Fragamnesia colectiva


En Chile as novas autoridades gobernativas queren borrar dos libros de texto que houbo unha dictadura de Pinochet. Queren substituír ese termo por réxime autoritario. Xa sabemos ao final o que queren dicir os eufemismos. Non se trata de suavizar o nome. É unha falsificación histórica. A mesma que se está a facer con panfletos masivos na prensa galega e española tras a morte de Manuel Fraga Iribarne. Acompañada iso si tamén de outros corifeos de estómagos agradecidos e moi obxectivos, neutrais e científicos eles.

Curiosamente o político español, Manuel Fraga Iribarne, cando o xuíz Garzón comezou a investigar os crimes de Pinochet, fixo declaracións insultantes tanto para o propio xuíz, como calquera demócrata. Dixo entre outras lindezas de Pinochet que "contribuyó a la normalización chilena".

Miles, como Víctor Jara, están normalizados.

Claro que pode axudar saber que Fraga tivo como xefe da súa seguridade a un membro relacionado coa organización terrorista Triple A arxentina e que asociacións humanitarias dese país pedíronlle a Fraga que testificara no xuízo que investigaba os crimes cometidos por dita organización.

Abrir, como fai algún xornal co titular (aínda que sexa entre aspas) de que morreu "o fundador da Galicia Moderna", é ademais dunha falsidade maiúscula unha gran ofensa a honestidade informativa. Que se poida dicir tamaña barbaridade sen que pase nada, absolutamente nada, indica en que situación nos atopamos. A falta do máis mínimo rigor na análise é a norma actual. Nin saben cronoloxicamente o que din cando falan de Galicia Moderna e moito menos conceptualmente.

Sendo isto un problema grave, que a gran maioría dos medios de comunicación fixeran burdas haxiografías do finado, máis o é que persoeiros da cultura galega se sumen aos corifeos. Unha cousa é ser xeneroso nun momento delicado, incluso sinalar algún aspectos positivos, poucos, que os houbo, é outro moi distinto e terxiversar totalmente os feitos, moitos deles xa históricos, incuestionables. A morte dun ser humano é unha cousa de lamentar é outra moi distinta o laudatorio haxiográfico burdo.

Unha análise ponderada e sosegada da figura política de Fraga Iribarne non pode saltar, para maquillar, feitos de moitísima relevancia para contextualizar un personaxe de tan longa traxectoria política. Fraga que de parvo non tiña nada, soubo adaptarse as circunstancias, segundo lle conviña máis nunca renunciou a súa veta autoritaria e despótica como nunca renunciou, nunca condenou a dictadura que serviu fielmente.

Moitos do que gabaron a traxectoria política de Fraga son como aqueles que denuncia o Isolino de Xaquín Marín: "Pues yo ya votaba por los mismos desde mucho antes de la democracia".

Hai que diferenciar diversas etapas na análise da traxectoria política de Manuel Fraga. Primeiro na dictadura franquista, con dous períodos: 1951-1962 e segundo de 1962 a 1975. A segunda etapa de 1975 a 1981 que podemos denominar como a Transición á Democracia. A terceira etapa é de 1982 a 1989 como líder da oposición no parlamento español cun breve paso por Europa (1987-89) caracterizada pola súa obsesión por ser presidente de España e o seu absoluto fracaso. Finalmente a súa chegada a Galicia, como derrotado na súa política española, de 1989 ao 2005 en que gaña e goberna como presidente da Xunta de Galicia en catro lexislaturas.

Cada unha destas etapas merecen obviamente unha análise profunda e longa que se escapa do obxectivo deste artigo. Mais hai algún episodios nestas etapas que podemos, aínda que sexa a modo de punteo, sinalar.

Durante a etapa da dictadura nos primeiros momentos ocupou cargos de confianza política de relevancia comezando en 1951 como Secretario do Instituto de Cultura Hispánica e seguindo como Secretario do Consello Nacional de Educación e tamén Secretario Xeral Técnico do mesmo ministerio así como dende 1961 Director do Instituto de Estudios Políticos.

No caso galego hai episodios neste período moi negros, por ceñirnos só ao ámbito cultural, para a lingua e a cultura do noso país. Hai está a suspensión dos cadernos de Grial, a censura dura sobre autores e libros galegos. Aí está a Batalla de Montevideo que libraron tamén os nosos exiliados, denunciando ante a Unesco a represión da nosa lingua e cultura, contra os que Fraga despotricou canto puido para desprestixialos dende o a súa poltrona oficial.

Durante a súa etapa de ministro (1962-69) bastaría só citar dende a execución dos anarquistas Degado e Granados en 1963, o asasinato de Julian Grimau en 1963 ata o caso Ruano (1969) pasando pola fortísima censura e feroz represión en todos os eidos. Non cesando despois da súa Lei de Prensa. As multas non eran infrecuentes e os desterros tampouco. No caso das bombas de Palomares mentiu. Oo propio goberno do PP no 2001 recoñeceu 35 anos despois que a radioactividade en Palomares continuaba.

Despois do seu último acto como servidor da dictadura na embaixada de Londres (1973-75) intenta situarse en primeira fila para que o nomeen presidente do Goberno da monarquía de Xoán Carlos I. Nunca soportou que fose Adolfo Suárez o elixido. El como vicepresidente do Goberno e Ministro do Interior foi responsable político dos sucesos sanguentos de Montejurra e Vitoria. Eso si, nunca estaba presente para responder deses actos con mortos inocentes. Sempre (mentira) estaba fora. Aí está o excelente disco de Lluís Llach Campanades a mort contra a desmemoria..

Neste período formou un partido Alianza Popular (AP) cheo de demócratas de sempre, os sete magníficos, aos que o título VIII da Constitución de 1978 parecíalle a encarnación do separatismo. Fraga non foi nestes anos nin sequera un fragamanlis.

Cando se discutía o tema normalización lingüística en Galicia Fraga dixo: "el gallego bien para la poesía pero no para las leyes".

Derrotado unha e outra vez na política española, abandona o liderazgo e vaise como deputado europeo nos anos 1987-89 dos que non sabemos nada da defensa dos sectores productivos da nosa economía.

Coa refundación de Alianza Popular e a conversión en Partido Popular (PP) será nomeado presidente de honra e con moita influencia no mesmo.

,ETAPA AUTONÓMICA

En dezaseis anos de fraguismo (1990-2005) o poder case total que tivo en Galicia non o aproveitou para modernizar Galicia, todo o contrario potenciou o clientelismo e o caciquismo xa omnipresente que con el foi a máis que xa é dicir. Proliferaron os chiringuitos da Xunta, para escapar ao control parlamentario

Durante a catástrofe do Prestige el estaba de caza. E mentiu en todo o asunto. Mentiu ata extremos bochornosos.

Contaba cuns medios de comunicación públicos ao seu servicio exclusivo e do seu partido. Falta de respeto ao pluralismo e as boas maneiras. Non non foi elegante nunca. E maleducado moitas veces. Canda falaba una parlamentaria dicíalle que o único bo era o seu escote. Maleducado e asqueroso.

Cando no 2004 condenaron a un alcalde do PP de Toques, por abusos sexuais a unha menor, dixo que iso era unha "menudencia". O mesmo dicía cando a corrupción política salpicaba ou inundaba a membros do seu partido.

Actitudes semellantes levaran en 1997 a diversas deputadas e a escritora Maruja Torres a enviarlle sendas cartas de denuncia dos seus zafios tropos sexuais.

Que fixo pola economía productiva?. Que fixo cos fondos europeos?.

Modernizouse Galicia con el?. O tema das distintas infraestruturas non pode poñerse nunca no haber de Fraga. O atraso e o retraso si.

Politicamente non podía ver a oposición, pois para el había que exterminala, sobre todo aos nacionalistas. Exterminala, eliminala dicía. Só pensar na palabra arrepía. Da plataforma plural Nunca Máis o máis suave qeu dixo foi que era unha trapallada.

A utilización dos fondos públicos para os seus viaxes de propaganda por América Latina foron recurrentes.Recordemos que foi Fraga quen ordenou pagar os cheques en man para as axudas asistenciais aos emigrantes (Orden 31 de xullo 2002)

Qué relación tiña Fraga con Villar Mir, o dos encoros do Xallas e Ferroatlántica así como a mina Serrabal. Como se xestionou iso?

Como con Tojeiro e Reganosa?. Como se compraron os terreos do solar de Reganosa e que facía aí o conselleiro de Fraga e do PP José Antonio Orza, socio de Tojeiro? Houbo un pacto secreto da Xunta de Fraga para garantizar a rentabilidade de Reganosa?. Mirese o convenio asinado por Fraga o 20 de xullo de 2000, incluida a súa clausula de confidencialidade..

A Xunta de Fraga comprou no ano 2000 un lote de libros ( J.L. Beceiro, La mentira historica desvelada) no que se nega o holocausto. Ese libro ten prólogo de Manuel Fraga Iribarne.

As delaracións de Fraga acerca do franquismo provocou un manifesto de máis de 300 intelectuais rexeitando a súa opinión e actitudes fascistoides (xuño 2000).

Fraga como ben dixo Manolo Rivas foi un okupa dos medios de comunicación, prehistorico e berlusconiano.

Para el o fundamental era a amnesia. Reclamou públicamente varias veces a defensa da amnesia. Dicía: olvidar, olvidar. A Lei de Memoria Historica para Fraga era un disparate.

E moi paradóxico, mentras se suceden os actos de glorificación de Fraga o xuíz Garzón esstá sendo xulgado por querer investigar os crimes do franquismo. Onde a defensa de Fraga dos miles de galegos víctimas do franquismo?

Onde está a defensa de Fraga do galegos que foron víctimas de Pinochet, Videla e demais amigos da Operación Cóndor? Xa non digamos dos galegos de Mathausen e outros campos de concentración nazis. Onde está a defensa dos pais galegos que padeceron o secuestro e roubo de nenos. Hai máis de 1.400 expedientes nos xulgados e Fraga nunca condenou iso nin facilitou a investigación.

Polo que se refire a cultura galega cometeu moitas veces o delito de apropiación indebida como sinalou atinadamente Celso Emilio Ferreiro. No caso da Cidade da Cultura no Monte Gaiás trátase dun monumento a estupidez e megalomanía, iso si con cartos públicos. Non, non. Non foi nunca un bo e xenereso para Galicia.