Festa da exención dos foros en Seixalbo

Festa da exención dos foros en Seixalbo

Recuperouse parte da historia: a andaina dun grupo de 133 veciños que no 1839 foron a xuízo contra o bispado e o Cabido da Catedral para lograr a eximición dos foros. Vinte anos despois, no mes de xullo de 1859, os veciños e veciñas de Seixalbo deixan de pagar as rendas.

Pasaron xa catro anos daquela primeira celebración. Na actualidade unha das rúas leva o nome do impulsor deste preito, Fernando Freire Carril. Tamén unha placa lembra a casa onde habitou.

O primeiro sábado de xullo os balcóns das casas aparecen engalanados e os seus habitantes ataviados con roupas de mediados do século XIX. Unha obra de teatro na que participan varias xeracións representa esta parte da historia.

Sei, que as xeracións vindeiras, non terán que agardar a coñecer esa parte da súa vida pasada para poder recoñecerse con máis autenticidade, porque para os máis novos, a historia converteuse, xa, en tradición.

A artífice da recuperación e posta en valor deste pedazo do pasado, é, como tantas outras agrupacións que xa fan parte do labor da nosa recuperación como Pobo, a Agrupación Cultural Agromadas, sen esquecer a Asociación Irmandiña de Seixalbo e a A.VV. San Breixo.

Pasarán anos e un pouso colectivo arrecenderá nas roupas que un día de verán, serán lucidas. Nada importa que estes actores e actrices do primeiro sábado de xullo, nunca obteñan un premio a súa excelencia artística, nada. A súa función é outra.

Nada importa que no mundial de fútbol se xogue ao fútbol, nada. Tamén é outra a súa función: Inocular simboloxía e exaltación colectiva. Non creo que moitos dos que hoxe se envolven na bandeira española, os mesmos que celebraron a vitoria desta selección hai un par de anos na Eurocopa, fosen quen de manter un posicionamento coherente e dignificador cara esa selección da que hoxe até dirán que xogan ben os masaxistas, porque afición española e fume é case o mesmo.

Hai outras cousas que si importan. O asentamento cada vez maior dunha simboloxía que nos é allea e unha exaltación colectiva, inusual noutros casos. Semella que canto máis se ignora a procedencia dos símbolos máis doado é caer na exaltación colectiva.

Hai anacos do noso pasado que petan nas arcas da memoria. Devolvelos ao presente é laborioso, mais tamén gratificante. As placas dos nomes das rúas, as representacións de teatro amador...son os mellores símbolos do pouso colectivo.

É por iso polo que debemos xestionar a ilusión e non claudicar diante da exaltación.