Feij009, Galiza 0
O 1 de marzo estamos de aniversario en Galiza. O Partido Popular gañou as eleccións hai un ano. O goberno da Xunta, con esa nova xeración de dirixentes extremistas, ve como lle apagan desprezativamente as súas velas desde o Goberno do Estado e desde os sectores nos que asentou o seu discurso ideolóxico-electoral (dixen ben, os que gañan eleccións teñen e venden ideoloxía). Un ano con balanzo neto cuantificábel Feij009, Galiza 0.
En tempos de crise convén aínda máis separar as pallas do grao no debate político. Canto custa un quilo de peras? Sería pregunta exitosa de "Teño unha pregunta para vostede". Induce cercanía aos problemas cotiás das persoas. Demagoxia. A mesma que se alega para refugar ou sospeitar diletantemente do debate lingüístico ou do das caixas en campo aberto.
Foron estes dous os asuntos que protagonizaron a axenda do curso político. Poderían ter pasado máis desapercibidos. Sen nacionalismo. Non foi o caso.
O das caixas ten a ver coa capacidade de Galiza no ámbito público para dispor de mecanismos financeiros aos que botar man para o desenvolvemento socio-económico da nación. Mentres cociñan un plan en Madrid para quitarnos as caixas, Galiza estaba auditando. A Xunta auditando e toda caste de expertos clamando por datos para auditar. Reacción inicial tardía da Xunta e falta de convencemento firme na solución para garantir caixas galegas: defender a fusión entre elas. O Goberno español despreza a Galiza, máis unha vez. Zorrega contra decisións do Parlamento de Galiza e apurra a un Zarrías calquera para que todo quede claro: o voso autogoberno é noso. O PSdePachi fai reverencia a Madrid e aplican os seus alcaldes a sabiduría popular: cada can que lamba o seu carallo -con perdón-. O localismo como fórmula demagóxica para falar "do que lle interesa á xente" e actuar contra os seus intereses. O BNG no seu sitio. A política non é mero tacticismo de xogo de mesa no taboeiro do eixo dereita-esquerda.
O asunto non é alleo á crise económica que Galiza está xa a padecer coas peores cifras dos últimos anos. Ten moito a ver co que, efectivamente, é principal problema no noso país. Aquí tampouco hai goberno. Tal é a austeridade que non hai política anticrise. Será por non gastar.
Nas condicións sociais máis delicadas de incremento de desemprego e esgotamento de prestacións, castíganse e reléganse ao negocio privado servizos públicos e servizos sociais que alicerzan bases de igualdade e benestar na sociedade e que mitigan as consecuencias máis extremas da crise.
Construcción naval, pesca ou sector lácteo non están na axenda gobernamental galega, española nin europea. Si enriba da mesa por iniciativa nacionalista.
Diso se trata. De dar viabilidade a sectores só afogados por decisións políticas. De dar destino aos que quedan fóra de Citroën e outros tantos. Se a saída son só as brigadas dos Grumir vai arder Troia.
O Goberno de Galiza non fai, nin tampouco ten grandes instrumentos cun autogoberno de xoguete. O Goberno do Estado non fai, sucumbe, e tampouco dispón xa de mecanismos cedidos á UE como a política monetaria. Urxe democracia na economía fronte á dictadura dos grandes intereses privados dunha minoría, perpetuamente disfrazados de decisións técnicas inaccesíbeis ao pobo de a pé. Defendamos a intervención e planificación pública en favor do interese social da maioría. E a capacidade de Galiza para facelo en favor dos seus intereses e necesidades específicas.
O da lingua foi a cesión do Presidente 'gallego' -a verdade é que sona mal- á extrema caverna estatal e autóctona, por convicción e por débeda. O Decreto do 'gallego' -aquí si- resultou pexorativo para o noso idioma. Os seus obxectivos: persecución do galego no ensino, dar un chimpo na conquista do español e, disimula, promover a normalización lingüística do inglés en Galiza. Tamaña subversión da orde establecida mereceu tamén a resistencia de importantes institucións culturais. Uff!
Fundamentalismo antigalego, extremismo privatizador e neoliberal, destrución de proxectos positivos do nacionalismo, ineficiencia na xestión e ...fixeron algo novo? Pois non me decato. Esta é a sensación popular, en sentido lato.
Dos anos de servizo a Manuel Fraga herdou a eiva: servil cos de fóra e tirano cos de dentro. A afouteza con que agrediu o noso idioma e minimizou a resposta social facendo valer o tamaño da súa maioría absoluta (volve Pita), contrasta coa falta de firmeza fronte ao Goberno español na defensa das nosas caixas ou fronte ao insulto televisado a Galiza por parte dunha deputada das Cortes Xerais do Estado. A Xunta de Feijoo é un goberno "ensimesmado e acomplexado"; durmido na parálise e lamentando que, unha vez aprobada a oposición para gobernar, o destino fose Galiza. Ao PP non lle gusta este país.
O nacionalismo está no titular dos grandes asuntos que protagonizaron o primeiro ano de decepción social da acción de goberno do PP. E está con alternativa. Outro entusiasmo, outra confianza e outro convencemento nas propias razóns e forzas, poden facer do ano II da era Feijoo o preludio dunha Galiza esixente, si, mais non disposta a enterrarse no pasado apostando pola súa autodestrución. A ver se podemos.