Ferreiros dun mundo mellor

Ferreiros dun mundo mellor

Rematou o curso escolar e nestes primeiros días de descanso volve á memoria todo o traballo feito nas aulas. Imos repasando os obxectivos acadados, os que quedaron polo camiño, os éxitos, as frustracións e xa empezamos a debuxar eses novos proxectos que queremos por en marcha embarcando a todo aquel que se poña a tiro.

No medio de todo ese fervedoiro mental agroman os malos momentos, que neste curso 2009/2010 foron moitos. A desesperanza e o derrotismo esta a se apoderar do sector do ensino, outra hora combativo e transformador. Somos como barcos desarborados á deriva, con rumbo descoñecido. Rectifico, descoñecido non, sabemos ben cara onde nos queren levar. A teima ven de vello, e si alguén pensaba que aqueles tempos de loita e reivindicacións remataran, substituídos por modernas negociacións calladas de termos como competitividade, eficacia, optimización, avaliación sistémica, cambios estruturais...(dos que descoñecemos o seu significado real pero que cando alguén os pronuncia pónsenos a pel de pito) estaba trabucado. Estes novos tempos veñen famentos de xentes loitadoras e con ideoloxía. Quérennos papar.

Adurmiñada nas sestas lembro a mestras como Pepa Baamonde, represaliada no ano 1983 (hai catro días) por dar as aulas en galego. Lembro a moitos homes e mulleres que deixaron vida, traballo e ilusión para que o ensino gozara do noso idioma con algo de dignidade e pouco a pouco fora abrazando a xentes coma min, criadas no auto odio e na submisión.

Debémoslles tanto! E por iso, por esa débeda, temos a obriga de seguir loitando con forza. Espertar conciencias, como antes, militar activamente sen complexos, con argumentos, con astucia, con sabedoría.

Rexeitaremos os libros de texto en español e cando nos pregunten diremos que non estamos dispostos a fomentar a ignorancia, que a primeira lección das nosas programacións é a auto estima e que un pobo só progresa se sinte orgulloso de quen é e do qué representa, protexendo a súa cultura e ós seus devanceiros. Se é capaz de transmitirlle ao resto do mundo o seu saber. As crises con orgullo de seu son menos crises.

Ensinaremos a formación das montañas galegas antes que as dos Andes, a biodiversidade das nosas rías, montes e rios antes que o Amazonas, a literatura galega, en galego e noutros idiomas, artistas, címema, músicos, coplas, investigadores e investigadoras, empresas de biotecnoloxía, construción naval, acuicultura...En fin, tantas e tantas cousas que teremos que inverter todo o tempo dispoñible en facer os nosos propios materiais didácticos, desbotando xa para sempre eses malísimos libros de texto (salvo unha ou dúas excepcións) cos que martirizamos ao alumnado, cheos de erros tanto nos contidos como nas traducións. Xa está ben!.

Rematou o tempo de mirar para outro lado. O profesorado debe coller o temón do ensino, do seu traballo. Basta de contos que sabemos que son mentira. Un idioma estranxeiro non se aprende a través das matemáticas. Un idioma apréndese nun entorno normalizado e en inmersión lingüística. A barreira que separa ó inglés do ensino non é o galego senón o español. Todo está en español, non hai espazo para nada, nin para o galego nin para outro idioma. Finlandeses, daneses, polacos...dispoñen do seu propio idioma e como segundo o inglés. Nós temos o español que é como o fume, chega a todos os recunchos. Os profesionais do ensino somos especialistas nas nosas áreas e non en idiomas estranxeiros, que podemos dominar para o noso gozo pero que se usamos para as aulas teríamos que sacrificar, entre outras moitas cousas, o sacrosanto nivel educativo. Que contentos estarán eses pais e esas nais cando escoiten recitar a súa filla de catorce anos a táboa de sete en inglés!. A do oito e a do nove pasarían para o bacharelato.

Hai que tomar o mando xa. É unha inmensa responsabilidade pero non podemos pasar á historia como a "xeración mellor formada" que non foi quen de protexer nin o país nin as seguintes xeracións do roubo cultural e da identidade. Somos os herdeiros dun tesouro e temos que sabelo administrar.

Traballo e compromiso. Superación da inmensa soidade que sentimos moitos e moitas nos nosos centros de traballo. Donos dos noso destino. Transmisores da cultura, do idioma, do coñecemento propio. É o que toca. Deixémonos de lamentos e mans a obra.