Fraga, candidato fracasado en Madrid e ministro de Franco en Galiza

Fraga, candidato fracasado en Madrid e ministro de Franco en Galiza

A Fraga botárano de xefe da oposición en Madrid, os do seu propio partido. Queimara todos os recursos: os aldraxes contra os nacionalistas, contar chistes nas Cortes, ir de entrevistado a programas de humor, renovar por idade o que il mesmo chamaba "o goberno na sombra". O voto non daba chegado. "O xefe é o mellor, pero non o votan porque mete medo", dicían os seus.

Fraga sabía a verdade: "Non me negan o voto a min, néganllo a Franco". Outros candidatos formados coma il no Estado de Excepción, marcaban distancias coa Ditadura; pola contra, Fraga buscaba un "franquismo sociolóxico", algo parecido a un peronismo sen Perón. Repetía que acabarían subindo a Franco aos altares. Unha canonización da que, se cadra, tocáballe algo a il como lle pasara ao can de San Roque: fora voluntario na masacre de Vitoria, onde daba ordes á tropa dende o Goberno Civil mentres espallaba o engano de que se atopaba en Bonn; defendera a tortura e o asasinato de Julián Grimau, as tundas aos mineiros folguistas de Langreo e a rapa das súas mulleres; falseara un perfil de suicida para o estudante Enrique Ruano, deitado polos gardas dende un quinto piso; ordenara unha malleira de madrugada, case mortal, para José Antonio Novais polo delito de ser correspondente de Le Monde despois de ser ameazado polo poderoso ministro en barulleiras conferencias de prensa; dinamitador do diario Madrid e responsábel de suspensións e multas insuportábeis contra 550 publicacións.

Cando alguén recordaba estas medallas, o seu gabinete protestaba: "É o seu carácter que o traizoa, pero é honrado a carta cabal". Habería que lembrar a man larga coa que saldaron o Sáhara nos "Acuerdos de Madrid". Non unha industria do INI cedida a un banco, non un daqueles contratos surrealistas do BOE franquista, senón un país enteiro. Fraga presidía a mesa de liquidación.

Non é que o Estado enteiro lle coubera na cabeza, como aínda repiten os seus, senón nun ficheiro do CESID sobre o que tiña goberno privado. Fraga creou un goberno paralelo dependente deste arquivo privilexiado. Estaba mellor informado ca o entorno de confianza de Franco. Aínda así, o Ditador utilizouno e despois entregoullo ás alimarias do Opus Dei.

Manter esta rede privada de información non le producía votos. Por fin Romay Beccaría propuxera buscarlle un acubillo en Galiza. Antes, cando xa estaba queimado como candidato para a Moncloa, ofrecéranlle a Alcaldía de Madrid pero el acabou coa reunión con lanzamento de cinceiros e grandes voces.

Por fin díxolle ao seu partido: "Irei a Galiza cunha condición: quero maioría absoluta". Unha maioría que el mesmo coidaba imposíbel na carreira á Moncloa, parecíalle doada en Galiza. A súa proposta consistía en preparar unha saca con 850 votos de emigrantes en Venezuela que ap0licados ao exiliado censo de Ourense, prometían 4-5 postos de seguridade sobre os inquéritos. De feito, Fernando González Laxe, candidato do PSOE, tería gañado a elección de non faceren o truco de Ourense. José María Cuevas, presidente da CEOE, garantía a Fraga una campaña sen límite de gasto a cambio da subvención pública do eucalipto e o bloqueo indefinido do Plano Forestal, anunciado polo PSOE. Una pavorosa campaña de lumes cargaba de pólvora la campaña do ministro de Franco contra os seus adversarios y estendía enormemente a especie ignífuga cobizada pola CEOE.

O voto anómalo dos presunto emigrantes de Venezuela por Ourense en 1989, mantivérase na páxina electrónica do PP até que alguén do propio partido comprendeu que, ao non repetirse, constituía un recoñecemento de pucheirazo ante que un trofeo electoral atribuído ao xefe.

Os fondos del FEDER facilitaron a Fraga sucesivas campañas millonarias con informativos e portadas comprados, transporte masivo de votantes de idade e novas utilizacións do voto emigrante. Un acta de deputado autonómico da esquerda custaba cen veces máis votos que un escano do PP.

Fraga no citou nunca en Galiza a palabra Democracia. Acaso cabía esperar outro discurso dun ministro de Franco e de Arias Navarro que adoitaba fachendear da súa biografía de fascista? A modernización proposta para Galiza foi, de feito, unha grande privatización con comisións ara o partido. O clientelismo da Restauración foi reconstruído con prensa de tendencia única, contratas millonarias, deserción do Parlamento autonómico. A recuperación do idioma propio de Galiza, obxectivo central do Estatuto de Autonomía, foise virando nunha casa de bruxas do profesorado galego-falante.

Galiza ten hoxe o índice de paro e emigración da mocidade máis elevado da UE. A poboación é a máis envellecida do mundo. O nível de asistencia sanitaria pública e as pensións son as máis baixas de todo o Estado. Os medios de comunicación privados e os do Goberno Autonómico están ao servizo do Partido Popular. Nun ano, pecharon todos os medios escritos de información diaria en Galego: tres periódicos e tres sitios electrónicos de referencia.