Feliz 2014?


Rematou 2013, o ano da recuperación económica para a propaganda oficial, mais podemos afirmar que Galiza está en posición de saír da crise? Non gosto de ser auga-festas porén, por respecto ás miñas conviccións e á verdade, coido que sería falaz e mentireiro avalar semellante tese. Non é cuestión de principios, senón de mínimo respecto pola realidade. Vexamos algúns datos:

- Un de cada catro galegos está no paro. A tendencia indica que desde que goberna o PP, o paro medrou máis na Galiza que no conxunto do Estado. Nunca houbo tanta xente no paro desde que temos estatísticas.

- Na última década emigraron máis de 120.000 mozos e mozas galegas, dos cales 40.000 eran licenciados. Esta é unha das causas explicativas de que a taxa de paro galega sexa inferior á media do Estado Español.

- Na Galiza 650.000 persoas viven por debaixo do umbral da pobreza, segundo Unicef a quinta parte dos menores viven nun fogar pobre.

- Somos un dos territorios máis envellecidos do mundo e perdemos poboación.

- O gasto social na Galiza é dos máis baixos do Estado, que á súa vez é dos máis baixos de Europa. Segundo un recente estudo do Ministerio de Facenda, o gasto social descende do 66,3% ao 60,5%. Galiza ocupa o posto número 12, das 16 comunidades autónomas citadas no informe.

- Na Galiza tiñamos antes da crise dos salarios máis baixos de todo o estado. No 2012 lideramos a baixada dos soldos dos traballadores e traballadoras. As retribucións caeron un 3,1% na Galiza, fronte a media do 0,6% do estado.

- ....

Son só algúns datos que desmenten a propaganda e certifican a situación crítica que hoxe vivimos. O certo é que neste ano perdemos moito. Perdemos o noso sistema financeiro, vendido a prezo de saldo á banca estranxeira. Pecharon numerosas empresas. O sector naval, continúa na UCI sen signos de recuperación. Pesca e agro, continúan coa sangría, mentres cada vez consumimos máis o que outros producen...

Deséxovos de todo corazón un ventureiro e feliz 2014, mais poderá ser con estes vimbios?