "elementos reaccionarios", vergonzantes e enfermizos "con moitas pretensións de superioridade e sen un átomo de sentido humano", que interpretan sempre as cousas na forma que máis lles convén para os seus innobres propósitos, e os "falsos demócratas, republicanos e socialistas sabotadores de toda causa xusta e patriótica dos pobos ibéricos". Escritores, políticos e profesionais en base ao seu "españolismo" cometen odiosos excesos que son incapaces de recoñecer, nin son quen a eliminar os prexuízos que senten e alentan para con Galiza.

Nunha situación semellante están "algúns titulados galeguistas" que non exteriorizan os seus sentimentos patrióticos, nin recoñecen publicamente que o apropiado para Galiza sería liberarse do xugo español. Estes individuos están afectados por un claro complexo de inferioridade, o que lles impide manter con firmeza xuízos que defendan os intereses do seu país. Outra caste de galegos que "pensan en español" son moitos dos emigrantes que chegaron a constituírse en dirixentes de sociedades galegas, e que fixeron que estas "se desviasen por completo dos fins patrióticos e culturais para que foron fundadas".