Forestal ou monte: cuestión semántica ou política?

Forestal ou monte: cuestión semántica ou política?

Cando a veciñanza comuneira defendeu, no debate da vixente lei de montes de Galiza, que os termos forestal e monte, non eran sinónimos , non estaban a propoñer unha cuestión semántica ou lingüística. Estaban a propoñer unha cuestión política. Porque o forestal é soamente un dos diversos aproveitamentos do monte.

É que o monte veciñal en man común, nin sequera é sinónimo de bosque. Dise que bosque é un terreo con capa vexetal ou un terreo con elevación. O monte veciñal en man común pode ter capa vexetal ou non, pode ter elevación ou non. Historicamente, o monte veciñal foi solo rústico non dedicado permanentemente ao cultivo agrario. Hoxe, monte veciñal ten que ser solo rústico onde se deben dar diversos aproveitamento (Por certo, esta achega da veciñanza comuneria, tampouco foi aceptada no debate da vixente lei de montes de Galiza).

Segundo se empreguen os termos monte ou forestal , a política de montes será radicalmente distinta. Política forestal ( a que leva adiante o actual goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza), é a que entende que o único uso do monte sexa o forestal. Pero nin sequera un uso forestal diversificado, que sería o que xeraría plusvalías na industria de segunda e terceira transformación da madeira. Senón un uso forestal en réxime de monocultivo forestal con especies de crecemento rápido. Eucaliptus para fornecer as pasteiras e eucaliptus para os cultivos enerxéticos.

Política de montes será aquela que coloque as bases para acadar un monte multifuncional e sustentábel. Un monte no que se cumpran as funcións produtivas, sociais e medioambientais. Un monte no que se poñan en valor, de xeito compatíbel e interrelacionados, os diversos usos das tres funcións. Un monte, en definitiva, axustado ás demandas dos seus titulares e ás demandas das maiorías sociais da nosa nación.

Unha plasmación práctica, negativa para a veciñanza comuneira, de que os termos forestal e monte, non son sinónimos, atopámolo, a día de hoxe no pago das axudas da Política Agraria Común (PAC), pola superficie dedicada ao aproveitamento gandeiro nos montes veciñais en man común.

Para o cobro de estas axudas, ate o de agora, soamente había que demostrar que nos montes veciñais, o aproveitamento gandeiro nos montes, dábase mediante pastizais, pasto arbustivo ou pasto con arbores.

Dende este ano, a Unión Europea (da que forma parte Galiza, para o cobro da axudas esixe que o terreo, no catastro ou no sixpac , non figure clasificado como forestal, ou que entren nos novos parámetros de admisibilidade (máximo 100 arbores por hectárea ou 50% de vexetación herbácea).

Estes criterios amosan un descoñecemento total da gandería galega por parte dos que deseñan as axudas da PAC e da figura dos montes veciñais en man común onde existe un uso silvopastoril que combina a presenza do arborado co aproveitamento gandeiro. E amosa tamén o pasotismo consciente dos nosos gobernantes en non defender as singularidades da nosa Terra.

Debido a estes novos parámetros, centos de hectáreas de monte veciñal (maioritariamente no centro do Pais), quedarán fora das axudas da Política Agraria Común (PAC). O que significa o remate de este tradicional uso gandeiro que permitía un aproveitamento integral do monte veciñal, que contribúe de maneira eficaz e a posta en valor do rural galego. Tamén significa o remate do medio de vida de moita veciñanza comuneira. Que tiñan o seu medio de vida na actividade gandeira e que para elo precisan ter como base territorial das súas explotacións, o monte veciñal.

Se os termos forestal e monte son sinónimos, porque os defensores do termo forestal ( goberno da Xunta de Galiza, empresarios madeireiros e forestais e asociacións forestais ), non acepta que se substitúa o termo forestal polo termo monte?. Total, se son sinónimos, como din eles, que máis dá.

Mais non o admiten. Eles saben (como sabemos nós), que usar un termo ou outro leva a facer unha política de montes a favor das multinacionais madeireiras, ou a facer unha política de montes a favor da veciñanza comuneira e das maiorías socias da nosa nación.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.