Financiamento Local
A espera dunha nova e eficaz Lei de Facendas Locais dous son as tendencias imperantes no que se refire ao problema do financiamento das nosas Entidades Locais. A primeira tira polo camiño dun aumento da presión fiscal nos municipios, con partidarios entre cátedras universitarias alonxadas da realidade, e a segunda vai pola modificación da participación nos ingresos do Estado e da Xunta, unido a unha acaída distribución de competencias que remate coas impropias que desenvolven os concellos e que non teñen financiamento dimensionado ou mesmo carecen del.
Reclamar como solución ao financiamento local un maior esforzo fiscal aos concellos cando no Estado se soben todos os impostos habidos e por haber, cando o poder adquisitivo baixa escandalosamente, cando @s parad@s se incrementan ate límites non soportables por calquera sociedade, parece cousa de broma. Certo é que, por motivos populistas e electorais, nalgúns dos nosos concellos non se cobraban determinado tipo de impostos, pero non é menos certo que isto xa se converteu en mera anécdota. Temos que lembrar ademais que o esforzo fiscal é un dos parámetros utilizados para o reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE), é dicir que cantos máis impostos cobres maior coeficiente tes ao entrar no reparto. Iso que pode parecer lóxico para impoñer un certo criterio de solidariedade fiscal entre as administracións (cobrar máis impostos ten custo electoral) convertese nun efecto perverso xa que non todos os concellos son iguais e non todos teñen no seu termo municipal as mesmas empresas, o que fai que a súa cotización inflúa poderosamente no que “poden” recadar uns e outros. O concello que ten a sorte de ter unha gran empresa no municipio, recada por esta apreciablemente e ademais ve o seu coeficiente de esforzo fiscal incrementado polo que chega ao reparto en vantaxe.
É preciso unha reforma da Lei de Facendas Locais que ataque atinadamente o problema e o solucione, tamén unha Lei Estatal, aínda que aí o asunto mete medo pois nunca unha Lei Estatal tivo en conta as particularidades de Galiza e pode ser peor o remedio que a enfermidade. Fálase de reducir o número de concellos, pero iso non é problema galego senón doutras comunidades que teñen un considerable número de entidades por debaixo de mil habitantes e mesmo por debaixo de cen. Non hai que entender o reparto de Fondos do Estado como subvencións, son Fondos pagados por todos para que se desenvolvan os servizos correspondentes, que moitos moitos teñen que ser proporcionados polos concellos e polo tanto deben de ter a súa correspondente asignación económica. Ese reparto faise atendendo a uns criterios que prexudican enormemente a Galiza. O primeiro e máis importante é a poboación e aquí atopámonos coa dispersión poboacional galega. Non é o mesmo prestar un servizo nun lugar onde a poboación, aínda que sexa moita, estea concentrada, que en Galiza que está distribuída de xeito espallado por cuestións territoriais, históricas ou do tipo que sexan. Obviamente a prestación deste servizo é moito máis cara aquí que en outros lugares do Estado. A extensión do territorio é outro criterio pero non é xusto porque podes ter moito territorio pero sen poboar e do criterio do esforzo fiscal xa falamos. Precísase un cambio no modelo no que se introduzan como criterios a dispersión da poboación, Galiza ten tantas entidades de poboación como o resto do Estado xunto, e o envellentamento da mesma, outra característica galega, que provoca que os custos de prestación de servizos se dispare.
No reparto dos Fondos da Xunta, o chamado Fondo de Cooperación Local, enténdese que no escenario actual de minoración nos ingresos da Administración, suporía un grande esforzo incrementalo pero a solución está na man da Xunta. Existen subvencións finalistas de tremendo esforzo administrativo (en tempo e cartos) polo complexo, para os concellos, con prazos surrealistas que as veces parecen feitos para beneficiar a “avispados” (ou hai que dicir “avisados”) e que non compensan o esforzo. Subvencións moitas veces utilizadas pol@s conselleir@s de ferramenta política para tecer redes clientelares e repartir favores que logo te cobras. Estas subvencións terían que ser suprimidas e pasar a incrementar o Fondo converténdoas en non finalistas. Existe ademais un Fondo de Compensación Ambiental, derivado das instalacións de enerxía eólica, que ten unha distribución absolutamente absurda: 50% para a Xunta que logo reparte en concursos de concorrencia competitiva entre os concellos, e 50% para os concellos do que o 70% vai para os que teñen instalacións. O lóxico sería incrementar o FCL coa totalidade do Fondo de compensación ambiental, máxime tendo en conta que determinados concellos non poden soportar, e si deben ser compensados pola minoración correspondente de ingresos, instalacións eólicas xa que forman parte da Rede Natura.
Como xa foi comentado antes, ademais cada concello é un mundo e ten unhas características especiais que fan que non sexa posible a homologación con outros. Os que teñen a sorte de albergar grandes empresas (e cobrar impostos por elo) e os que non, os que son do interior e os que son da franxa atlántica, os que forman parte dunha area metropolitana e os que non. É dicir que a solución non pode ser global senón que debe atender ás particularidades específicas.
Quizais o único punto no que se podería estar de acordo en aumentar o esforzo fiscal sería en facelo a través do establecemento de novos elementos impositivos como pode ser a utilización do espectro radioeléctrico (ás operadoras de telefonía móbil), os caixeiros exteriores das entidades bancarias, incrementando a presión impositiva as desvergonzadas compañías eléctricas, etc.
A solución por suposto non pasa por reducir o número de concelleir@s, a gran maioría non cobran, nin por converter aos concellos menores de vinte mil habitantes en meros entes administrativos dependentes da Deputación correspondente, que é a que che tocou en sorte, e que si a que che tocou é do interior pois vas apañado porque axudas e servizos brillan pola súa ausencia. Non é converter á administración local en culpable do déficit do Estado, acusación inxusta e de todo punto mentireira: o endebedamento da administración central é do 76,4% do total, a das CCAA do 18,1% e a dos entes locais do 5,5% e dista porcentaxe grandísima parte corresponde á cidade de Madrid.
Para remate comentar o tema das competencias impropias, que supoñen a cuarta parte do gasto dun concello. É dicir competencias en sanidade, ensino, servizos sociais, emerxencias, normalización, entre outros, que non son da administración local e que non teñen outra que desenvolver se queren que os veciños teñan a atención que precisan e demandan aos que teñen máis cerca (aos concellos). Estas competencias son moitas veces introducidas con trampa pola Xunta que subvenciona a creación destes servizos, para logo ir diminuíndo á súa apartación para acabar quitándoa na totalidade, deixando aos concellos có servizo creado, que non é da súa competencia, e que non pode pechar polo que suporía para a veciñanza carecer del. Estas subvencións crean un problema engadido pois chegan mal e tarde provocando problemas na confección dos orzamentos, no cumprimento dos mesmos e mesmo incertidumes de saber se van a chegar ou non, derivándose en continuos problemas coa Intervención.