Fráxiles nacionalistas
Dicía Jonathan Swift que un partido político non é a tolemia de moitos para o beneficio duns poucos. Nese simbolismo da loucura colectiva tras uns ideais, o nacionalismo galego pódese entender como o paradigma dunha paixón ideolóxica cunha raigame moito máis forte e resistente que a atopada noutras latitudes políticas.
Hai, houbo, e supoño que haberá, fráxiles conciencias dentro do nacionalismo. Débiles convencementos nacionalistas son os daqueles que, amparados tras febles argumentos, saltan a outras opcións políticas que para nada sustentan ningunha tese que se achegue nin minimamente a intereses galegos, nin sequera os que se disfrazan dun remotamente suposto "galeguismo".
Casos hai recentes de cargos públicos, militantes do BNG que abandonan a fronte con discursos de incomprensión, teorías sobre a apertura do nacionalismo, sobre as maldades duns e outros... e poucos días despois derrochan toda esa tremenda coherencia na saída para entraren a desfilar neses proxectos políticos amorfos, sobre todo se é o PSOE, onde todo vale con tal de acadar poder e cargos.
Non hai Sempre en Galiza, non hai nin "Un minuto en Galiza"
Na presente historia do BNG, a día de hoxe, persoas que o representaron e mesmo que din estiveron na súa fundación, non teñen ningún escrúpulo en subirse a outras opcións políticas que nada teñen de galegas, agás o enderezo fiscal por aquilo de podérense presentar ás eleccións no país.
É imposible entender a alguén que algún día se alcumou "nacionalista" e que é quen de integrarse noutros partidos nos que o G está de adorno. Pouca ideoloxía nacionalista tingue a aqueles que poden seguir na práctica política sen ter como obxectivo fundamental os intereses do país dende todos os ángulos. Entendo que alguén se poida ir fóra da organización política na que milita polo que sexa, pero iso non pode significar nun nacionalista, se o é, abdicar do seus principios patrióticos aínda fóra de calquera militancia organizada.
Nacionalismo de cristal
Todo se reduce á fraxilidade do cristal na ideoloxía dos que, aínda tendo unha importante historia no BNG, acaban descubrindo a verdadiera faciana. Non había compromiso co país no seu esquema político. O núcleo ideolóxico está baleiro. Só agroma a veleidade individual de estar en política sexa como sexa e con quen sexa.
O proxecto colectivo do nacionalismo constrúese con moito sacrificio de todos e todas os que o constitúen, é un proxecto asentado nuns fortes alicerces ideolóxicos que deben seguir inamobibles se queremos que siga existindo esta nación. Esforzo, traballo constante, tesón, firmeza, e sempre Galiza. Pode que non sexa fácil pero é marabilloso ter un obxectivo polo que loitar cada día. Por iso, ao mellor é doado entender aos que prefiren menos esforzos, menos tensións. É doado entender aos que prefiren abandonar todo polo que supostamente se arrimaron ao nacionalismo, para teren cadeira de ouro en concellerías, alcaldías, deputacións, parlamentos, etc. Así é máis fácil, si, pero non vale nada.
Esta nación vai ter futuro tamén sen eles.