Francisco Carballo, bo e xeneroso
Non sei exactamente cando coincidín por primeira vez con Francisco Carballo pero é moi probábel que o coñecera no local da Asociación Cultural de Vigo participando nalgunha actividade organizada pola asociación, curiosamente eu entrei na directiva un tempo despois de abandonar el a Presidencia, ou asistindo a algunha asemblea do BNG que celebraba as súas reunións naquel local da rúa López de Neira de Vigo. Co tempo foron innumerábeis as veces que coincidimos en actividades políticas ou culturais, nalgunha das múltiples manifestacións que na década dos oitenta do ano pasado había en Vigo ou nas oficinas de A Nosa Terra.
Ao longo dos anos foron moitas as conversas que mantiven con Carballo e podo dicir que dentro do nacionalismo foi xunto con Lois Obelleiro a persoa que máis influencia tivo en que non deixara de lado o meu gusto pola historia, foron moitas horas escoitándoo falar de historia e tendo que falar eu tamén obrigado pola súa insistencia a que dera a miña opinión, conversas que moitas veces remataban coa recomendación de unha obra que Carballo me dicía que debía ler para formarme antes de despedirse con aquel “estuda que precisamos xente que estude”.
,Carballo deixounos o sábado, era algo que se agardaba desde había tempo pero ese desenlace agardado non deixou de conmoverme, a súa perda deixou un oco en Galiza, o oco dun bo e xeneroso sempre disposto a aportar, a botar unha man como candidato do BN-PG, como presidente da empresa editora de A Nosa Terra, como animador do traballo dun grupo de historiadores que nos permite contar hoxe con obras escritas desde unha perspectiva galega, como conferenciante disposto a desprazarse a calquera lugar de Galiza ou no últimos tempos xa enfermo como membro do grupo promotor de Sermos Galiza.
Alá por 1986 recibín unha chamada na casa de meus pais en Vigo, era Carballo preguntándome se aínda estaba estudando en Pontevedra, díxenlle que si e preguntoume se podía ficar alí unha tarde ao saír da Escola de Maxisterio que había un grupo de rapaces e rapazas entre o seu alumnado do Instituto de FP da Xunqueira e quería presentarmos pois eran moi activos no centro pero precisaban de alguén que lles falara de que había un movemento estudantil e xuvenil galego, preocupáballe que as gañas que tiñan de facer cousas os levara a integrarse nalgunha das organizacións de obediencia estatal que daquela estaban moi activas. A Carballo non lle podía dicir que non, así que aos poucos días concretamos a cita, antes de presentarm@s e deixarme só con el@s tomamos un café e lembro que me dixo que el nas súas aulas faláballes do país, da nosa historia, etc... pero que precisaban de alguén novo coma min para falarlles de organizarse en ERGA; daquel grupo ao que Carballo daba aulas de historia saíron persoas que despois terían importante papel no movemento estudantil e outras que co tempo serían cadros do BNG.
Carballo era así, unha persoa que combinaba o estudo rigoroso coa práctica social e política, un construtor da nación, un bo e xeneroso.