Fraga: xenio e poder


"Eiquí quen manda é Roque e Roque son eu." A bo seguro que Fraga (D. Manuel) ten asumido dende fai moitos anos este lema como principio básico dun bo Goberno e relataría unha brillante conferencia para desenrolalo. Engadiría, en todo caso, ao final de tan usual refrán aquel carimbo propio del. "E punto." Ou "E non se fale mais."

Como si se tratase dun pacto de cabaleiros, quita hoxe a relucir Xosé Luís Barreiro, unhas pautas de comportamento de Fraga como si nun contrato estivera escrito: "Deica que eu morra non o contarás". Confesa, como non, Barreiro unha historia de amor e desamor político, contado con certa diplomacia, pero sen ocultar que o principio de autoridade de Fraga era piramidal, rectilíneo e unipersoal. Que Fraga se sentiu moi agosto coa ideoloxía e sistema franquista e que se adaptou a unha democracia formal, sobre todo porque era formal, e o equilibrio cos poderes fácticos permitíalle manter a súa parcela.

E xusto recoñecer a habilidade e sabedoría de Fraga para tres cousas:

- Saber onde está o Poder, con maiúscula; non so como grupo ou grupos de presión, senón tamén detectar onde está personalizado.
- Controlar e manexar maxistralmente a información e a propaganda. Tanto a que lle era favorábel, como a que lle podía prexudicar. Saber cando tiña que falar ou tiña que calar; ou cando tiña que poñer a xente a mirar para outro lado.
- Manter a cota máxima de ambición política sen dar traspés que o deixaran no camiño.

Tense por costume dicir, e sobre todo cando morres que "na súa vida houbo luces e sombras". Na maioría dos casos iso é unha simpleza, e na de Fraga mais. Iso dise dos que andan a cambiar de rumbo ou ideoloxía. En Manuel Fraga nunca se deron estes cambios e el mesmo o deixaba continuamente de manifesto. O único que fixo foi ir recoñecendo as épocas climáticas e ir protexéndose coa roupa adecuada, pero sempre vestiu a mesma chaqueta. Quitouna algunha vez porque subira moito a temperatura...

Houbo metas e obxectivos políticos que non deu acadado porque eran imposíbeis ou moi difíciles. Puido estar no lugar no que estivo Aznar, pero a Europa non se lle facía soportable que pervivira nas cúpulas do poder político ninguén que estivera nesas mesmas cúpulas en calqueira ditadura fascista da Europa que remataba de superar cunha grave desfeita o gran conflito contra unha das expresións mais salvaxes do capitalismo. Era un problema de imaxe, non de ideoloxía. Un deputado do BNG que se lle adiantou en morrer, Rodríguez Peña, deixáballe caer, coa grande amabilidade que il tiña, esta reflexión nos debates parlamentarios -cun elevado nivel político, por certo-, dos anos noventa.

De todos é sabido que Felipe González colaborou e procurou facer o posíbel para que a ambición de Fraga para obter unha presidencia fose trasladada dun Estado-Nación, España, a unha Autonomía "entre las humildes gentes de la Región del Noroeste". "Ao lado dos meus paisanos", que diría D. Manuel.

A pesar de que Fraga pola idade e por ter pasado épocas de opresión e conflitos, nas que participara, estaba curado de espantos, tivo que soportar dúas situacións que nunca estiveran no seu horizonte. Dunha ten falado, da outra loxicamente non: Que o BNG estivera no Goberno Galego e que a Cidade da Cultura rematase na chapuza e malgasto en que rematou.

Escribiranse libros, máis da súa personalidade e liderado que das súas teorías políticas, e serán moi diferentes uns dos outros segundo queiran recorrer ao rigor histórico ou non. E sobre todo tratándose dun político tanos anos en activo e en dúas épocas con formas tan diferenciadas de exercer o poder, que terán que facer mais equilibrios que fixo el na Xunta para darlle coherencia.

Dende as fotos con Franco as fotos hai un longo percorrido. Pódese percibir hoxe mesmo nun xornal galego que presume de demócrata e progresista como non aparece unha das máis importantes etapas da vida onde desfrutou dun poder sen trabas e exerceuno con quen o exerceu e contra quen o exerceu.

Alguén estudará no futuro, xa non so por estudar a figura de Fraga, senón polo interese que ten para Historia de Galiza os artísticos equilibrios que foi capaz de manter entre os peritos de Romai e os de Cuíña, por personalizar -que andaban sempre a cambiar os marcos- ou entre a Sacra Obra de Madrid e os peliqueiros das deputacións galegas.

Non lle tiña demasiado medo, pero tampouco soportaba manifestacións e protestas. Foino soportando pouco a pouco nunha etapa na que o nacionalismo estaba moi activo e encaixou como puido tractoradas, o Prestige ou as vacas tolas. Inda que de cara a fora disimulara el interpretaba as protestas sociais como desorde, rebelión ou desestabilización. A súa concepción política era elitista e clasista, inda que el, con moita habilidade, negara a existencia das clases sociais.

O seu populismo era a súa grande arma popular, debidamente respaldado pola prensa. Coñecía a perfección as ideas e os sentimentos dos galegos. Nunca lle sobrou ao lado Cuíña, outro gran coñecedor da psicoloxía de masas dos galegos, e con quen teño mantido conversas dentro e fora da tribuna case sempre sobre o mesmo tema. A súa tese era que daba o mesmo que os do BNG tiveramos razón ou non, a xente de Galiza era conservadora e rural e nós urbanistas e moi abstractos.

Que Fraga fora respectuoso e cumpridor no Parlamento non quere dicir que entendese o Parlamento como instrumento ou foro de debate moi aberto. El sabía moi ben onde lle podían mancar, e toda liberdade de expresión que mancara pechábase ou cercábase. Aínda desfrutamos dunha Televisión Galega na que se foi pechando calquera facilidade de debate democrático ou manifestación seria da cultura galega. Controlar a Televisión era moito máis importante que controlar o Parlamento. De feito deixou un herdeiro nela que non sabemos si se xubilará antes el ou Manolo Escobar.

O tempo irá aclarando situacións duras nas que Fraga tivo que pasar e que viñan impostas polas forzas de Madrid e que a Cuíña, Baltar ou Cacharro lles houbera gustado figurar como máis galegos. Un caso destes foi o da "guerra do Fletán" onde parece que Cuíña o convenceu de apoiar unha manifestación e ir ao Obradoiro reclamar xustiza. Os nacionalistas fomos áxiles e acoplámonos a festa. Anulamos os altofalantes a berros e aproveitamos para recuperarnos das intensas campañas nas que nos asimilaban ao terrorismo para desfacernos a figura. Aquel día recordámoslle a Fraga só unha etapa da súa vida, pero con intensidade.

Tamén se deu noutra ocasión na Vª lexislatura nun debate dos orzamentos unha resposta moi forte na que iamos subindo ao estrado para defender as distintas emendas aos orzamentos, os dezaoito parlamentarios nacionalistas, orixinado por unhas acusacións abertas de Fraga de terrorismo contra o BNG. Algo así non era gratuíto, respondía a algunha estratexia. Pero en calquera caso, non lle tivo efectos positivos. Palabras como Julián Grimau, Gasteiz, Montejurra... só as escoitei aquela vez en 12 anos.

Tocoume un par de debates nos que interveu directamente o Presidente da Xunta, unha porque atopei o recibo da cota empresarial do seu pai sen pagar e outra porque lle copiei unha moción, tamén da cota empresarial a Cacharro e a sometemos a votación. No primeiro caso aprendín como controlaba a información. A nota de prensa que a oficina do Grupo Parlamentar do BNG entregou a 16 medios cunha fotocopia do recibo non saíu en ningún. Ese día debeu aplicar non a lei que fixo con Franco senón a anterior. E o da moción copiada a Cacharro para dicir que non votaba pola moción do BNG senón que, en realidade, votaba pola de Cacharro. Nun caso para defender a súa honra manifestando que el nunca defraudara a Facenda pública e no outro para defender o bo entendemento con Cacharro.

Estivemos, iso si, diante dun persoeiro moi singular e destacado e que deixa unha marca na historia de Galiza. Só queda, por cortesía e educación, darlle o pésame a familia.