Fronte ao cuestionamento social das deputacións provinciais o PP promove a súa revalorización

Fronte ao cuestionamento social das deputacións provinciais o PP promove a súa revalorización

No debate sobre a necesaria racionalización administrativa púxose de manifesto que as deputacións provinciais resultan unhas institucións anacrónicas. As súas funcións deberían ser exercidas pola administración autonómica e polos propios concellos, evitando as actuais duplicidades e propiciando un significativo aforro de fondos públicos. Por certo, esta eliminación xa se produciu nas comunidades autónomas uniprovinciais.

Esta posición defendida desde sempre polo BNG foi ganando apoios sociais e mesmo outras forzas políticas sumáronse a esta reivindicación.

O PP, non obstante, ten en marcha un proceso de recentralización maior do Estado, do que forma parte tamén a potenciación das deputacións provinciais. Co pretexto da crise económica e ao mesmo tempo que se cede soberanía á Unión Europea, estanse invadindo sistematicamente competencias autonómicas como está a denunciar o BNG, por exemplo, en materia de caixas de aforros, de política sanitaria ou de ensino.

O goberno central está tamén a punto de presentar unha reforma do réxime local que limitará as competencias municipais e reforzará o papel das deputacións provinciais, que asumirán moitas das competencias dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta reforma da Lei de Bases de Réxime Local afectará de cheo ao listado de competencias municipais vixente para potenciar as deputacións provinciais. Así, co pretexto de evitar duplicidades, estase a potenciar as deputacións provinciais e abrindo a vía a privatización masiva de servizos públicos municipais.

Nesta liña de xustificacións do papel das deputacións provinciais vai tamén o novo decreto da Xunta de Galiza en materia de servizos sociais deixando os concellos de menos de 20.000 habitantes a expensas da regulación de cada deputación e duplicando a tramitación burocrática destes concellos coa Xunta e coas deputacións. Tamén o protocolo asinado entre a xunta e as deputacións provinciais vai na mesma dirección, propondo un reforzo das actuacións das deputacións con posíbeis achegas económicas da Xunta de Galiza, procurando deste xeito unha xustificación social da súa existencia reforzando o seu papel.

Por estas razóns parece moi oportuna a proposición non de lei que o BNG vén de rexistrar no Congreso dos Deputados instando ao goberno a eliminar as deputacións provinciais. Como xa indicou Francisco Jorquera, chama a atención que o goberno de Mariano Rajoy opte antes por fórmulas antisociais como o despedimento de miles de traballadores públicos, que por abordar a eliminación das deputacións provinciais.

O afán de recortes e de reformas do PP é ben selectivo como pode comprobarse e oriéntase nunha recentralización do Estado, do que as deputacións provinciais son un elemento singular e tamén en cargar sobre o pobo, sobre os traballadores os custes do rescate da banca e da especulación financeira.