Fronte a España fachendosa: Galiza, soberanía, democracia e traballo
Non é saturación futebolística, nin exaltación dos valores do deporte, nin mostras do bo xogo dunha equipa coordinada de persoas, o espectáculo retransmitido por terra, mar e ar, ao que asistimos estes días. Se fose iso, mesmo poderiamos tirar conclusións sobre o positivos que son os esforzos colectivos, e como os individuos, caso de destacaren, fano grazas ao traballo conxunto e coordinado dun grupo de persoas cun obxectivo común, sen o que os méritos individuais ficarían nunha anécdota estéril e inútil.
Neste caso o que se promove é anulación do outro, do que non pensa igual, do que non actúa igual, nin quer ser igual. Unha anulación que se agrava e se volve desprezo e xenreira cando se trata de nacións diferentes á que se pretende facer pasar como única e indivisíbel. Con todo, existimos, e queremos que a nosa existencia sexa sinónimo de dereitos exercidos e recoñecidos.
Radios, xornais, televisións, redes sociais... en toda parte se fala dos valores de España, envexa de todo o mundo. Non lles falta razón. O poder desexa trasladar eses valores totalitarios, mestura de uniformidade, fanatismo, acriticismo, soberbia, prepotencia, desprezo polo diferente... e malia eses valores non teren nada que contribúa a mellorar ningunha sociedade, é claro que España, niso, si que está avanzada.
Non hai pan, mais hai circo universal, obrigatorio e gratuíto. Para entrar só é necesario participar na grande borracheira, convenientemente combinada, para enganar máis os sentidos, con bandeiras rojigualdas, camisetas vermellas que agora substitúen as vellas camisas azuis, e un tabernario a por ellos (ben máis agresivo que o Cara al sol, aínda que menos ridículo que cantar o lolo-lolo constitucional), todo iso patrocinado por entidades bancarias que non se ruborizan ao solicitaren resgates, ou empresas que abertamente aplican as novas modalidades de despedimento gratuíto ou promoven o retraso da idade de xubilación, a baixa dos salarios, o repago, a privatización de servizos...co concurso proactivo e adiantado das institucións e dos partidos de quenda ao seu servizo, que si se escandalizan cando outros cumpren coas tarefas de servizo á sociedade e informan: Resgatan á banca, rouban o pobo.
Ben se ve a quen serve cada quen. Levan ao pobo ao apoio incondicional e sen fisuras non a unha equipa, mais a unhas cores que historicamente representaron e representan, o trunfo da barbarie. Un apoio incondicional que implica a negación do alleo, ou, no noso caso, do propio, da nosa lingua, cultura, da existencia como nación con dereitos. Así se abriu sempre o camiño da submisión e da imposición, por iso non estraña que agora o goberno anuncie unha intensificación da ofensiva económica e social contra as maiorías. Esa é a verdadeira e única España, a da miseria da maioría para lucro dunha cada vez máis minoritaria minoría que agora busca a leximitidade que nunca tivo, non nas armas africanas, mais no resultado de 90 minutos de xogo. A que é tan submisa co forte como arrogante coas nacións que á forza conviven con ela.
Fronte á España fachendosa que gaña tanto no fútebol, como perde de soberanía, non a favor dos pobos que a precisan para vivir con dignidade, mais a favor do conxunto mafioso da banca e o grande capital, as e os nacionalistas, as e os que berramos “galeg@s e só galeg@s”, somos @s que nos afirmamos na soberanía como garante da democracia e do traballo, da igualdade entre as persoas e os pobos, da paz e da liberdade.