Faustino Santalices. Tradición musical galega

Faustino Santalices. Tradición musical galega

O período estival, ás veces, permítenos gozar de praceres pouco habituais en outras épocas do ano, mesmo para aqueles que aínda non desfrutamos do merecido descanso laboral. Ven ao caso a recente visita ao Museo Etnolóxico de Ribadavia. Visita que, con motivo da exposición sobre a figura do musicólogo Faustino Santalices, permitiunos descubrir xoias museísiticas como é o caso, e tamén figuras senlleiras da nosa cultura musical da transcendencia de Santalices.

O Museo Etnolóxico está situado nunha antiga casa-pazo na zona histórica de Ribadavia. Os seus fondos comprenden obxectos cun ámbito cronolóxico desde finais del s. XIX até hoxe. Entre eles cerámica procedente de varios núcleos de producción autóctona, tecnoloxía e producción téxtil artesanal, ferramentas de labranza, mobiliario doméstico, utensilios de pesca fluvial, instrumentos de medida, obxectos asociados ao coidado da vide e produción e almacenaxe do viño, obxectos representativos de oficios tradicionais, fondos de indumentaria de grupos folclóricos... Actualmente o museo conta cunha exposición "semipermanente": Seguindo o fío. A tradición téxtil en Galiza, na que se fai un percorrido pola tradición, desde o século XVIII até os nosos días. Nesta exposición pódense distinguir catro ámbitos: a importancia do cultivo do liño , o "non traballo" feminino, a volta á tradición téxtil e a identidade/folclorización no téxtil. A destacar a recreación dunha mercería tradicional, con teas e obxectos de costura.

En colaboración coa Asociación de Amigos do Museo celébrase desde hai cinco anos sucesivas edicións de álbums para o reencontro, Ribadavia e os ribadavienses, exposición que recolle unha variedade de fotografías antigas cedidas pola propia veciñanza da vila e coas que cada ano se estudan distintos aspectos da vida da comarca.

A terceira exposición que na actualidade ocupa o Museo Etnolóxico de Ribadavia está adicada á figura de Faustino Santalices. Nado en Bande (Ourense) en 1877 e finado en Madrid o 6 de decembro de 1960 foi gaiteiro, interprete e artesán dos seus propios instrumentos, e ademais o investigador máis importante da zanfona na primeira metade do século XX.

Tivemos a fortuna de realizar a visita á exposición acompañados dun dos seus comisarios, os irmáns Castro Vicente, Cástor e Félix. A exposición estructúrase en oito apartados. Tras unha breve introdución na que se pon de manifesto a súa importancia como investigador, artesán e intérprete, en palabras de Ramón Cabanillas "Faustino Santalices, o meirande coñecedor, con fervente e apaixoado namoramento, da nosa anterga e venerable música" descubrimos modelos de gaitas construídas por Santalices en persoa, de magnífica factura como a bordada co seu nome no vestido do fol. A importancia da súa figura ven corroborada no cadro de Conde Corbal Persoeiros da cultura galega, no que aparece coa zanfona compartindo espazo con Castelao, Rosalía, Risco, Pedrayo, Curros e outros tantos. Como gaiteiro foi alumno do gaiteiro de Penalta e con Modesto Sánchez formou dúo de gaitas, formación innovadora para a súa época. Colaborou co coro ourensán De Ruada e tamén con Os Enxebres. En 1929 participou na gravación por primeira vez de intérpretes ourensáns e de dúo de gaiteiros. E na súa teima de perfeccionar e dignificar o instrumento editou unha pequena guía folleto titulada La gaita gallega que, con finalidade didáctica distribuíu de balde a moitos gaiteiros. No estilo de interpretación Santalices destaca no emprego da dixitación pechada, unha modalidade - a do toque pechado na gaita- difícil tecnicamente, que hoxe é practicada por moi poucos gaiteiros.

Ademáis de gaiteiro Santalices foi zanfonista e luthier dun dos instrumentos máis esquecidos da nosa tradición musical, mais con orixes nos gloriosos tempos medievais asociado aos espazos e itinerarios culturais de Europa occidental. A zanfona aparece no século XIII e desenvólvese a partir do organistrum, instrumento moi vinculado ao camiño de Santiago e representado no Pórtico da Gloria en Compostela e no Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense. A zanfona introdúcese cedo na música culta profana para ser tocada polos xograres. Mais aínda que a zanfona era un instrumento case extinto na península ibérica a finais do século XIX podemos considerar a Faustino Santalices como o último xograr galego. E como xograr o zanfonista non se pode separar da súa faceta de cantante convidado a participar en homenaxes, inaguracións, celebracións públicas, congresos de música tradicional e cultura medieval. A zanfona, di Santalices,

Son cinco cordas que cantan

que suspiran, rin ou choran,

son a ialma de Galicia

Morriñenta e soñadora.

Movido pola súa preocupación de perpetuar os seus coñecementos publica o libro La zanfona, prologado por Ramón Cabanillas, o primeiro e único método editado. Nel presenta un pequeno estudo histórico e literario, e instrucións básicas de aprendizaxe e mantemento.

A súa importante aportación á música tradicional galega como intérprete estaría suficientemente xustificada , mais haberá que engadir a faceta de artesán que o levou a aplicar un procedemento científico para a construción das gaitas. Na exposición reseñada atopamos planos e bosquexos de punteiros, así como as ferramentas precisas para a súa elaboración artesanal, e o moble no que as gardaba.

Como investigador e folclorista Santalices adicouse dende moi novo a recolleita de músicas e cantos tradicionais, e no seu arquivo consérvanse numerosas partituras e coplas de diversas procedencias das que tamén hai mostras na exposición. Preocupouse tamén da divulgación dos seus saberes participando en moitos actos e coa publicación de textos e artigos de prensa. Tamén realizou numerosas audicións radiofónicas. Foi importante así mesmo a conferencia que deu en Santiago en 1952 con motivo da inauguración del Pazo de Xelmirez e no recital-homenaxe a Ramón Menéndez Pidal, en 1954, no que deu a coñecer o Romance de don Gaiferos de Mormaltán.

Xa que logo, aproveitando o lecer do verán, recomendamos unha visita ao Museo Etnolóxico de Ribadavia que no caso da exposición de Santalices pretende recuperar a singular figura e a extraordinaria personalidade do músico, intérprete, creador e investigador galego esencial para entender a evolución do noso folclore musical.